Cemento sobre nove séculos de historia no Castelo de Monterrei

Resultado das obras levadas a cabo na fortaleza medieval para convertela nun hotel © Plataforma pola Defensa do Castelo de Monterrei

"O cemento de Monterrei é unha especie de lápida a maior gloria da Xunta e de todos aqueles que están empeñados en facer desaparecer a Monterrei da Historia. A maior barbaridade dos tempos modernos”. Así define Ramón García Gómez -profesor de Dereito Civil na Universidade de Salamanca, especialista e investigador de fortalezas- o resultado das obras levadas a cabo nos últimos meses no castelo e nas que, por exemplo, se cubriu de cemento a súa entrada e o seu patio de armas.

"Tiñamos unha das mellores fortalezas de Galicia e hoxe temos un hotel vulgar"

A Plataforma pola Defensa do Castelo de Monterrei cualifica de "desfeita" e de "atentado cultural" as obras, destinadas a cambiar os usos deste monumento do século XII (Ben de Interese Cultural) para convertelo nun hotel de luxo. Esta indignación, que levan meses facendo pública, medrou aínda máis nos últimos días, ao comprobar "como as obras se realizaron sen ningún respecto ao monumento, esnaquizando partes importantes do mesmo". "Tiñamos unha das mellores fortalezas de Galicia e hoxe temos un hotel vulgar. Parece que en vez que adaptar o Parador ao castelo buscaron cambiar o castelo para adaptalo ao Parador", conclúen. "O máis grave" -engaden- "é que son as administracións públicas as responsables desta desfeita, incumprindo a súa obriga legal de protección do patrimonio cultural de Galicia". E salientan que "o cemento da entrada e do patio de armas é o símbolo da ignorancia e o desprezo pola cultura e a historia da Xunta de Galicia".

Rebeca Blanco Rotea: "Estes cambios pesarannos moito co tempo, tanto como o cemento que levan enriba"

A indignación chega aos moitos investigadores e investigadoras que no último ano elevaron a súa voz ante unha actuación que ameaza a integridade deste monumento. Neste senso, Rebeca Blanco Rotea, especialista en Arqueoloxía da Arquitectura e membro do Consello da Cultura Galega, maniféstase "sorprendida" pola a imaxe do camiño de acceso ao Castelo de Monterrei "chairo e cementado". "Nese momento asaltábame unha pregunta: que pensarían a cidadanía e os xestores patrimoniais se cementaran e alisaran o acceso ó Hostal dos Reis Católicos?", pregúntase. E subliña que "igual os tacóns o agradecen, pero o patrimonio non. Cada vez esquecemos máis que os monumentos non son iconas illadas na paisaxe, teñen un contexto, as arquitecturas, os camiños, a contorna... forman parte deles". "Estes cambios pesarannos moito co tempo, tanto como o cemento que levan enriba", conclúe.

Ramón García Gómez: "O cemento de Monterrei é unha especie de lápida a maior gloria da Xunta e de todos aqueles que están empeñados en facer desaparecer a Monterrei da Historia. A maior barbaridade dos tempos modernos”

O xa citado profesor Ramón García Gómez é aínda máis duro e cualifica a actuación promovida pola Xunta como “o maior e máis infamante desprezo á Arte e á Historia" e unha "salvaxe destrución do Patrimonio histórico de Galicia". García Gómez afirma que "estamos ante unha das maiores catástrofes na historia do patrimonio nas últimas décadas, alentado por unha Administración Pública que, en aras de mercantilizar un ben de interese cultural, abandona as súas obrigas legais". "O cemento de Monterrei é unha especie de lápida a maior gloria da Xunta e de todos aqueles que están empeñados en facer desaparecer a Monterrei da Historia. A maior barbaridade dos tempos modernos”, conclúe.

 

"Tristura e rabia"

Dende a Plataforma afirman sentir "tristura e rabia" ante "a agresión sufrida á nosa identidade secular, a nosa paisaxe sentimental e material", consecuencia "dunha decisión irracional, avalada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural". Describen o aspecto que nestes días presenta o castelo, denunciando que "a elegante beleza da Torre das Damas" ficou "estragada co cuberto engadido que sobresae das almeas e rompe radicalmente o perfil da fortaleza", e criticando "o abandono do entorno inmediato do castelo, coas casas en ruínas e invadido polas herbas e as silvas o espazo entre murallas" e o "cemento agochando as pedras e a terra".

A Plataforma lembra que "hai recursos xudiciais sen resolver que poden ilegalizar o hotel", o que podería supor "un novo malgasto do diñeiro público".

A Plataforma subliña que esta opinión é compartida por numerosas institucións culturais galegas, pola gran maioría dos partidos políticos e polos habitantes da comarca, "como se reflicte nos resultados das recentes eleccións municipais". "Só o PP apoia o hotel no Castelo e aínda non sabemos por que", din. Nos comicios do 24M en Monterrei o Partido Popular foi a forza máis votada, co 59% dos apoios, perdendo nove puntos con respecto aos resultados de 2011. En Verín, onde o conflito xerado polo cambio de usos do Castelo tamén estivo moi presente na campaña, o PP perdeu o goberno local, que pasa a mans do PSdeG-PSOE, co apoio do BNG; os populares pasaron nesta vila do 57% ao 38% dos votos.

"Sempre consideramos que o proxecto é un disparate, un atentado cultural que empobrece á cidadanía e, ademais, sen ningún dato obxectivo que xustifique a súa rendibilidade futura", sinalan, lembrando ademais que "hai recursos xudiciais sen resolver que poden ilegalizar o hotel", o que podería supor "un novo malgasto do diñeiro público". A resolución destes recursos xudiciais podería producirse nas vindeiras semanas ou meses.

Integrantes da Plataforma estarán presentes este sábado nos actos de investidura dos novos gobernos municipais en Monterrei e Verín

Integrantes da Plataforma estarán presentes este sábado nos actos de investidura dos novos gobernos municipais en Monterrei e Verín, onde farán ver a súa oposición ao proxecto. Ademais, permanecen moi atentos e atentas á inminente inauguración do hotel, aínda sen data confirmada. Alertan de que dende a Xunta se podería estar buscando ocultar ao máximo esta cerimonia, sen anuncios previos e nun día entre semana, para evitar no posible os actos de protesta ou reducir o seu impacto.

O cemento cobre o patio do Castelo e a súa entrada © Plataforma pola Defensa do Castelo de Monterrei
O cemento cobre o patio do Castelo e a súa entrada © Plataforma pola Defensa do Castelo de Monterrei

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.