O deseño galego xúntase en Rianxo para analizar a situación da profesión

Cartaz do encontro © DAG

Os e as profesionais do deseño en Galicia teñen unha cita en Rianxo o vindeiro 31 de xullo e 1 de agosto, no 1º Encontro de deseñadoras e deseñadores galegos, organizada pola Asociación Galega de Deseñadores (DAG). O obxectivo do encontro é analizar a situación da profesión no contexto máis próximo, poñendo en común e aprendendo a partir das experiencias dos profesionais do deseño galego.

A organización do evento destacan que a iniciativa, con vontade de ter continuidade, enmárcase dentro dunha das liñas de actuación da DAG "que busca descentralizar os eventos de deseño e achegar estes tamén ás vilas pequenas". O lugar elixido para esta primeira edición foi Rianxo, concello que colabora na organización da xuntanza e que cede o auditorio da vila para a súa celebración.

O encontro comezará cun debate sobre "Políticas de deseño para Galicia" moderado por Uqui Permui. Haberá ademais dúas conferencias; unha a cargo de Marcos Dopico, que falará sobre "Tipografía personalizada para sistemas de identidade corporativa"; e outra, ofrecida por Pepe Barro, titulada "Arquivar, mostrar, estudar o deseño galego". No encontro tamén se realizarán presentacións de dez proxectos e de profesionais que traballan no país: Antón García Seoane, Costa, Óscar Otero, Sond3, Uqui Permui, Desoños, Cenlitrosmetrocadrado, Artworkatwork, desescribir, Pancho Lapeña, Martiño Villaverde e Ekinocio.

A xuntanza pecharase o sábado pola tarde cunha visita guiada á casa natal de Manuel Antonio, que contará coa explicación de Xosé Luis Axeitos. Ademais, celebraranse dous xantares comúns, afondando no obxectivo deste evento de servir de punto de encontro do sector en Galicia, afianzando o coñecemento recíproco dos e das profesionais, das tendencias e proxectos e marcha, e mellorarn a súa organización e coordinación.

Cartaz do encontro © DAG
Interior da casa-museo de Manuel Antonio © Turgalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.