Arquivos fotográficos, “o pasado sempre forma parte do futuro”

A emigración. Concello de Mesía CC-BY-SA Praza Pública

As vilas non queren esquecer o seu pasado. O Concello de San Sadurniño, o de Rois ou o de Mesía son tres exemplos de municipios que realizaron unha campaña de  recuperación fotográfica da historia das súas vilas e veciñanza.

San Sadurniño, na comarca de Ferrolterra, acolle nos seus 100 km2 a 3.500 habitantes e 200 aldeas. Grazas aos veciños e veciñas nace o proxecto “Fálame de San Sadurniño”. Xorde dunha actividade desenvolvida este ano para conmemorar o 17 de maio, día das Letras Galegas e tamén día de Internet. Consiste nun obradoiro colaborativo no que os participantes dixitalizan e xeolocalizan as fotografías e posteriormente gravan un audio explicativo de cada unha delas. O resultado sóbeno á súa web, “un espazo na rede no que simples fotos faladas cargan de sentido colectivo as vivencias individuais que, só en apariencia, semellan desconectadas”. Coa actividade pretendíase conxugar a defensa da lingua galega e o emprego das TIC. O proxecto continúa no presente a través de imaxes, sons, vídeos ou documentos.

“Un espazo na rede no que simples fotos faladas cargan de sentido colectivo as vivencias individuais"

Rois é outro dos concellos que conseguiu recuperar parte do seu arquivo histórico. Este municipio de cerca de 5.000 habitantes puxo en marcha esta iniciativa en tres convocatorias dende o 2005 ao 2007 e obtivo gran participación veciñal que permitiu engrosar a base de datos informatizada. Recolléronse ao redor de 300 fotografías anteriores ao 1980, aínda que non só caben fotografías neste arquivo documental gráfico; vídeos, almanaques, folletos, bulas da Santa Cruzada, diarios ou cartillas de racionamiento son outros dos documentos solicitados aos roisenses polo seu concello. Os requisitos son sinxelos: anteriores aos anos oitenta e relacionados con aspectos que reflictan a vida en Rois. O obxectivo final “é render homenaxe a todos os veciños e veciñas do municipio” xa que as fotos supoñen un “encontro cos seres queridos e con escenas do pasado inmediato”. As fotos cedidas son escaneadas e pasan a formar parte dunha exposición colectiva e abranguen temas tan diversos coma a educación, a familia, oficios tradicionais e útiles de traballo, costumes como a malla ou a matanza, música, festas e romerías ou o patrimonio material. A última exposición foi a cargo da asociación de amas de casa de Rois sobre as labores e oficios. 

"O obxectivo é render homenaxe a todos os veciños e veciñas do municipio”

En Mesía, un concello da Comarca de Ordes de cerca de 3.000 habitantes, comezaron hai uns anos coa iniciativa do arquivo fotográfico dun xeito pouco común, por medio de almanaques que lles regalaban aos veciños e veciñas. “A idea xurdiu a partir dun proxecto de normalización lingüística, queríamos que chegara a toda a veciñanza”, afirma Pilar Sánchez Ulloa, concelleira de Cultura. O primeiro almanaque foi de costumes, “queríamos reflexar como era antes a vida, as tradicións”. Foi nese momento cando empezaron a solicitar fotografías  “a resposta non foi masiva, polo que decidimos ir casa por casa ou pedirllas nas reunións ou asambleas municipais”. Segundo a concelleira “o difícil da tarefa foi organizar e seleccionar todo o material” polo que despois foron pedindo por temática, “a malla, a sementeira, a escola, a emigración,.. a xente foise animando ao ver resultados”.

Debido aos recortes e ao laborioso traballo que require, xa hai tres anos que non entregan o almanaque histórico aos seus veciños e veciñas, pero seguen a darlle unha utilidade ao arquivo “as fotos gardámolas e nun futuro próximo queremos colgalas en Internet e seguir recopilando. Agora utilizámolas con dobre función, para paneis do concello ou para darlle a coñecer aos nenos e nenas as temáticas de carácter popular do seu concello” afirma Pilar. 

Entre todas as recopiladas a concelleira destaca tres, unha da emigración, de tres persoas despedíndose no barco que está a piques de partir, outra “que parece de cadro xa que se ve na lareira  ao home que acaba de voltar da caza, a muller co pote e o can” e a última destaca a de unha nena que está nunha finca mirando para o avó que está co arado, “representa outra forma de vida, daquela os avós tamén coidaban dos netos, pero doutro xeito”. Afirma que o arquivo fotográfico mostrou realidades xa esquecidas “cada vez afastámonos máis da nosa orixe e non se pode, o pasado sempre forma parte do futuro”.

A sega do trigo en San Sadurniño CC-BY-SA Falamedesansadurnino.org
A emigración. Concello de Mesía CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.