O Resurrection Fest quence motores cun cartel de luxo

Panorámica dos concertos © Resurrection Fest

O Resurrection Fest celebra este ano a súa décima edición -unha década de paixón, como destaca o seu lema-, na que unha vez máis levará a Viveiro a milleiros de afeccionados ao metal, o punk e o hardcore, procedentes de toda España e Portugal. O pasado ano máis de 40.000 persoas pasaron pola vila lucense, e este ano o número non será menor, cun cartel de auténtico luxo no que destacan bandas coma Motörhead, KoRn ou Refused. A cita é do 16 ao 18 de xullo, con entradas a 89 euros para os tres días.

O festival leva dez anos medrando, dende os seus modestos inicios, en 2006. O seu director, Iván Méndez, sinalaba o pasado ano en entrevista con Praza que "para nós a clave do festival é crear unha lealdade entre os nosos asistentes, é dicir, que ao día seguinte de que rematen os concertos xa estean pensando en vir o ano seguinte" e salientaba a importancia crecente da cita para Viveiro, a súa economía e a súa proxección exterior: "Todos os habitantes saben que o festival é moi importante a nivel económico para a comarca, e tamén porque dá a coñecer Viveiro non só en toda España, senón en boa parte de Europa".

Dos receos de moitos veciños ante a avalancha de melenudos, roupas escuras, piercings e decibelios, até a completa aceptación deste evento, todo un símbolo da vila mesmo fóra de Galicia. "A capital do Landro era o San Roque, O Naseiro e para nostálxicos da canción lixeira, a vila do Festival da Canción do Landro", destacaba Ramón Mariño hai dous anos na súa crónica do festival, na que constataba que "ao final eses xinetes da apocalipse que son as persoas amantes do hard e o punk, acaban ben integrados nun intenso día a día de só tres xornadas".

Motörhead, Korn, Refused, In Flames, Biohazard, Fear Factory, Danko Jones, Black Label Society ou Cannibal Corpse encabezan o cartel. KoRn celebrarán a súa xira 25º aniversario con data exclusiva en España no festival e cun setlist de luxo, incluíndo integramente o seu primeiro álbum, KoRn, un disco que cambiou a historia do metal para sempre e co maior legado da historia no xénero, ademais de ofrecer todos os seus mellores éxitos. Destaca a presenza dos lendarios Motörhead, banda británica de hard rock capitaneada polo gran Lemmy Kilmister, que no acudía a España dende 2011.

Por outra banda, Refused demostrarán que non estaban mortos. Os suecos, unha das bandas máis importantes da historia dentro do hardcore melódico, regresan para tocar en España en data igualmente única no Estado. Cómpre salientar igualmente a presenza dos navarros Berri Txarrak, quen ofrecerán un concerto moi especial no Resu con motivo do seu 20º aniversario, os madrileños Toundra estreando disco, Moonspell, a banda de metal máis grande de Portugal, ou os suecos black - metaleiros Dark Funeral.

 

Un festival que xera 250 empregos

A importancia deste evento pode entenderse nunha cifra: os 250 empregos que crea en Viveiro durante varias semanas, sobre todo na semana de celebración do festival. De feito, esta mesma semana o Resu lanzou a habitual convocatoria para a contratación de 100 persoas para as distintas áreas do festival, dende as vendas de entradas, postos de camareiros e camareiras, información e tamén a relación cos artistas e bandas, unhas funcións para a que se esixe o dominio do inglés. O pasado ano presentáronse máis de 300 curriculums para estas 100 prazas.

A construción de infraestruturas para o festival comezou xa fai tres semanas a cargo de empresas locais. A organización calcula que a montaxe do recinto, que ocupará de novo toda a área deportiva de Lavandeiras, se iniciará a mediados da próxima semana.

Cartel do Resurrection Fest 2015 Dominio Público Praza Pública
O Resurrection Fest leva cada verán a Viveiro a milleiros de persoas de toda a Península © Resurrection Fest
KoRn serán uns dos protagonistas do festival Dominio Público Praza Pública
Motörhead encabezan o cartel o venres, segunda xornada do festival © Resurrection Fest

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.