Alfonso Mato: "Hoxe a paisaxe hexemónica, mesmo a protexida como patrimonio, é a turística. Pura propaganda"

Alfonso Mato (esquerda) e Santiago Lamas celebrando o premio Ramón Piñeiro en 'El cercano', en Ourense Dominio Público Praza Pública

"Partimos da camiñada dos homes de Nós a Teixido e logo, seguindo o camiño do ensaio e da digresión, falamos do camiñar a pé, os camiños, os peregrinos, os paseantes, as guías de viaxe, os turistas, os viaxeiros, os vagabundos literarios ou as actuais, e nalgúns casos perversas, formas de camiñar. E paramos ao chegar ás 200 páxinas para non aburrir aos posibles lectores". Así resume Alfonso Mato o contido de 'De camiños, viaxeiros e camiñantes', o libro, cuxa autoría comparte con Santiago Lamas, gañador do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2015.

En xullo de 1927, Otero Pedrayo, Risco e Ben-Cho-Shey inician o camiño cara a Santo André de Teixido. O relato desta viaxe queda recollido en 'Pelerixanes I. (Itinerario d’Ourense ao Santo Andrés de Teixido)'. Desta viaxe, e deste libro, parte o ensaio 'De camiños, viaxeiros e camiñantes'. Por que?

Santiago Lamas tiña escrito un texto sobre o libro de Otero que lle encargara unha persoa que despois non se interesou por el. Lamas envioume o texto e propúxome que o continuase. Os dous leramos ‘Pelerinaxes’, admiramos a obra de Otero Pedrayo e temos especial querenza polos libros de viaxes, viaxeiros e camiñantes. Pola miña parte, coñezo bastante ben a época e aos protagonistas da viaxe e teño práctica como investigador e documentalista para procurar a información máis concreta sobre o tema.

Partimos da camiñada dos homes de Nós a Teixido e logo, seguindo o camiño do ensaio e da digresión, falamos do camiñar a pé, os camiños, os peregrinos, os paseantes, as guías de viaxe, os turistas, os viaxeiros, os vagabundos literarios ou as actuais, e nalgúns casos perversas, formas de camiñar. E paramos ao chegar ás 200 páxinas para non aburrir aos posibles lectores.

"Falamos do camiñar a pé, os camiños, os peregrinos, os paseantes, as guías de viaxe, os turistas, os viaxeiros, os vagabundos literarios ou as actuais, e nalgúns casos perversas, formas de camiñar"

'Pelerinaxes' é un texto, dicides, que ten moito de viaxeiro, un pouco de explorador, unha miga de peregrino e nada, ou case nada, de turista e de sendeirista. Por que?

É o propio Otero quen no texto se encarga de subliñar o carácter marcadamente viaxeiro do libro, composto por unha serie de impresións sempre fuxidías e provisionais que impón a lei dun camiñar sen vagar para cavilar e sen idea dunha futura memoria xustificativa ao estilo das elaboradas, por exemplo, polos homes do Seminario de Estudos Galegos.

En que sentido é o relato de Otero "máis ca un diario de viaxe" e "todo un universo cultural". Que papel xoga, en 'Pelerixanes', a reivindicación da paisaxe como parte do ser galego? E hoxe, de que xeito se modificou esa reivindicación da paisaxe?

Otero conta poucas anécdotas da viaxe, algo que acostuman facer os viaxeiros cando escriben un diario. A obra de Otero, como as súa novelística, está chea de referencias culturais a outras xeografías, paisaxes, países, escritores, etc. A todo o universo cultural que tiña na súa cabeza. En canto á reivindicación da paisaxe como parte do ser galego, Otero entendía que para coñecer o país era necesario mergullarse nas súas paisaxes, fundirse coa Terra dun. Hoxe, a paisaxe hexemónica, tanto en Galicia como no resto do mundo, é a turística, mesmo a protexida como patrimonio nacional ou universal. Pura propaganda.

Otero escribira outros textos como 'Encol da aldeia'. Algúns dos seus xuízos, comentades no libro, son propios dun pensamento antimoderno, máis livián ca o de Risco, que idealizaba a Galiza rural do Antigo Réxime. De que xeito eses xuízos «antimodernos» se reflicten nas súas observacións sobre a paisaxe?

Por exemplo nos seus comentario sobre a arquitectura «ché», a dos indianos ou americanos, ou sobre as tabernas-tendas das aldeas... Todos eles esaxerados, menos, iso si, que os que lle dedica Risco nos seus escritos a todo aquilo que ten que ver coa modernidade. Pero isto foi algo habitual desde o nacemento do mundo moderno a finais do XVIII. Risco e Otero eran detractores da modernidade, o que no lles impedía beneficiarse de todos os adiantos e comodidades do mundo moderno. Tamén é certo que algunhas das súas ideas antimodernas son interesantes, como as de moitos pensadores e escritores conservadores. Non lles falta razón aos que falan da inquietante lucidez do pensamento reaccionario.

"Non lles falta razón aos que falan da inquietante lucidez do pensamento reaccionario"

“Os homes de Nós, e pode que algúns outros nacionalistas, non viaxaban nin facían turismo, peregrinaban”, din vostedes no libro. Cal era, en xeral, o significado da peregrinación para os homes de Nós?

Aínda sendo case todos eles católicos practicantes, o seu concepto de peregrinación non era relixioso stricto sensu. Entendían a peregrinación como un camiñar patriótico que buscaba mergullarse coa Terra e coas súas xentes, as xentes dun rural que tiñan mitificado e que pouco tiña que ver coa realidade.

"Entendían a peregrinación como un camiñar patriótico que buscaba mergullarse coa Terra e coas súas xentes"

O Seminario de Estudos Galegos comezaba a facer «xeiras» no 1926… E o labor do SEG é un dos eixes da súa investigación. A guerra civil e o franquismo destruíron o Seminario de Estudos Galegos, substituído polo IEGPS no 1943. O propio CSIC, no que se integra o IEGPS, xurdira no 1939 para impulsar unha ciencia afín aos principios do ‘Movimiento’. De que xeito o desmantelamento anterior do SEG e o contexto no que o IEGPS xurdiu impediron que volvese existir algo como o SEG?

O Instituto “Padre Sarmiento” foi apoiado por algúns dos principais membros do SEG logo de ver que era imposible resucitar a institución. O crego don Xesús Carro chegou a propoñer ás autoridades franquistas que se era cuestión da referencia a Galicia, podería denominarse “Seminario del Noroeste de España”. Pero nin por esas. O posicionamento galeguista do SEG fixo imposible a súa supervivencia, así como a colaboración dalgúns dos seus membros no novo Instituto “Padre Sarmiento” serviu para reforzar a este como unha especie de herdeiro do Seminario.

Castelao, no exilio, intentou soster a memoria do SEG e mesmo chegou a propoñer como presidente a un membro da institución, Sebastián González García-Paz, exiliado en Porto Rico. Logo, na Transición, Isaac Díaz Pardo, xunto con algúns vellos membros do SEG, como Filgueira ou Lois Tobío, e co apoio de mozos investigadores e profesores universitarios, refundou o SEG, que se centrou sobre todo en materias relacionadas coas ciencias (Xeoloxía, Bioloxía, Agrarias, Mariñas...). O labor do novo SEG, tan importante como descoñecido e falto dunha homenaxe, durou ata que Díaz Pardo e as empresas do Grupo Sargadelos puideron mantelo. Tamén é certo que naqueles tempos o novo SEG xa non podía competir co labor das Universidades e dos centros de investigación.

"O labor do novo SEG, tan importante como descoñecido e falto dunha homenaxe, durou ata que Díaz Pardo e as empresas do Grupo Sargadelos puideron mantelo"

O proxecto do Instituto Galego de Información de Díaz Pardo, (ademais de tentar crear o xornal 'Galicia'), recollía tamén dalgunha maneira a testemuña do traballo do SEG. Como ve desde agora todo o conflito que acabou con Díaz Pardo fóra do IGI, e coa fin do IGI en si?

En canto á Isaac Díaz Pardo, ao IGI e ao conflito empresarial que acabou co seu proxecto, non teño novas que engadir ao que xa escribín e dixen no seu momento.

En Ediciós do Castro está publicado o seu libro '5 documentos sobre a autonomía galega', no que se fala, entre outros, do anteproxecto do SEG. O Estatuto actual é menos avanzado nalgúns aspectos que estas primeiras propostas de Estatuto?

Non creo que ningunhas das persoas que redactaron e apoiaron os proxectos de Estatuto durante a Segunda República lle puxeran pegas ao actual Estatuto de Autonomía.

"Non creo que ningunhas das persoas que redactaron e apoiaron os proxectos de Estatuto durante a Segunda República lle puxeran pegas ao actual Estatuto de Autonomía"

Coordinou tamén o volume 'Ánxel Casal: un editor para un país'. Son dalgún xeito os grandes proxectos editoriais galegos de despois da democracia debedores do traballo de Ánxel Casal?

Moi pouco ten que ver o labor que desenvolveu Ánxel Casal como editor na súa época co que levaron e levan a cabo as editoriais galegas desde a instauración da democracia.

O 'Dicionario histórico das ciencias e das técnicas de Galicia', 'Dicionario da literatura galega' ou a 'Gran Enciclopedia Galega', entre outros proxectos que impulsou ou nos que colaborou, trataban, en parte, de loitar contra esa mesma desmemoria imposta polo franquismo que denunciaba no limiar de ‘5 documentos sobre a autonomía galega’. Seguimos a ser, como se di cada vez que gañan as eleccións os mesmos, un pobo sen memoria?

Hoxe en día, calquera persoa con estudos de ensino medio pode informarse sobre a historia de Galicia e de España. En canto ao predominio electoral da dereita no país durante tantos anos, creo que é debida á gran implantación que ten o PP en Galicia e á falta dunha alternativa sólida e atractiva das outras forzas políticas, xa sexa por xunto como por separado.

"Hoxe en día, calquera persoa con estudos de ensino medio pode informarse sobre a historia de Galicia e de España"

Pasou moito tempo desde a súa memoria de licenciatura ‘Historiografía y nacionalismo: la construcción histórica de Galicia por los historiadores gallegos del siglo XIX y primer tercio del XX’. Hai pouco, Isidro Dubert publicaba ‘Historia das historias de Galicia’, no que sostén que no campo historiográfico do galeguismo/nacionalismo desenvolveuse un esquema histórico de doma e castración, decadencia, atraso, Séculos Escuros, precursores, Rexurdimento… que deu nun relato que pode ter un efecto paralizante. Cre que ese relato herdado, en parte, da xeración Nós, pode ter ese efecto?

Xa choveu desde que deixei as miñas investigacións sobre a Historia da historiografía galega... Efecto paralizante? Se non me engano, deben ser moi poucas as persoas que len Historia de Galicia, polo que o posible efecto desas lecturas na sociedade é irrelevante. En canto aos historiadores galegos, fai tempo que abandonaron categorías historiográficas como as do atraso ou a decadencia.

"En canto aos historiadores galegos, fai tempo que abandonaron categorías historiográficas como as do atraso ou a decadencia"

Sobre Castelao e o ‘Sempre en Galiza’ tamén ten escrito moito. Que bota de menos na actual produción investigadora sobre Castelao?

A súa obra está ben estudada, aínda que voltas sempre se lle poden dar a todo. Falta unha biografía máis completa, pero xa está niso o historiador Miguel Anxo Seixas.

Tense mostrado crítico coa política cultural non só do PP, senón da esquerda, por non ser, segundo vostede, quen de artellar unha verdadeira alternativa. En que sentido?

A política cultural hexemónica a día de hoxe en Galicia e no resto do mundo está baseada no espectáculo e no entretemento e a diversión. E contra iso, polo de agora, non hai alternativas. As diversas administracións públicas e as empresas privadas do ramo teñen como obxectivo encher o ocio dos cidadáns desde a infancia ata a vellez con múltiples e variadas actividades culturais, gratuítas e de pago. Tamén é certo que a inmensa maioría da xente é o que solicita. Unha característica máis das sociedades de consumo e de masas nas que vivimos, para ben e para mal.

"A política cultural hexemónica a día de hoxe en Galicia e no resto do mundo está baseada no espectáculo e no entretemento e a diversión"

Tamén se amosou escéptico sobre as continuas queixas do mundo cultural galego. É debido ao pacto que, malia todo, domina as relacións cunha Xunta da que, en boa medida, se depende? Como facer maior a distancia (a autonomía) respecto do poder?

A industria cultural galega non creo que poida sobrevivir sen axudas públicas. Só podería chegar a ser autónoma se fose quen de venderse no exterior.

Imaxe dunha das presentacións do libro. Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.