A arte secuencial de Will Eisner

Capa de 'Contrato con Deus' © Rinoceronte Editora

Os seareiros fieis da BD saben ben o que Will Eisner (1917-2005) representa para esta arte. Pero, para aqueles menos familiarizados co tema, non estará de máis lembrar que este neoiorquino é o creador da novela gráfica tal e como hoxe a coñecemos e que moitas das súas aventuras cómicas son clásicos de culto en todo o mundo. A por el denominada arte secuencial revolucionou o desenvolvemento da narrativa e a linguaxe visual da BD ata o punto de que hai un antes e un despois de series como The Spirit, John Law, Lady Luck, Mr. Mystic, Uncle Sam, Blackhawk ou Sheena. Tanto é así que os máis prestixiosos premios de BD do planeta levan o seu nome e son unanimemente recoñecidos como os óscars do cómic.

Sabido o anterior, non parece cuestionable a pertinencia da tradución de calquera título de Eisner para o galego. Se a obra escollida é, amais, a mítica A Contract whit God (1978) non podemos menos que subliñar que estamos ante unha excelente nova pola que cómpre congratularnos e parabenizar a Rinoceronte Editora e o tradutor Rafael Salgueiro, pois da man de ambos os dous ve luz agora Contrato con Deus como terceiro volume da colección de Novela Gráfica do selo cangués.

En realidade, neste caso non nos atopamos tanto ante unha novela gráfica propiamente dita como ante un conxunto de relatos gráficos que comparten como vencello común o desenvolver as súas diferentes tramas nun mesmo espazo: a Dropsie Avenue, no Bronx, lugar no que se criou Eisner e que aquí fornece a arxila coa que moldear as historias ficcionalizadas a partir dun evidente substrato autobiográfico.

O primeiro dos relatos gráficos é o que dá título ao libro, unha historia sobre o Ben e o Mal, sobre a relación do ser humano coa divindade e as discutibles ortodoxias das relixións no seu encarrilamento das pulsións da fe dos crentes.

Eisner crea unha armazón e unha linguaxe para a BD ata aquel momento case inéditas

A segunda das tramas, O cantante de rúa, ocúpase da dura vida dos cantantes ao aire libre, das miserias e ilusións que alimentan a súa marxinalidade e tamén dos seus soños truncados que tantas veces os esmagan.

O Súper é unha narración que reflicte con absoluta transparencia o ambiente sórdido das comunidades veciñais do extrarradio, inzadas de violencia, alcohol e sexo, por suposto tamén de hipocrisías, prexuízos e envexas, cunhas xentes que en poucas ocasións son quen de escapar ao seu destino fatal.

Pechando o libro sitúase Cookalein, conto sobre o que na nosa tradición chamariamos casas de turismo rural, mais que para os estadounidenses de extracción modesta foron durante moito tempo unha sorte de campamentos ou colonias de verán cruzadas con hospederías campestres. Un espazo, todo hai que dicilo, propicio á subversión da orde social establecdia no resto do ano e aberta a vivencias intensas e reveladoras.

O fino trazo, o total dominio dos grises e o desgarro suxestivo que poboan os lapis de Eisner fan dos seus debuxos unha maxistral secuencia gráfica na que o viñetado clásico alterna con outras solucións ben modernas hai case corenta anos, como a división bi ou tripartita da plana, a inclusión mesmo de debuxos de páxina enteira e, en xeral, unha estrutura visotextual que crean unha armazón e unha linguaxe para a BD ata aquel momento case inéditas. Se ao anterior sumamos a forza vívida das súas historias e a sensibilidade na captación e recreación desa sociedade de claroscuros entre a que loitan por saír adiante os máis baixos e esquecidos comprenderase ben o impacto que unha proposta como Contrato con Deus tivo no seu momento, BD de comprometida raiceira social e nidio fondo autobiográfico que conseguiu atrapar coa súa autenticidade a centos de miles de seguidores en toda parte ao longo de décadas.

É un síntoma máis de que se vai polo bo camiño e que algo comeza a cambiar para mellor neste eido en Galicia

Que Rinoceronte Editora e Rafael Salgueiro se animasen a verter ao galego esta obra mestra do cómic é esforzo que debe aplaudirse, pois en contadas ocasións temos a fortuna de ler (e ver) en selos nosos estas alfaias da BD, un síntoma máis de que se vai polo bo camiño e que algo comeza a cambiar para mellor neste eido en Galicia.

Capa de 'Contrato con Deus' © Rinoceronte Editora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.