O Vigo de Paz-Andrade centrou os actos oficiais do 17M

Actuación de Son de Seu no descubrimento da placa en honor a Paz-Andrade Dominio Público Praza Pública

Se a celebración máis popular e reivindicativa tivo Compostela como escenario, a oficial e académica, dedicada á figura de Valentín Paz-Andrade, centrou os seus actos en Vigo. Comezou coa homenaxe do Concello, que descubriu unha placa no Sanchón, onde Paz Andrade desenvolveu a súa carreira; no acto interviron o seu fillo Alfonso e a súa neta, que leu o poema Cando ti volvas. Ademais, falou o alcalde da cidade, Abel Caballero, que destacou o seu impulso "á democracia, á cultura e a empresa servindo sempre á causa de Galicia" e actuou Son de Seu, ante o numeroso público que asistiu, en Policarpo Sanz.

Vence salientou que Paz-Andrade foi "un patriota galego, que nunca caeu no provincianismo" e que "predicou co exemplo" e foi "un home de acción"

A seguir, celebrouse unha sesión plenaria extraordinaria e pública da Real Academia Galega na sede Fundación Barrié na cidade olívica, na que interviron Xavier Vence, Manuel Rivas, Ramón Villares, Xosé Ramón Barreiro e Xesús Alonso Montero. Vence salientou que Paz-Andrade foi "un patriota galego, que nunca caeu no provincianismo" e que "predicou co exemplo" e foi "un home de acción". Pola súa banda, Rivas salientou o seu labor xornalístico: "Poesía e xornalismo teñen e común a capacidade de traspasar o prohibido, e Valentín Paz-Andrade deixou bos exemplos de poesía e de xornalismo" e dixo que "en Galicia fomos capaces de facer a mellor prensa, eis o seu Galicia, un lugar de encontro modélico".

Pola súa banda, Villares centrou o seu discurso na vocación de universalidade do homenaxeado: "Apostou por colocar a Galicia no mundo, sen deixar de ser galego" e recordou o seu papel na Transición: "Ocupou na comisión dos 10 a cadeira de Galicia, xa que gozaba a lexitimidade moral do galeguismo republicano". Finalmente, Alonso Montero salientou a calidade da poesía de Paz-Andrade, que -dixo- foi un exemplo de como "a poesía é unha forma de achegarnos a realidade, sobre todo cando bate na nosa contra".

O terceiro dos actos oficiais tivo como escenario o CEIP Valentín Paz-Andrade, onde se celebrou o acto da Xunta de Galicia e se inaugurou unha exposición sobre o homenaxeado. Alí falaron de novo Alfonso Paz-Andrade, Abel Caballero e Xosé Luís Méndez Ferrín, que confirmou que a finais de ano a RAG organizará un congreso científico sobre o homenaxeado. Tamén falou Alberto Núñez Feijoo. O presidente da Xunta afirmou que “celebramos hoxe unha lingua que une e unha cultura que nos proporciona unha proxección exterior que non teñen todos os territorios. Esa lingua e esa cultura fannos estar no mundo co noso propio cerne, e dannos a posibilidade de sermos un país máis próspero. Pensemos por exemplo na conexión que temos co mundo lusófono grazas ao galego”.

Núñez Feijoo salientou que a lingua "danos a posibilidade de sermos un país máis próspero. Pensemos por exemplo na conexión que temos co mundo lusófono grazas ao galego”

Así mesmo, Núñez Feijoo salientou o papel de Vigo na traxectoria de Paz-Andrade: “Vigo foi a súa gran paixón, pero unha paixón sen muros, que obrigaba a ampliar os horizontes. Vigo foi o seu punto de apoio para transformar Galicia enteira e proxectala ao mundo” e a vocación universalista do homenaxeado: “No seu labor intelectual, empresarial, político hai un anhelo permanente por atopar novas rutas que amplíen as marxes da galeguidade”.

Xavier Vence intervén do acto organizado pola RAG Dominio Público Praza Pública
Acto oficial da Xunta, no CEIP Valentín Paz-Andrade Dominio Público Praza Pública
Actuación de Son de Seu no descubrimento da placa en honor a Paz-Andrade Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.