Inícianse os traballos arqueolóxicos do proxecto Costa dos Castros

Traballos realizados pola Deputación de Pontevedra © Proxecto Costa dos Castros

Este luns 3 de agosto comezarán os traballos arqueolóxicos no xacemento da Cabeciña en Oia, ao abeiro do proxecto Costa dos Castros, unha proposta de dinamización social e turística a través do patrimonio impulsada por catro comunidades de montes do Baixo Miño xunto co Concello de Oia. O obxectivo é investigar este castro e os petróglifos circundantes, nunha acción que tamén ten unha intención divulgativa: o público está convidado a visitar A Cabeciña e ver a arqueoloxía en acción; haberá tamén visitas guiadas gratuítas diarias e un ciclo de "barferencias" en locais da zona.

"É un proxecto de posta en valor; queremos preparar a área para a súa restauración o ano que vén. Por iso prestaremos especial atención á correcta evacuación da auga na sondaxe"

A escavación está impulsada pola Comunidade de Montes de Mougás e conta co apoio do Incipit-CSIC. Os traballos centraranse en ampliar a sondaxe 3, aberta a principios deste ano por arqueólogos da Deputación de Pontevedra. O traballo da Deputación revelou varias estruturas superpostas que parecen suxerir tres fases de ocupación do castro, entre a I Idade do Ferro (século VIII-VII a.C) e a época final da cultura castrexa (século I d.C). Durante este mes de agosto quérese seguir escavando a sondaxe para datar as estruturas con maior precisión, confirmar as fases de ocupación e tamén descubrir as funcións dos distintos edificios. Paralelamente elaborarase unha serie de rexistros en 3D do recinto arqueolóxico.

"É un proxecto de posta en valor; queremos preparar a área para a súa restauración o ano que vén. Por iso prestaremos especial atención á correcta evacuación da auga na sondaxe" explica Carlos Otero Vilariño, director arqueolóxico. Como asesora de conservación estará Yolanda Porto. Tamén forman parte do equipo técnico o arqueólogo Israel Alcón e os arqueólogos ingleses John Etté e Sarah Buckingham.

O equipo estará asistido por un grupo de voluntarios vidos de diferentes puntos de España, Portugal, Inglaterra e Canadá

O equipo estará asistido por un grupo de voluntarios vidos de diferentes puntos de España, Portugal, Inglaterra e Canadá. "Eu xa estiven en Mougás o ano pasado e namorei do xacemento. Estou moi ilusionada por empezar a escavar e ver que descubrimos” conta Alba, voluntaria e estudante de arqueoloxía na Universidade de Barcelona. A participación de voluntarios e o carácter comunitario da escavación serán estudados pola antropóloga do Incipit-CSIC Guadalupe Jiménez, como exemplo de novas formas de facer arqueoloxía. Por iso estará en campo durante todo o mes de agosto observando a iniciativa no marco do proxecto europeo NEARCH. A institución de investigación Incipit-CSIC tamén colabora co proxecto dispoñendo de ferramentas e tecnoloxía para a escavación.

O público está sempre benvido a visitar a escavación e ver os traballos arqueolóxicos in situ. Durante todo agosto haberá visitas guiadas gratuítas ás 12:00 de martes a domingo, máis unha sesión ás 19:00 os sábados e domingos

O público está sempre benvido a visitar a escavación e ver os traballos arqueolóxicos in situ. Durante todo agosto haberá visitas guiadas gratuítas ás 12:00 de martes a domingo, máis unha sesión ás 19:00 os sábados e domingos. Outras actividades paralelas á escavación e abertas ao público inclúen un ciclo de "barferencias" divulgativas nos que participan Carlos Otero e os investigadores do CSIC Cristina Sánchez, César González e Guadalupe Jiménez.

Ademais todo o mundo poderá seguir o desenvolvemento da escavación a través das páxinas web e redes sociais de Proxecto Mougás e Costa dos Castros. "A nosa idea é facer que a arqueoloxía sexa accesible a todos e á vez fomentar as visitas á zona" explica Xosé Gago, coordinador de Costa dos Castros. A escavación do castro da Cabeciña enmárcase neste proxecto de dinamización turística da costa sur de Galicia.

Outras actuacións previstas para este ano dentro de Costa dos Castros son a limpeza da estación de arte rupestre Auga dos Cebros en Pedornes, un levantamento topográfico do castro de Cano dos Mouros en Viladesuso e unhas sondaxes valorativas no castro de Chavella en Oia. Actualmente hai en marcha unha campaña de micromecenado para financiar estas actuacións que axudarán a comprender mellor a paisaxe e a historia deste tramo de costa ao sur de Galicia. Pódese colaborar a través da páxina web de Costa dos Castros.

Traballos realizados pola Deputación de Pontevedra © Proxecto Costa dos Castros
Castro da Cabeciña © Costa dos Castros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.