A casa de Díaz Castro pide auxilio no ano do poeta

Casa natal de Díaz Castro, en Guitiriz CC-BY-SA HombreDHojalata

A casa do poeta Xosé María Díaz Castro está "case en ruínas" e pide a axuda da cidadanía para "concienciar a sociedade da urxencia de frear o seu derrubamento e coa intención de convertela nun espazo sociocultural". A asociación Xermolos de Guitiriz, que leva anos divulgando, recuperando e dignificando a figura do literato galego vén de iniciar unha campaña de recolleita de sinaturas na rede para evitar un final que ninguén desexa e xusto no ano no que a Real Academia Galega lle dedicou o Día das Letras Galegas e no que durante os doce meses se homenaxeou o escritor.

A asociación Xermolos recibiu en herdanza unha casa que agora non pode restaurar "por falta de recursos e medios"

A asociación Xermolos recibiu en herdanza o inmoble, cedido polo último irmán falecido de Díaz Castro. "Deixounola recoñecendo o noso traballo pola recuperación e recoñecemento do poeta desde finais dos 80", lembra Alfonso Blanco, presidente do colectivo cultural, que agora cre que a casa "foi un bo agasallo, pero tamén unha carga". "Non temos recursos nin medios para restaurala", asegura quen advirte que "os bos alicerces dunha casa labrega coma esta permita que aínda se manteña en pé". "A súa situación, por desgraza, é a mesma que a de moitas aldeas e moitas casas da Galicia rural e interior", continúa quen destaca "o espazo máxico, ao pé da serra de Montouto", que ocupa a casa onde viviu o poeta.

Xermolos pretende converter a casa do Vilariño, nos Vilares, no "leito da súa obra e canle para divulgar a paisaxe chairega que Díaz Castro canta". "O poeta loitou arreo contra a destrución da cultura labrega e a asociación quere dar un paso adiante a favor da preservación das nosas raíces devolvéndolle a casa ao pobo, a Galicia, para que desde ela valoremos o herdo que nos legaron os nosos antepasados", insiste o colectivo, que pide "axuda e reivindicación dos cidadáns", pero tamén "un pulo desde as administracións".

O colectivo pretende converter o inmoble no "leita da obra de Díaz Castro e canle para divulgar a paisaxe chairega que canta"

O colectivo púxose en contacto coa Xunta, a Deputación de Lugo e o Concello de Guitiriz porque "eles teñen que ser os protagonistas da rehabilitación" e ningunha delas "pechou a porta polo momento". Alfonso Blanco recoñece que "o momento económico é complicado" e que "costa apostar por proxectos coma este porque hai moitas necesidades na sociedade, tamén aquí na Terra Cha". As institucións pedíronlle a Xermolos un proxecto de rehabilitación e futuro orzamentado e aí foi onde apareceu xa a iniciativa solidaria da cidadanía.

"Un arquitecto ofrecéusenos para facernos un proxecto e algún albanel xubilado tamén nos dixo que nos botaba unha man coa obra", lembra o presidente de Xermolos, que cre que, "ao igual que nos 80 nos costou recuperar a figura do poeta pero o logramos, desta vez lograrase tamén outra milagre coa forza e a enerxía do pobo". "Se o poeta nos ensinou, e máis neste seu ano, que hai que reivindicar a culutra labrega, a paisaxe, a natureza en risco, a nosa fala, o patrimonio ou a artesanía, tamén queremos reivindicar a arquitectura rural", insiste.

A asociación púxose en contacto coas administracións e varios cidadáns, arquitectos ou albaneis, ofreceron de balde a súa colaboración

"Non é algo noso, a casa é de todos; queremos o apoio cidadán para que se sintan protagonistas do proceso", engade Blanco, que espera tamén que as administracións "boten unha man" para xuntar na casa de Vilariño todo o legado de Díaz Castro, no que se incluirían, entre outras moitas cousas, manuscritos incluso inéditos. "Queremos que sexa un espazo cultural para charlas e interpretación da literatura da Terra Cha, desta patria poética que dicía Manuel María", conta.

"Colabora coa túa sinatura para que a beleza que feriu ao noso poeta non desapareza para sempre. Porque Díaz Castro merece que non só se conserve a súa poesía senón todas as cousas que amou", di a petición que en Change.org reclama sinaturas para concienciar da importancia de conseguir achegas para recuperar a casa. "Un paso adiante, e outro máis, Galiza!", remata.

Casa natal de Díaz Castro, en Guitiriz CC-BY-SA HombreDHojalata

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.