"O festival non é dunha persoa ou de 200, Cans pertence ao mancomún"

Centos de alumnos e alumnas de centros de ensino pasarán estes días por Cans © Festival de Cans

Xa está aquí Cans. Este mércores deu comezo a duodécima edición do festival, co Día d@s Veciñ@s, unha xornada dedicada a homenaxear aos homes e mulleres desta parroquia que ano tras ano realizan un labor imprescindible na organización do festival. Esa relación coa comunidade, co espazo, co lugar e a xente de Cans é un dos elementos que define e fai grande e diferente este certame. 

Alfonso Pato, director do festival, salienta esta vocación de traballo conxunto coa xente de Cans: "Se es un festival pequeno, non podes ser como unha franquicia que podería estar en calquera lado. Tes que botar raíces, e para iso hai que conseguir que a comunidade se identifique co festival e co que se fai. Cada veciño ten que sentirse parte del e copartícipe deste traballo. O festival non é dunha persoa ou de dúas ou das 200 persoas que traballamos na organización, o festival é de todos, o festival pertence ao mancomún, esa palabra tan bonita que hai no galego. O noso éxito no futuro reside aí, en traballar a partir desa identidade". Unha relación que lle dá forza e sentido ao festival e que asegura a súa continuidade: "Hai que comezar a construír que haxa un relevo, xente, rapaces, que continúen co festival cando os que estamos agora levando o peso xa non esteamos", destaca.

O outro labor de construción do festival refírese á construción de novos públicos. Xa hai catro anos que se vén organizando o chamado Cans do Futuro, actividades pensadas para o alumnado dos centros de ensino, que se achegan así ao certame, á parroquia e ao propio cinema e audiovisual. Neste 2015 serán ao redor de mil os nenos e nenas que pasarán por Cans polas mañás. Verán dúas as curtas gañadoras da edición de 2014 (Tupper e Ser e voltar) e poderán falar con actores e directores. "O que queremos é, partido do audiovisual, é facer un festival atractivo para os rapaces e rapazas, creando e consolidando un público para o futuro", salienta Pato.

"Queremos que as familias pasen aquí o día, que vivan unha experiencia diferente do festival, con contidos pensados especificamente para eles"

Esta aposta polos máis pequenos complétase coas cada vez máis variadas actividades progamadas para o público infantil e as súas familias: música, xogos e proxeccións agrupadas na sección MiniCans, que se desenvolverá o sábado pola mañá no Parque do Río, unha das zonas menos coñecidas de Cans para os visitantes de fóra. "Queremos que as familias pasen aquí o día, que vivan unha experiencia diferente do festival, con contidos pensados especificamente para eles" coma A Caixa de Mistos de Mr. Misto, o lugar escollido en Cans para que a rapazada poida ver curtas de animación e audiovisuais de contido infantil, todo dentro dunha caravana convertida nunha curiosa sala de cine. Ou Muller Cine, un espectáculo de Suso Alonso e Blanca Cendán que aúna música e cinema.

Cans pode presumir, ademais, de manter (a pesar das dificultades que sofre calquera festival) dunha boa saúde económica, que foi quen de, progresivamente, ir dependendo cada vez menos das axudas e apoios das administracións públicas. "Este ano, ao final, no derradeiro segundo, foron solucionándose cousas con algunhas convocatorias de subvención" -comenta Alfonso Pato- "E ese é o problema, que as axudas públicas cando chegan fano no último momento, e non se pode construír un proxecto de futuro tendo esa incerteza, sen facer por exemplo convenios a dous ou tres anos, de xeito que poidas facer unha mellor planificación". "Temos algo máis de 20 mil euros de Agadic, temos o apoio do Concello do Porriño e algo menos da Deputación e esperamos poder contar coa axuda do Ministerio, que o pasado ano foron 4.000 euros. Pero, en calquera caso, o noso orzamento son 120.000 e as axudas públicas non superan o terzo. Somos un festival que xera moitos recursos propios, entre os ingresos por venda de entradas, merchandising, camisetas, alimentación e bebida", destaca.

"O noso orzamento son 120.000 e as axudas públicas non superan o terzo. Somos un festival que xera moitos recursos propios"

Recomendacións para estes días pódense facer moitas, pero -ademais das máis coñecidadas e rechamantes, coma as estreas ou os concertos: Sidonie, Def con Dos...- Alfonso Pato queda con tres: "En Cans sempre apostamos por espazos non convencionais e singulares para a realización de actividades. E este ano incorporamos O concerto da placa, que este ano permitirá ver a Luar na Lubre tocando enriba da Placa de Bugarín, xusto despois da estrea de Torre de Breoghán. Algo único". O director do festival salienta igualmente a presentación do documental Dos gaiteiros do Mar, de Xurxo Souto. Unha presentación á que seguirá a actuación de Manuel Sotelo 'Manoliño de Donón', protagonista do filme, no Jaliñeiro de Cans. Por último, Pato lembra a importancia que para o festival ten a sección Fill@s de Cans, que permite descubrir as primeiras imaxes das primeiras longas de cineastas que amoaron as súas curtas en anteriores edicións de Cans. É o caso de Dani de la Torre ou Simón Casal. 

 

 

Unha ducia de Cans

"En Cans sempre apostamos por espazos non convencionais e singulares para a realización de actividades. E este ano incorporamos O concerto da placa"

Cans chega este ano á súa duodécima edición. En Praza xa lle dedicamos a obrigada ducia (este ano máis ca nunca) hai uns meses, repasando doce momentos que foron importantes nas once primeiras edicións do certame. Ademais, dende a organización do festival propoñen outra ducia, con outras tantas recomendacións que calquera persoa que se achegue ao Porriño non debería perder este ano:

  1. Conversar con José Luis Cuerda na Leira de Alicia… e con Javier Gutiérrez ou Nerea Barros, entre outros moitos, en calquera recuncho do festival.
  2. Ver o filme A CAMBIO DE NADA, de Daniel Guzmán, que vén de arrasar no Festival de Málaga.
  3. Vibrar cos concertos de Dos Tenores, Def Con Dos e Sidonie no Torreiro de Cans.
  4. Gozar co primeiro Concerto na Placa de Bugarín da historia, o de Luar na Lubre, despois da estrea mundial do documental Torre de Breoghán.
  5. Re-descubrir a Ángel Carmona, de Radio 3, na súa faceta de DJ.
  6. Coñecer, en exclusiva mundial, material inédito do novo proxecto de Juanma Bajo Ulloa, Rey gitano, da man de Manuel Manquiña e Tony Lomba, que farán unha singular presentación dun fime que ten moito que ver co Festival de Cans.
  7. Aprender coa nova sección, Rebobinando (se puidese voltar atrás), qué cambiaría o equipo de A Esmorga Filme do filme que arrasou nos cinemas galegos e que agora se presenta nos do resto do Estado.
  8. Seguir o camiño dos Fill@s de Cans con longas xa avanzadas como Pablo Romero-Fresco, Simón Casal, Dani de la Torre, Alberto Vázquez e Cristóbal Arteaga ou en fase de guión, como Juan Galiñanes, Xabier Bermúdez, Miguel Barros, Xacio Baño, Alfonso Zarauza e Daniel Froiz.
  9. Rir co humor gráfico especialmente adicado a Cans polo grandísimo Xaquín Marín.
  10. Achegar aos nenos e nenas á cultura audiovisual, cunha programación especialmente pensada para eles e un espazo de xogo perfecto para pasar un sábado primaveral en familia.
  11. Vivir a apertura do Muro dos Chimpíns, que dará acubillo aos Premios Pepe Puime, os máis emotivos do Festival.
  12. Emocionarse co CanSonoro orquestrado Xurxo Souto xunto aos AcordeCans e, en xeral, achegarse a uns veciños e veciñas que son os mellores embaixadores da aldea máis cinematográfica de Galicia… e de parte do estranxeiro!
Centos de alumnos e alumnas de centros de ensino pasarán estes días por Cans © Festival de Cans
Cartaz da edición 2015 do festival © Festival de Cans
Presentación da 12ª edición do Festival de Cans © Festival de Cans

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.