Tres días para unir (un pouco máis) Galicia e Portugal

Cartaz do evento © Cultura que une

Galicia e Portugal están perto, moi preto, xeograficamente e tamén a través da cultura e da lingua. E, no entanto, ás veces semellan tan distantes, sobre todo cando esa proximidade cultural se quere poñer en práctica, cando un artista, colectivo, autor ou autora do sur do Miño quere actuar en Galicia ou un galego ou galega busca amosar o seu traballo en Portugal. En marzo naceu Culturaqueune, unha rede de persoas e entidades "dispostas a compartir e a intercambiar manifestacións e expresións da cultura galego-portuguesa", que buscan dende a sociedade civil e a iniciativa privada, co apoio de institucións públicas, facilitar todos os procesos de intercambio, poñendo a disposición dos autores e artistas espazos, mecanismos de difusión e todos os demais apoios que necesiten.

En marzo naceu Culturaqueune, unha rede de persoas e entidades "dispostas a compartir e a intercambiar manifestacións e expresións da cultura galego-portuguesa"

A rede iniciou o seu traballo en maio cun completo programa de actividades na vila lusa de Amarante e esta semana, do 10 ao 13 de xuño, farao na Coruña, e o obxectivo é que este dobre festival se repita todos os anos en dúas localidades galegas e portuguesas. As actividades comezarán o mércores 10, Día de Camões, e festa nacional de Portugal. A sede da Real Academia Galega acollerá unha mesa redonda na que Norberto Cunha, Paulo Vieira de Castro, Paulo Samuel e Gaspar Martins Pereira analizarán "as relacións intelectuais entre Galicia e Norte Portugal". Así mesmo, inauguraranse exposicións de fotografía, pintura e escultura en distintos espazos da cidade (Sala María Pita, Linda Rama, Monty e I.E.S Menéndez Pidal) e nos Xardíns de San Carlos celebrarase un recital de poesía de clásicos galegos-portugueses.

As actividades comezarán o mércores 10, Día de Camões

Xoves e venres será a quenda da música con tres concertos. O sábado as actividades multiplicaranse, cun encontro de poetas en Linda Rama coa participación de Alfredo Ferreiro, Amadeu Baptista, Carlos DA Aira. João Madureira, Ramiro Torres, Virgínia do Carmo e Yolanda Castaño; unha sesión de contadores de historias; e a proxección do filme mudo Carmiña Flor de Galicia, co acompañamento musical de Cántigas da Terra. Así mesmo, Maquinaria Pesada acollerá un encontro dos artistas participantes para tratar de futuras iniciativas conxuntas.

Xa en 1921, hai 94 anos, A Coruña acollera un evento semellante, coa visita dunha delegación cultural portuguesa presidida polo filósofo Leonardo Coimbra

Os organizadores desta iniciativa lembran que xa en 1921, hai 94 anos, A Coruña acollera un evento semellante, coa visita dunha delegación cultural portuguesa presidida polo filósofo Leonardo Coimbra (a quen tratara Vicente Risco na súa estadía na Universidade do Porto en 1920, estadía na que Leonardo Coimbra lle presenta Teixeira de Pascoaes ao intelectual galego). Coimbra ven acompañado do Orfeón do Porto e dos artistas João Peralta e Octavio Sérgio, que expoñen na cidade herculina. Cántigas da Terra e o artista Cebreiro, entre outros, recibiron a delegación lusa.

 

Unión dende a base

“Notamos que hai locais que precisan de actividade, de contidos culturais, e artistas e autores que necesitan de locais para difundir o seu traballo e as súas creacións"

A iniciativa está promovida por AGAL, Ponte nas Ondas e a Fundación Vicente Risco pola parte galega; e pola cámara municipal de Famalicão, o Museu Bernardino Machado ou a Casa Museo de Monção pola portuguesa, co apoio de institucións coma a Real Academia Galega, a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense ou a Academia Galega da Língua Portuguesa. “Notamos que hai locais que precisan de actividade, de contidos culturais, e artistas e autores que necesitan de locais para difundir o seu traballo e as súas creacións", explicaba en marzo Luís Martínez-Risco, que sinalaba que "non queríamos ficar aí, reducidos a unha especie de mercadeo de locais e artistas ou a unha caste de axencia de colocación, senón que tamén queríamos dotar o proxecto de contido e dunha filosofía”. “A filosofía” -contaba- “é que hai unha Eurorrexión e un Eixo Atlántico, pero estas son estruturas que só funcionan dende arriba e nas que só teñen voz os grandes: os concellos, os Gobernos e as grandes institucións, pero nas que non se está traballando dende a base”

Cartaz do evento © Cultura que une

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.