As crónicas de Landereina: Bágoa de Lúa

Capa do libro © Galaxia

Bágoa de Lúa, primeira entrega da triloxía As Crónicas de Landereina, é unha aposta clara e contundente da Editorial Galaxia. Eu imaxino que cando Francisco Castro, o seu editor, leu a obra por vez primeira, pensou inmediatamente e de xeito moi acertado, nas posibilidades que ofrecía o orixinal á hora de amplificar o mundo de Landereina, trasladalo ao público e crear un certo clima de expectación; porque Bágoa de Lúa é unha novela que se presta a iso. É unha novela que ten esa capacidade de facer que os sabores, os recendos e as imaxes traspasen o papel. Como sucede cando Berenguela, un dos personaxes principais, visita a Feira de Sunnaüp, presidida na praza central por unha gran fonte onde se ergue a estatua da súa fundadora que sostén varias xerras de cervexa. Esa feira onde os vendedores enchen as rúas cos seus postos ateigados de obxectos absolutamente marabillosos, que o lector quixera alcanzar só con estirar as mans. Coma os trasnos de Cornualles, que arman rebumbio nas súas gaiolas douradas ou os amuletos con estraños poderes que venden as bruxas de cabelos enguedellados. Tamén obxectos para os amantes dos libros: enormes plumas de ganso, pergamiños… E, como non, os postos de comida que son a envexa dos paseantes, coas troitas á brasa, os chicharros lañados e os chourizos facéndose lentamente e creando unha nube deliciosa que atrapa a compradores e vendedores. E tamén a lectores e lectoras, que pouco a pouco e case sen se decatar, van introducíndose nese clima marabilloso a xeito dun personaxe máis que camiña placidamente pola praza maior.

Bágoa de Lúa é unha novela de amazonas afoutas, de centauros de tradición milenaria, de elfos de cabelos rubios imposibles. Pero tamén é unha novela de kaihunns, un potente exército de criaturas de corpos chepudos e retortos, coa pel gris chea de verrugas moradas, que sementan o pánico e o caos, destruíndo a paz de Gabaia, o pobo das amazonas, por algún misterioso motivo que o lector irá descubrindo a medida que avance na historia.

A min, persoalmente, encantoume que existise unha comunidade de amazonas, todas mulleres guerreiras, adestradas na arte da loita con espada, e o tiro con arco e que sosteñen o peso e a tradición da Tríade. Encántame tamén que a fundadora de Sunnaüp sexa unha muller e encántame que os personaxes principais sexan dúas amazonas, Berenguela e Güenaela -filla da druída de Gabaia-, que irán forxando a medida que avanza a historia unha interesante amizade. Porque é un xeito de outorgarlle á muller ese lugar que merece neste xénero que é a fantasía. Así que aproveito a felicitar a Sabela especialmente por isto, que a min me resultou tan grato. A autora atreveuse a afondar no xénero fantástico desde unha perspectiva universal, pero coidando, agarimando e tratando con mimo a linguaxe literaria, e iso, para as persoas que somos ávidas lectoras, é algo de agradecer.

Bágoa de Lúa é unha novela pura de fantasía ao xeito dos relatos fantásticos clásicos de aventuras, e respectando os elementos fundamentais do xénero

Eu imaxino que Sabela González ten flotando no interior da súa cabeza os relatos fantásticos de Philip Pullman, de Michael Ende, de J.R.R.Tolkien, de Terry Pratchet, David Eddings… e todo iso mesturado pois é unha bomba marabillosa que fixo que concibise esta historia. Calquera que lea Bágoa de Lúa vai percibir ao instante, xa desde o primeiro capítulo, que ela domina o xénero fantástico. E eu creo que iso é fundamental á hora de construír unha novela deste tipo. Bágoa de Lúa é unha novela pura de fantasía ao xeito dos relatos fantásticos clásicos de aventuras, e respectando os elementos fundamentais do xénero. Hai un mapa necesario para emprazar aos lectores e lectoras na xeografía desta terra misteriosa que é Landereina, unha linguaxe antiga que ten certo peso na historia e que lle confire ese pouso de tradición milenaria indispensable, e os nomes que teñen os personaxes foron escollidos e inventados con moito acerto. Hai conspiracións, ansias de poder, corrupción. E, sobre todo, hai un colgante de nome fermoso Bágoa de Lúa, con poderes máxicos, que xerará a cobiza daqueles que coñecen da súa existencia, e que Berenguela terá que protexer a toda costa. Berenguela terá que emprender unha misión de facto (protexer a Bágoa de Lúa), e vai emprender unha viaxe polas terras de Landereina que será paralelo a unha viaxe evolutiva, cara o interior de si mesma. E este é un dos aspectos máis interesantes da obra: esa clara evolución que se vai producindo nas dúas personaxes principais.

Remato xa, dicindo que esta é unha novela inacabada. Inacabada no mellor sentido do termo. Realmente, esta obra remata no principio da historia. O mellor está aínda por vir, e virá da man dese segundo e terceiro libro que prometen desvelar o mellor de Landereina e o mellor de Sabela González.

Capa do libro © Galaxia
Sabela González © Galaxia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.