A potencia da 'Xeración Xabarín'

© CRTVG

Hai unha semana publicabamos a nova de que a CRTVG viña de obrigar os responsables da web Xeración Xabarín a pechala por vulnerar dereitos de autor. Máis aló deste feito, a reacción que provocou a nova amosou a importancia que o Xabarín segue tendo no imaxinario colectivo, sobre todo no dunha -ou varias- xeracións de galegas e galegos que creceron mirando os debuxos animados emitidos por este contedor televisivo nacido o 18 de abril de 1994. Os debuxos, a música de novos grupos galegos ou a banda deseñada que contribuíu a espallar. Pois o Xabarín era moito máis que un simple programa de televisión, provocou un impacto xeracional que aínda perdura e converteuse se cadra na mellor ferramenta de normalización lingüística entre unha mocidade maioritariamente castelanfalante.

Manuel Bragado, responsable de Xerais e da Asociación Galega de Editores, afirma que “eu non pertenzo á Xeración Xabarín senón á Xeración de Fuxan os Ventos. Pero son pai dunha persoa que si forma parte da Xeración Xabarín e polo tanto síntome moi vinculado a ela. Nos anos noventa houbo na TVG unha xanela a través da cal a lingua galega se amosaba dunha maneira moi atractiva e cunha gran capacidade de chegar a nenos e mozos. Deixou unha pegada extraordinaria".

O impacto normalizador entre a infancia e a mocidade foi innegable e os seus efectos aínda perduran en opinión de Francisco Castro, director de novos proxectos de Galaxia, que explica que "a tele é un vehículo poderosísimo de normalidade lingüística e a TVG é unha illa nun pais castelanizado. Hoxe a TVG entra en competencia cos Clan, Boing e demais e ese efecto positivo a prol do galego perdeuse. Eu teño un fillo que colleu os últimos coletazos do efecto do Xabarín e nótase perfectamente. E a miña pequena que ten cinco anos prefire esas outras teles”.

O Xabarín impactou en varias xeracións, polo tanto. O debuxante Kiko da Silva comenta que na Escola profesional de Banda Deseñada e Ilustración de Galicia, que dirixe, "decátome de que teño alumnos que son moito máis novos ca min e tamén son Xeración Xabarín". Para Da Silva "foi algo máis que un boom dun momento, foi algo máis importante para varias xeracións de galegos e perdeuse pola deixadez da propia TVG. Porque era algo que se conseguiu da nada sen que houbese un grandisimo investimento da TVG".

Jon Amil, responsable da web Xeración Xabarín, pon o exemplo de Vigo, "onde as crianzas xa non é só que non falasen galego, é que non o sabían falar" e di que "cando apareceu o Xabarín, de súpeto, vías cantar as cancións do Xabarín no parque e nas escolas, vías os nenos xogando ao Son Goku gritando "Onda vital... XA!" e cousas do estilo. O clube axudou a que a nosa xeración tivese consciencia da nosa cultura, mesmo facendo sacar o orgullo galego".

 

As razóns do éxito

"A razón do éxito do Xabarín é que non era ñoño. A irreverencia chama a atención e a irreverencia ben coidada é moi educativa”

Para Francisco Castro, “a razón do éxito do Xabarín é que non era ñoño. Era atrevido, era vangardista, partía da idea de que os cativos e as cativas non son parvos. Creo que o máis parecido, salvando as distancias, é o que eu puiden vivir coa Bola de Cristal. A irreverencia chama a atención e a irreverencia ben coidada é moi educativa”. 

Xurxo Souto atopa as razóns do éxito no mesmo lugar do éxito do bravú: "Coincide co que intentabamos facer nós: facer música do noso tempo, pero co cheiro e o aquel do noso lugar. Habia unha realidade fecunda que era ignorada polos medios e cun pequeno impulso converteuse nunha conmoción xeracional. Vimolo tamén con Chambo e con outros programas: cando se activa unha parte da realidade coa que se identifica unha xeración, o resultado é extraordinario". E conclúe: "o próximo provoca emoción. A ti pódeche gustar un grupo inglés pero cando ves que está triunfando un grupo de Ponteareas ou de Ribeira a emoción e moi grande. Por unha vez sentes que non es espectador da historia, senón protagonista".

"Cando se activa unha parte da realidade coa que se identifica unha xeración, o resultado é extraordinario"

Para Leo F. Campos, profesor de galego e músico (O Leo i arremecághona), atopa unha explicación máis sinxela: "A fórmula do éxito é facelo. Tan sinxelo coma iso. A televisión é un medio que ten tanto poder social que non é preciso facer nada extraordinario. Neste caso, ademais, coincidía que o Xabarín estaba ben feito".

 

A descuberta para moitos da banda deseñada

"A selección de debuxos animados como Arale ou Dragon Ball era unha aposta moi arriscada"

"Con respecto á banda deseñada cambiouno todo", di Kiko da Silva, que explica que o Xabarin "abriu a ollada cara ao que aínda estaba por chegar en formato papel, porque en España chegou antes o Anime que o Manga. E a varias xeracións cambiounos a maneira de ver a banda deseñada e amosounos que se podía facer animación en galego e podía funcionar exactamente igual que noutros idiomas. Até que chegou Dragon Ball habia ese prexuizo cara os debuxos animados en galego". Nese senso Bragado comenta que "foi unha mágoa que o Xabarín chegara antes de que en Galicia houbese industria de animación. Agora temos a industria pero non temos ese pulo por parte da televisión pública".

Da Silva tamén salienta que "a selección de debuxos animados como Arale ou Dragon Ball era unha aposta moi arriscada". E engade "o feito de que se xuntaron moitos talentos: aí estaba Carlos Portela ou Miguelanxo Prado, que fixo un labor de concepción de mascota moi interesante. Porque o porco-bravo non se utilizara como símbolo e era unha forma moi boa de falar da nosa relación coa terra".

 

A emerxencia da música en galego

"Esa música deixou unha impronta en toda unha xeración de galegas e galegos. Moitos deles non eran galegofalantes e grazas ao Xabarín tiveron unha relación marabillosa coa lingua, que está presente no mellor dos seus afectos"

"Esa música deixou unha impronta en toda unha xeración de galegas e galegos. Moitos deles non eran galegofalantes e grazas ao Xabarín tiveron unha relación marabillosa coa lingua, que está presente no mellor dos seus afectos". Deste xeito define Xurxo Souto o impacto que tivo a difusión de vídeos musicais de bandas galegas no Xabarín. Para Souto, o que a CRTVG estaba facendo non era nin máis nin menos que cumprir coa súa obriga legal: "O que fixo Suso iglesias foi gravar vídeos de grupos que cantaban en galego. E iso é nin máis nin menos o que marca a lei de creación da CRTVG, que di que a súa primeira función é divulgar a lingua e cultura galegas. Para os grupos foi moi importante como promoción e para a xente significou unha descuberta do próximo ou tamén da música portuguesa".

"Hai unha demanda social tan urxente de produtos dese tipo que cando se fai algo asi triunfa: Mareas vivas, Galicia Sitio Distinto, Os Novos..."

Para Leo "o Xabarín foi unha ferramenta xenial para visibilizar o traballo desa xeración de grupos que nos facilitou ás bandas da fornada seguinte unha conexión entre a movida e o que viría despois". Tanto un coma outro están convencidos de que no momento no que na TVG se volva facer algo semellante o éxito será inmediato. Para Leo, "hai unha demanda social tan urxente de produtos dese tipo que cando se fai algo asi triunfa: Mareas vivas, Galicia Sitio Distinto, Os Novos...". E de igual xeito Xurxo Souto sentencia: "Cando pasado mañá a TVG volva facer un programa de música en galego e grave cinco videos de bandas galegas emerxentes volverá ter o mesmo éxito. Será unha promoción xenial, a TVG cumprirá os seus obxectivos legais, e todos seremos felices".

 

"Máis necesario ca nunca"

"Desgraciadamente neste momento a televisión pública non está cumprindo ese papel galeguizador e de apoio á creación cultural. Bótase en falta na actualidade unha iniciativa que teña esta capacidade dinamizadora"

Leo salienta que "se queremos normalizar o galego, sobre todo entre a mocidade, que é onde está descendendo o seu uso, temos que ofrecerlles a eses cidadáns e cidadás ferramentas na súa lingua". E denuncia que "hoxe a CRTVG non está cumprindo cos seu cometido legal" e engade que "o problema noso non é que non haxa cultura en galego, o problema é que cando sae algo dedicanse a machacalo. Á dereita bastaríalle con gañar. O fascismo necesita eliminar o seu contrario porque se hai unha alternativa saben que están en desvantaxe".

“O Xabarín é máis necesario ca nunca”, di Francisco Castro: "a presión das canles de debuxos animados fai que o galego sexa practicamente invisible no maremagnum de ofertas. O Xabarín seria moi necesario como defensa da lingua pero tamén por iso que o Xabarín soubo dar: o sentimento de pertenza a unha comunidade. Cómpre que inventemos algo que agrupe ao redor da lingua á infancia e á mocidade”, conclúe. Pola súa banda Bragado denuncia que "desgraciadamente neste momento a televisión pública non está cumprindo ese papel galeguizador e de apoio á creación cultural. Bótase en falta na actualidade unha iniciativa que teña esta capacidade dinamizadora".

Unha capacidade dinamizadora que procede dos afectos. Como afirma Jon Amil: "Para min a miña infancia e o Xabarín Club son unha mesma cousa. Aínda hoxe, cando escoito sintonía do Xabarín, teño a sensación de que en calquera momento vai vir a miña nai co bocata de nocilla".

O carné de socio Dominio Público Praza Pública
'Arale' foi unha das series máis populares do Xabarín na súa primeira época. © http://www.pulgardeelefante.com
© Jorge Peral

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.