Artes escénicas: Aproximación ao estado da situación

Unha das obras presentadas nunha das edicións de Galicia Escena Pro © Agadic

Era o mellor do tempos, era o peor dos tempos, a idade da sabedoría e tamén da loucura; a época das crenzas e da incredulidade; a era da luz e das tebras; a primavera da esperanza e o inverno da desesperación  | Charles Dickens 

A través deste breve artigo intentaremos amosar unha visión panorámica do estado das artes escénicas (AAEE) en Galiza. Podemos pensar que o noso país é totalmente alleo ao que ocorre no resto do Estado, mais ese sería o noso primeiro erro de base. É evidente que somos un país singularizado, cunha cultura diferenciada e cunha lingua propia, mais isto non nos afasta dos cambios globais que se produciron nos últimos tempos a nivel social, económico, político, ético, estético ou ideolóxico.

Esta falta absoluta de planificación, de visión estratéxica, provoca a situación actual: unha deriva determinada pola improvisación, pola falta de obxectivos claros

A multiplicidade de nesgos desde os que analizar o tema é innúmero, mais vou centrar o tema desde a perspectiva que mellor coñezo, a dun xestor cultural que dirixe un teatro público municipal con clara vocación de servizo público.

É certo, tal e como apunta Marcos Lorenzo1 que “No noso país, a planificación cultural é unha rareza, así como a elaboración previa de diagnósticos que xustifiquen unha política ou a posterior avaliación de resultados”.

Esta falta absoluta de planificación, de visión estratéxica e de definición da misión do sector en Galiza provoca a situación actual: unha deriva determinada pola improvisación, pola falta de obxectivos claros e definidos que orienten o futuro das AAEE na sociedade actual e na nosa contorna máis inmediata. E refírome á totalidade da cadea de valor das AAEE: xestores culturais, públicos ou privados; compañías e produtoras; distribuidores e, como non, creadores. Somos todos corresponsables da situación creada e compétenos a nós o traballo de deseñar un futuro para as AAEE en relación ao contexto e a sociedade. E na nosa realidade, a supervivencia das AAEE practicamente depende das administracións públicas.

Na nosa realidade, a supervivencia das AAEE practicamente depende das administracións públicas

De entrada temos que exixirlles aos nosos gobernantes a definición e posta en marcha de políticas culturais públicas comprometidas coa cultura en xeral e coas AAEE en particular. Políticas practicamente inexistentes ata o momento, tanto pola falta de interese na cultura, que nunca está na axenda política, como pola falta de coñecemento do ecosistema cultural e das AAEE por parte dos partidos políticos e dos seus responsables.

A política cultural debe ser a conciencia organizadora das estruturas culturais, xeralmente entendida como o programa de intervencións realizadas polas administracións públicas, institucións civís, entidades privadas ou grupos comunitarios, co obxecto de satisfacer as necesidades culturais da poboación e promover o desenvolvemento das súas representacións simbólicas. En definitiva, a política cultural produce o efecto de proporcionar instrumentos de coñecemento, recoñecemento e auto-recoñecemento.

Atendendo ao obxecto final das políticas culturais podemos facer unha dupla distinción: a patrimonialista e a do fomento da creación. É esta segunda acepción a que nos interesa analizar: como as políticas promoven a produción, a distribución e o uso ou consumo de novos valores e obras culturais.

Neste desafío entre coñecemento e organización é onde entra a figura do xestor cultural ou programador

Neste desafío entre coñecemento e organización é onde entra a figura do xestor cultural ou programador. A cerna da xestión cultural ou da dirección de calquera entidade cultural, pública ou privada, é a toma de decisións, para o cal é crucial dispoñer dunha diagnose real de todas as variábeis que directa ou indirectamente poidan influír no resultado da decisión, atendendo tanto aos factores cuantitativos como aos cualitativos. O autocoñecemento é clave para a supervivencia de calquera proxecto cultural ou escénico, pois permite reconducir ou modificar os plans segundo o grao de cumprimento das expectativas de éxito fixadas de xeito apriorístico, é dicir, o plan de actuación ou estratéxico. E neste camiño aparecen nexos propiciados polas redes ou polos circuítos, entendendo circuíto un conxunto que comprende produtores, manifestacións escénicas, distribuidores, públicos e institucións organizadoras.

Dalgún modo está instaurada a idea de que o programador/xestor cultural é un mero mediador, un facilitador entre o creador e os públicos. Porén, sabemos que o seu traballo ten un aquel curatorial, na acepción orixinal latina de curare, que significa “facerse cargo”: o xestor debe exercer labores de interpretación, documentación e divulgación das manifestacións artísticas para facelas accesibles aos públicos. O fundamento básico da programación é xerar unha experiencia artística significativa para todos os que a comparten, para o cal é imprescindible un proceso de contextualización da programación. En palabras de Kenneth Foster2:

Representación de 'Divinas Palabras' no Centro Dramático Galego Dominio Público Centro Dramático Galego

A contextualización da representación carrexa todas as ideas, programas, proxectos e comunicacións necesarias para construír exitosamente unha conexión dinámica entre os artistas, a arte e o público. 

A contextualización en AAEE implica a descuberta e selección de traballos, a contextualización da representación e o proceso da propia representación. A programación debe ser intencionada, non debe responder nunca ao azar ou a unha simple calendarización de actividades escénicas. O traballo de estudo e descuberta dun artista debe buscar a “ancoraxe na comunidade” (Lynda Gratton3), que forme parte de xeito perdurable da comunidade de referencia. Deste xeito, a acción do xestor debe centrarse na xeración do contexto, no mapeo de recursos e potencialidades dos creadores e na activación dun espazo para a reflexión e interpretación, quer dicir, un espazo teórico e crítico que á súa vez xere novas prácticas artísticas.

Xestionar, por outra banda, significa ter unha grande capacidade de liderado para conducir organizacións que funcionan en medio da diversidade de lóxicas en tensión: políticas, estéticas, técnicas, económicas e sociais, tal e como apunta Lluís Bonet4.

As administracións públicas posicionáronse como catalizador único do mercado das artes ao vivo, polo que o panorama actual é dunha febleza extrema

No traballo de acompañamento da creación e de apoio ao talento é onde xorde o maior dos problemas para un programador. Traballar con espectáculos ao vivo sempre xera moitas inseguridades: sobre a adecuación dos itinerarios programáticos, a adecuación das condicións deseñadas para a exhibición e para a eliminación de barreiras que permitan o acceso á cultura da comunidade; a procura do equilibrio entre as artes de fácil aceptación e aquelas que ten un nesgo máis minorizado; a procura dun discurso inclusivo a través da programación das artes ao vivo...

No caso galego, as administracións públicas posicionáronse como catalizador único do mercado das artes ao vivo, polo que o panorama actual é dunha febleza extrema: a crise minguou o compromiso das administracións públicas, non só no apoio á produción e circulación de creacións escénicas, senón tamén pola inexistente capacidade de apoio ao talento e á creación, aínda que na actualidade haxa algún aceno por parte dalgunhas ao involucrárense en proxectos como as Residencias Paraíso, coordinadas e curadas desde o Colectivo RPM.

'Viaje a un país de Cortázar', de Títeres Cachirulo, Tres Tigres e Chachakün © Festival Galicreques

A presenza de redes pódese reducir basicamente a dúas: a Rede Galega de Teatros e Auditorios de Galicia, xestionada polo AGADIC, e a Rede da Deputación da Coruña

A presenza de redes pódese reducir basicamente a dúas: a Rede Galega de Teatros e Auditorios de Galicia, xestionada polo AGADIC, e a Rede da Deputación da Coruña. Isto no significa que non haxa outras redes, mais cun carácter máis puntual e anecdótico. No primeiro caso, a mingua económica xerada polo sucesivos recortes sufridos por parte da administración autonómica para a cultura deixaron en fase terminal este circuíto. No segundo caso, hai unha clara falta de determinación á hora de definir un circuíto no que conviven na mesma plataforma as actividades escénicas profesionais coas non profesionais, e na que, ata non hai moito, era de obrigado cumprimento facer as actividades con carácter gratuíto, fonte de clara discusión á hora de determinar unha acción cultural municipal.

O sistema de produción está fragmentado. En ocasións responde á necesidade imperiosa dos egresados da escola de arte dramática con afán de buscar unha saída para a realización artística e profesional e nun medio hostil e sen ningunha capacidade de absorcións de novos valores; pola contra, son poucas as unidades de produción que prevalecen no tempo e que teñan unha actividade suficientemente normalizada, aínda que tamén existen.

Podemos resumir a situación teatral na proliferación de compañías sen ningunha traxectoria contrastada e cun futuro máis ca dubidoso nun mercado hostil e sen capacidade económica

A circulación de espectáculos no país e a súa proxección cara ao exterior é totalmente deficiente. A proxección exterior por parte dos creadores limítase a un anecdotario de proxeccións de artistas a título individual, e case sempre dependendo da disciplina na que traballen. As compañías que conseguen saír son as menos, traducir unha peza é custoso e moitas veces non compensa o investimento con respecto á amortización que esta poida chegar a ter no mercado alén Galiza.

Se nos detemos na análise por disciplinas podemos resumir a situación teatral na existencia de poucas estruturas con capacidade de resiliencia, na proliferación de compañías sen ningunha traxectoria contrastada e cun futuro máis ca dubidoso nun mercado hostil e sen capacidade económica, e cunha absoluta falta de compromiso por parte dos distintos axentes pola innovación, experimentación e creación dun corpus teatral propio, sexa cal sexa ámbito (interpretación, dirección de escena, dramaturxia, etc.). 

O mundo da danza redúcese a unhas cantas compañías con nula capacidade de supervivencia

O mundo da danza redúcese a unhas cantas compañías con nula capacidade de supervivencia a través do mercado nacional e con algunha incursión no panorama estatal e internacional; de novo proliferan os solos de danza ou espectáculos nos que a aposta é case individual e dun grande grao de voluntarismo. O novo circo é case residual, con poucas unidades de produción en todo o país con certa solvencia e algunha manifestación puntual e case individual. Por último, os monicreques e as producións infantís posúen máis capacidade de supervivencia pero a custa de traballar en condicións demasiado afastadas da dignidade profesional.

'Tráfico', de Carlos Santiago © José Ferrolho

Un Centro Dramático Galego, tocado de morte e sen capacidade para reaxir ás necesidades do momento por falta de implicación, sobre todo orzamentaria, por parte da administración autonómica

Por último, non debemos esquecer un axente clave e decisivo na historia das AAEE de Galicia, as unidades de produción oficiais: un Centro Dramático Galego, tocado de morte e sen capacidade para reaxir ás necesidades do momento por falta de implicación, sobre todo orzamentaria, por parte da administración autonómica da que depende, e cun modelo con necesidade perentoria de ser definida polo sector (carencia histórica) para que responda ás necesidades deste. Por outra banda, o Centro Coreográfico Galego, cuxa existencia activa non foi máis ca unha verdadeira miraxe, hoxe vive na máis absoluta inanición e unicamente se soporta como estrutura sen ningún proxecto que lle dea sentido.

Se ollamos para as plataformas de proxección das AAEE en Galiza e cara ao exterior, o panorama non é máis alentador. Galicia Escena Pro, a modo de feira de AAEE, non responde nin ás necesidades dos creadores do país nin ás necesidades da maioría dos programadores galegos; nin se nos acorda falar da presenza de programadores foráneos, pois iso suporía unha valente redefinición da plataforma contando compañías foráneas, á que o sector non está disposto, optando polo endémico minifundismo na produción das AAEE galegas. O proceso de profesionalización, dada a precariedade do sector, é unha entelequia de dubidoso alcance tendo os propios creadores que encarar roles totalmente alleos ás súas responsabilidades como axentes activos do sector, véndose obrigados a constituírse como empresarios e realizando todo tipo de labores empresariais, cousa para a que non están preparados nin é desexable para un sector saneado.

Os xestores sofren continuas inxerencias por parte de políticos que non atinxen a discernir cal é o seu papel

Se ollamos cara a outros axentes atopámonos cunha fotografía ben similar. Os xestores, unha profesión inexistente ata hai ben pouco, son case invisibles para o resto da sociedade. En xeral padecen eivas importantes, tanto no que atinxe á formación e capacitación profesional como nas continuas inxerencias que sofren por parte de políticos que non atinxen a discernir cal é o seu papel, asumindo tarefas técnicas que nin saben abordar nin lles corresponden. Por outra parte, a definición poliédrica do rol do programador/a é tan grande que é imposible unha especialización suficiente que nos permita elaborar plans a longo prazo con obxectivos concretos para as artes ao vivo para alén da mera improvisación e da resposta inmediata ás necesidades perentorias do momento.

Imaxe da obra 'O Valo' © Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O corpus teórico e de prensa especializada redúcese a unha tímida, aínda que renovada, revista de teatro e algún que outro blog e artigo solto na prensa xeneralista, todo anecdótico, moi afastado dunha situación normalizada.

Galiza é un país que conta cunha gran capacidade creadora e con moito talento.  É isto o que nos ten que alentar para formular un futuro mellor

A fotografía non é moi alentadora, mais vivimos nunha sociedade baseada no coñecemento e que muda a grande velocidade e se organiza en redes, ou en redes de redes. Galiza é un país que conta cunha gran capacidade creadora e con moito talento, é unha sociedade que ten múltiples manifestacións e organizacións de carácter cultural e das AAEE; amadores, comunitarios, profesionais, etc. É isto o que nos ten que alentar para formular un futuro mellor, que sen dúbida é posible apostando por uns poucos obxectivos alcanzables e que lle infiran algo de sentido a un sector desestruturado e sen rumbo certo. Deste modo, podemos apuntar como urxente un plan real para a as AAEE en Galiza como instrumento que guíe e estruture de xeito flexible unha senda do sector e que responda ás súas necesidades.

Un futuro mellor é posible apostando por uns poucos obxectivos alcanzables e que lle infiran algo de sentido a un sector desestruturado e sen rumbo certo

De xeito corresponsable e coa mirada no futuro debemos formular as seguintes ideas:

  • Apoiar, desde todos os axentes, a creatividade e o talento, ofrecendo a posibilidade de realización profesional aos creadores consolidados e apoiando aos novo valores.
  • Xerar e mellorar as condicións de traballo, de todos os axentes que integran a cadea de valor das AAEE, fortalecendo o traballo en rede e formulando unha proxección tanto no contexto inmediato, como no estatal e no internacional. Non esquezamos o veciño Portugal, un país co que temos máis cousas que nos unen que cousas que nos separan.
  • Propiciar a chegada de novos públicos ás AAEE e fidelizar os que xa participan de xeito proactivo. E neste caso temos claros exemplos de boas prácticas que están tendo resultados máis ca positivos. Por coñecemento de primeira man menciono o proxecto de Programación Expandida que se está a realizar na Coruña desde o Teatro Rosalía Castro desde hai xa cinco anos acompañando o ciclo TRC-Danza.
  • Impulsar a creación dun corpus de reflexión, documentación e debate, pois compartir o coñecemento é o que nos fai fortes e nos permite afianzar proxectos que enraícen na comunidade.
  • Por último, priorizar na axenda política a cultura e as AAEE establecendo un compromiso real e poñendo os recursos necesarios por parte da administracións competentes na materia.


Notas

  1. Lorenzo, Marcos, “As políticas culturais en Galicia” en Revista Grial (2017).
  2. Foster, Kenneth J., La programación de las artes escénicas. De la teoría a la práctica. Consejo Nacional para la Cultura y las Artes. México D.F. 2008.
  3. Gratton, Lynda: Desarrollar resiliencia en un mundo frágil. Harvard Deusto, Business Review. 2017
  4. Bonet, Lluís &Héctor Schargorodsky, La gestión de teatros: modelos y estrategias para equipamientos culturales. Quadernos Gescénic, 2016.
Imaxe do Festival Quincegotas de danza © Quincegotas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.