15 razóns para ir a Cans

Xurado dos veciños e veciñas © Festival de Cans

“Temos moi presente a importancia de non perder a esencia do que somos: poderíamos encher varios alpendres e vender tres mil entradas, pero iso non é o que buscamos, pero queremos gardar a esencia e o encanto, non debemos renunciar ás orixes e ao que somos: un festival que se fai no rural, en colaboración cos veciños”. Fala Alfonso Pato, coordinador do Festival de Cans, que este mércores se inicia en Porriño co Día dos Veciños, aínda que os días grandes chegarán o xoves e sobre todo o venres e o sábado.

"Non debemos renunciar ás orixes e ao que somos: un festival que se fai no rural, en colaboración cos veciños”

Cans crece todos os anos; o que naceu como un pequeno festival de exhibición de curtas, realizado iso si nun entorno moi singular e coa implicación dos veciños, hoxe atrae milleiros de persoas e programa cada ano ducias de actividades ao redor do audiovisual, cunha especial preocupación por propiciar o encontro entre creadores, entre creadores e o público, e en promover os novos talentos e os proxectos innovadores. Todo iso, unido a unha organización que sempre deixou máis que satisfeitos os participantes, converteu a Cans nun festival de sona en toda a Península e situou nos mapas esta pequena parroquia do Porriño. Tanto, que o pasado ano a CNN mesmo situou a celebración do cumio do G20 (en Cannes) no suroeste de Galicia.

A pesar da multiplicación das actividade Alfonso Pato ten claro que “a base do festival é a peza curta: de ficción, de animación, documental...”, e ao seu redor xiran a meirande parte dos eventos. Cans nota a crise "coma todos", di Pato, que engade que onde máis se percibe é “no aspecto creativo" pois "recibimos moitas menos pezas de animación e nas curtas de ficción notamos que pola ausencia de axudas chegan cada vez máis traballos de galegos realizados fóra de Galicia”.

"Nós somos o último elo desa correa de transmisión; de nada serve que haxa festivais se non hai recursos para apoiar a creación"

Son precisamente este tipo de traballos, a base do festival, os que máis directamente poden notar os recortes nas axudas á produción e as axudas ao talento, non convocadas este ano: “Nós somos o último elo desa correa de transmisión; de nada serve que haxa festivais se non hai recursos para apoiar a creación, de igual xeito que non serviría de nada que se producisen filmes se non houbese distribución”, di Pato.

Pato salienta que os principais cambios nesta edición son organizativos e internos: "Este ano temos máis noción do que é este festival, que creceu moi rápido. E este ano estamos facendo algo que non fixéramos en anos anteriores, que é pasar moitas horas organizándonos internamente". O ano que vén Cans fará dez anos. Quen llelo ía dicir cando todo comezou cun xogo de palabras?

Presentación dunha edición do festival de Cans © Festival de Cans
Alfonso Pato Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.