3 días de lingua e letras

Imaxe do Festiletras 2015, que se vén celebrando dende hai 30 anos © Festiletras
Dende os actos institucionais que terán como escenario Pontevedra, ás concentracións convocadas o domingo por Queremos Galego en oito vilas e cidades, pasando por outras moitas actividades organizadas por concellos e entidades sociais, as Letras Galegas serán protagonistas ata o domingo. Facemos aquí un repaso dalgunhas delas.
 
  • Pontevedra: A boa vila concentrará unha parte moi importante dos actos ao redor do 17 de maio, sobre todo os máis ligados á figura de Filgueira Valverde. O domingo, a partir das 12.30 o Museo de Pontevedra acollerá o acto institucional organizado pola Real Academia Galega para homenaxear a Filgueira. Intervirán Víctor Freixanes, Francisco Díaz-Fierros, Xosé Ramón Barreiro Fernández e o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. Ademais, o sábado 16 ás 21 horas o Auditorio Sede Afundación de Pontevedra acollerá a quinta edición do Concerto das Letras Galegas, organizado polo Consello da Cultura Galega.
    Ademais, Queremos Galego chama a concentrarse o domingo a partir as 12 horas na Praza da Peregrina.
  • Compostela: A capital de Galicia concentra igualmente un bo número de actividades de todo tipo. A Gentalha do Pichel presenta unha intensa programación, en colaboración con Semente, CSA de Sar, CSO Escárnio e Maldizer ou Itaca, que comeza este venres coa mesa redonda 5 anos de Através, organizada por AGAL. O sábado haberá unha bicicletada pola língua e realizarase un mosaico humano pola língua. Ademais, sesión vermú, foliada e, pola noite, concertos (The Tetas' Band e Nao).
    E, por suposto, destaca a convocatoria realizada por Queremos Galego, o domingo a partir das 12 horas na Praza de Praterías.
  • Ourense: Entre o máis destacado da axenda destes días na cidade das Burgas está o coloquio que este venres se realizará no claustro de San Francisco a partir das 21.30 horas. Ao abeiro da progración Malditos/Escritores das Letras, Uxío Novoneyra fará un percorrido por aqueles autores que foron homenaxeados nos últimos 15 anos de Letras Galegas, deténdose nos máis polémicos. Seguiralle, ás 22 horas, a representación teatral Lampíricos, con Antón Lopo, para acabar ás 23 horas cunha sesión de Picaversos con Rochi Nóvoa e Celia Parra. Os actos, moi diversos, continuarán ao longo de sábado e domingo.
    De igual xeito, a Asociación cultural A Galleira organiza un roteiro poético, este venres, e un concerto de Malheira, o sábado.
    Ademais, o domingo 17 Queremos Galego chama a concentrarse ás 12 horas na praza da Imprenta.
  • Ponteceso: Dende hai 30 anos celébrase en Ponteceso o Festiletras, sete días de actividades ao redor da lingua que comezaron o pasado 10 de maio e que chegará ata o domingo 17. Un roteiro pondaliano dirixido por Xabier Couto, representacións teatrais, presentacións de libros e concertos, que continuarán ao longo desta fin de semana coa actuación de Amancio Prada e Guadi Galego (sábado 16) ou o espectáculo de A Cantar con Maria Fumaça (domingo 17).
  • Rianxo: Rianxo acollerá a Final do II Torneo de Poesía Erótica Recitada. Será o sábado 16 de maio, a partir das 22 na Cafetería Castelao. A velada poético-erótica virá presentada e amenizada por Esther F. Carrodeguas, e rematará co espectáculo Poeticlub, cabaret poético interpretado por Iria Piñeiro (DandyLady).
    Ademais, a Asociación Festival Antrospinos organiza un ano máis o domingo 17 de maio a Festa de 1906 en Campo de Pazos (Taragoña). 
  • Ferrol: Na cidade departamental destaca a programación proposta por Artábria, con sesións vermú, un mural colectivo, concertos (Os Derradeiros e Zënzar), o sábado, ademais dunha ruada normalizadora que percorrerá o barrio de Canido o domingo pola mañá, e que acompañará a concentración convocada alí mesmo por Queremos Galego a partir das 12 horas.
    Así mesmo, o domingo 17 o Ateneo celebrarará un Feirón das Letras Galegas entre as 12 e as 14 horas, no que diversas librarías e colectivos terán á venta libros e diversos materiais representativos das letras e a cultura galega. Ademais, na madrugada do sábado ao domingo, o Ateneo vai deixar agachados 40 sobres en diversas rúas e lugares de Ferrol relacionados coas letras galegas, para que as persoas que os atopen poidan canxealos por libros en galego nos locais da entidade, exclusivamente nas horas de celebración do devandito Feirón.
  • Vigo: A Sega e a Liga Estudantil Galega celebran este venres o II Día das Galegas nas Letras, dedicado este ano a María Victoria Moreno. A festa, un recital feminista con micro aberto, comezará ás 17.30 horas na Praza da Constitución.
    Así mesmo, o sábado 16 realizarase un dos Paseos polo Vigo Literario, organizado pola AELG, e dirixido nesta ocasión por María Reimóndez. A andaina partirá da Praza da Independencia e dende alí transitará por distintos espazos de En vías de extinción. Ademais, a autora compartirá tamén en exclusiva fragmentos da súa próxima novela, A música dos seres vivos.
    O 17, a partir das 12 do mediodía, haberá tamén concentración convocada por Queremos Galego, no Cruce da Vía Norte con Urzaiz.
  • A Coruña: Haberá tamén paseo literario na cidade herculina, comandado por Xurxo Souto e xa con todas as súas prazas cubertas. O sábado, dende a praia de Santo Amaro, os e as camiñantes seguirán a Ruta de Ulyses Fingal polas pedras percebeiras da Torre de Hércules. O 17 de maio, ademais, a partir das 12 horas Queremos Galego chama a concentrarse diante do Teatro Rosalia de Castro.
  • Lugo: O domingo Queremos Galego chama a concentrarse ás 11.30 horas na praza Anxo Fernández (tras o Concello).
  • Lalín: Na capital do Deza este xoves inaugurouse a exposición Xosé Filgueira Valverde. Un faro na construción de Galicia, que se poderá visitar no Auditorio Municipal ata o 5 de xuño e que Xunta e Deputación levarán a 22 concellos.
  • Ribadeo: Queremos Galego chama a concentrarse o domingo ás 12 horas nas Catro Rúas.
  • Corcubión: Este sábado a partir das oito da tarde Xurxo Souto presenta a súa performance interactiva Océanos para terrícolas sobre o seu libro Contos do Mar de Irlanda.

 

Que se vexa! o galego

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua celebra estes días o concurso Que se vexa! o galego. Abonda con facer unha foto "alí onde vexas o galego nun sitio que che guste, no que necesita ter maior visibilidade ou no que, desgraciadamente, non é do máis habitual velo". Por exemplo, destaca a CTNL, "no aviso dun ascensor, nunha pintada de declaración de amor na rúa, nun rótulo dun concesionario de coches ou nun anuncio de pizza". E, despois, publicala en twitter coa etiqueta #quesevexaogalego seguida dunha frase positiva relativa ao ámbito ao que pertence a foto. Debe facerse a partir do día 14 de maio ás 12 horas e ata o 20, tamén ás 12 horas. Os premios e desmais condicións poden consultarse na súa web.

Algúns dos actos que se organizan en Compostela © http://gentalha.org/
Cartaz de Malditos/Escritores das Letras © proNós 2020
Imaxe dos actos institucionais organizados o 17 de maio en Pontevedra © RAG
Manifestación de Queremos Galego en Vigo CC-BY-SA CIG
O Festiletras, todo un referente en toda Galicia, dende a aldea do Couto (Ponteceso) © Festiletras

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.