A Banda da Loba: “É tempo de empoderarse, de facer o que nos pete, de camiñar soas se queremos”

Imaxe promocional da banda © PixelinPhoto

A Banda da Loba é un deses grupos que, pouco a pouco, concerto a concerto, praciña a praciña, están a construír o seu espazo propio no panorama musical do país. Formado por Andrea e Marcela Porto, Inés Mirás, Estela Rodríguez e Xiana Lastra, a banda que tomou o seu nome de Pepa a Loba mostra no seu primeiro disco, Bailando as rúas, a súa proposta estilisticamente ecléctica, con letras que convidan a xuntarnos e facer de novo noso o espazo público. Tras os retrocesos. Reivindicando a liberdade que nos pertence. Sendo cinco mulleres -catro instrumentistas e unha cantante- que se xuntan, ademais, confiando nas súas propias posibilidades como creadoras. Sen agardar por ninguén. Falamos con Xiana Lastra.

O nome do grupo está tomado da historia de Pepa a Loba, á que lle dedicades a canción Pepa, que empeza como se fose un cantar de cego… Por que Pepa a Loba?

Cando estabamos comezando coa banda, na que somos todas mulleres, e buscándolle un nome, pensamos en coller algo do imaxinario galego co que puidésemos sentirnos identificadas. Pepa a Loba é un símbolo: unha muller forte que tivo, na vida, que actuar como non se agardaba que actuase unha muller, para defenderse ao ser temida polos homes, polos curas… A historia de Pepa a Loba é moi potente e está moi pouco explotada na nosa cultura. Eu sempre me preguntei como era posible que, tendo unha Robin Hood galega, non lle prestásemos máis atención…

“Sempre me preguntei como era posible que, tendo unha Robin Hood galega, non lle prestásemos máis atención…”

Despois hai outra cuestión, que é que tratamos de demostrar que podemos facelo todo nós. O disco é autoproducido. Eu mesma fago a produción -busco os concertos- e a xestión… Comezamos a traballar as cinco sen saber onde podiamos chegar. E a verdade é que nos está indo moi ben.

Estaba a pensar, agora ao escoitarte, que se cadra nalgún momento puido ser máis coñecido o bar compostelán que leva o seu nome que a propia protagonista da historia…

Pode ser, e é o que che dicía: a súa historia é pouco coñecida e ademais non sabemos moi ben como foi porque hai distintas fontes que a contan dunha maneira distinta. A nosa canción Pepa é, ademais, o corte máis tradicional, máis folk do noso disco. Porque nos apetecía, porque a historia o pedía. Polo demais, é un disco calidoscópico no que se xuntan estilos moi diferentes. A partir da letra, do que nos di, compoñemos a música, sen poñernos límites.

O título do disco é o dun dos temas, Bailando as rúas. E todo o disco ten un sentido diso, de bailar as rúas, de expandir a liberdade… De levar ás rúas o que somos...

Si, é iso. Levar ás rúas o que somos e o que facemos, ao noso xeito, sen complexos e sen saber o que vai pasar. Sempre dicimos nos concertos que o que queremos é que xente se exprese con liberdade, que baile, que cante, que fale con nós…

"Sempre dicimos nos concertos que o que queremos é que xente se exprese con liberdade"

Insisto no de bailar as rúas porque me parece que hai algo aí de reivindicación do espazo público. Na vosa presentación como banda falades de poboar os camiños das cidades e as avenidas das aldeas…

Hai aí moitas connotacións diferentes. Por unha banda, a dicotomía da aldea e a cidade porque o punto de partida do noso traballo pode estar máis ligado ao rural, pero despois iniciamos un percorrido máis relacionado con músicas máis urbanas coma o pop, o rock, o country… Queremos chegar a xente de diferentes idades, con distintos gustos musicais…

"Como mulleres, facemos fincapé en que somos capaces de camiñar soas se queremos"

Tamén está o que dis da conquista do espazo público. Como mulleres, facemos fincapé en que somos capaces de camiñar soas se queremos, ou acompañadas, pero que podemos facer as cousas por nós mesmas. Iso está tamén no tema Calidoscopio, a mesma metáfora: facemos o que queremos, decidimos como vivir a nosa vida. É tempo de camiñar, de xirar xuntas, de empoderarse, de facer o que nos pete, de camiñar soas se queremos, e tamén de reivindicar os nosos dereitos...

No disco adaptades poemas de Celia Parra ou Rosalía Fernández Rial. Cal é a relación do voso traballo coa poesía?

Andrea e Marcea son poetas e eu son moi lectora de poesía. Somos unha banda moi ligada a este xénero. Ademais desa familiaridade coa poesía, no noso círculo de amizades tamén temos varias poetas, coma Celia Parra e Rosalía Fernández Rial… Estamos, ademais, nun momento, na cultura galega, no que se está a facer poesía de moi alta calidade. A potencia que a música e a palabra poden ter por si soas aumenta, ademais, se as xuntamos.

“Procuramos que a nosa música sexa máis lixeira, máis apegadiza, máis dixerible, fronte a unhas letras que son máis profundas, máis metafóricas”

Despois, tamén é certo que procuramos que a nosa música sexa máis lixeira, máis apegadiza, máis dixerible, fronte a unhas letras que son máis profundas, máis metafóricas… Porque queremos que a través dunha música divertida poidan entrar as letras, o que queremos dicir, a mensaxe da canción, o cal é especialmente importante para, por exemplo, o público máis novo.

Dicías antes que mesturades estilos. Penso que moi poucas veces entrevistei alguén que dixese que non mestura estilos mais, no voso caso, supoño que pode ter que ver coas vosas diversas procedencias musicais. Sodes cinco e tivestes bandas anteriores.

Ten que ver con de onde vimos cada unha, claro. Unhas vimos do tradi, outras da música clásica, do rock, da electrónica… Pero temos un factor común, que é que todas escoitamos distintos tipos de música. Non rexeitamos nada, mentres teña calidade. Hai xente que non fai iso, que só escoita o que lle gusta e que se encaixa aí… Non é o noso caso. Nós tentamos ter a mente aberta. Como che dixen antes, en función de onde nos leve a letra, facemos un tipo de música ou outro.

“O que nos din dos nosos concertos é que ningunha canción soa igual que a anterior”

Todas estudamos en conservatorio, pero Marcela e Andrea veñen da música tradicional, Estela vén da música clásica, Inés estivo en grupos diversos, de rock por exemplo, e eu mesma non sei como definirme porque fixen de todo. Non comezamos coa banda pensando: “o noso proxecto é facer tal tipo de música”. Houbo quen nos dixo que iso era un erro, pero o que estamos a ver é que non. O que nos din dos nosos concertos é que ningunha canción soa igual que a anterior, aínda que teña a nosa sonoridade. E iso fai o que facemos máis divertido e diverso…

Tres segundos parece unha reivindicación da memoria, que é fráxil. A letra é un poema de Celia Parra.

Celia é amiga nosa, e sobre todo de Andrea, que foi quen adaptou o poema de Celia. Ben, máis ben desmembroullo, porque adaptar a poesía contemporánea, coa súa métrica, ás estrofas dunha canción, é complicado. Andrea adaptou a letra de Celia engadíndolle algunha frase súa.

Fala da memoria, si, no sentido de que é fráxil, si, de que se pode perder rápido, e tamén no sentido de que recordar pode facer dano, de que hai xente que prefire queimar a memoria na lareira da historia, ocultándoa, impedindo que saia á luz. Durante a canción dise varias veces que a memoria é unha escusa para esquecer, e ao final dise que é unha escusa para empezar. Diso vai.

Coma un blues empeza dunha maneira e acaba doutra ben distinta.

Aí hai un xogo porque este tema non é un blues, é un swing, que ademais se converte despois non nun ska, pero si nun tema que leva a un lugar moi distinto do blues. É a canción coa que comezamos os concertos. Un tema divertido que comeza moi lento e acaba moi rápido, e que xa sorprende á xente nada máis comezar… A letra é tamén de Celia Parra.

Despois vén Bailando as rúas. A letra facíame pensar na necesidade de reivindicar as rúas como algo noso, fronte ás leis que tentaron afastar a protesta delas. Se cadra por iso tamén fixestes na rúa -nunha autoestrada- o vídeo dirixido por Alfonso Zarauza...

Ten que ver con iso, si, porque é camiñar xuntas, xuntar forzas, non estar caladas… A letra é de Rosalía Fernández Rial. En realidade, todas as cancións son diferentes pero teñen algo existencial, do que está e non está, por iso tamén o branco e negro do vídeo de Zarauza.

E Negro azul?

Pois a verdade é que é unha letra de Andrea á que a min mesma me custa entender que quería dicir…

E Tres en raia? Poderiades ser vós mesmas: tres de vós viñades doutra banda que non foi adiante...

Pois é por outra cousa. Escribín esta letra para o fillo dunha amiga, Juanito, que ten síndrome de down. Cando naceu e fun velo, provocoume tal tenrura que escribín esta letra para el. Por iso fala do 21, que é o cromosoma 21: eles teñen tres e nós dous. Por iso o das tres estrelas de mar. Despois, o tema gustoulle á asociación Down Compostela, que decidiu adoptala como o seu “himno”. Fixemos un vídeo por ese motivo.

Abrente si parece ter, claramente, ese sentido “existencial” que dicías. O abrente como metáfora da vida, fronte ao horizonte da morte.

Si. A letra é un poema de Celso Emilio Ferreiro. Esta foi unha das primeiras cancións que fixemos, porque preparamos esta e outra, Ti e eu, para un concurso de musicalización de poemas que convocou a Fundación Celso Emilio Ferreiro.

E Ti e eu. Fala de achegamento entre as persoas, que é outro dos temas máis presentes no disco, como vimos comentando.

É un poema que escribiu Celso Emilio Ferreiro para Moraima. Pero si, é o que dis: leva a pensar no amor de parella, pero tamén en calquera tipo de conexión con outra persoa.

Afogadas parece falar dun suposto progreso que é retroceso. Por que?

Andrea foi ver Os días afogados de Luís Avilés e César Souto e saíu tan impactada que escribiu esta letra. E si, fala de cousas que se fan en nome dun suposto progreso, prometendo postos de traballo, etc, e que na realidade supoñen unha volta atrás con consecuencias nefastas.

E Nunca ninguén? Ten un aquel de Manuel Antonio.

A letra é de Rosalía Fernández Rial, que é moi manuelantoniana, si. Fala de cando te sentes tan insignificante que parece que non existes. Iso é o que di a letra, pero a música é moi tribal, de moita percusión… Buscamos o contraste porque o que queremos dicir é que, se te sentes así, berra alto para que te vexan. Sae de aí.

Tiñades pensado gravar algún tema novo, despois do disco…

Fixemos varios, pero o último é Anagnórise, do que temos un vídeo, baseado na historia que conta o libro de María Victoria Moreno. Xa estabamos traballando neste tema antes do Día das Letras adicado a esta escritora, e cando soubemos que llo ían dar a ela, pois aínda mellor…

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.