Breve guía de supervivencia profesional no sector cultural

Sergio Lago, á dereita, na intervención de Santiago Eraso no CEU en Xestión Cultural da USC © Bencuriosa

Como xa ten sinalado Marcos Lorenzo, ademais doutros autores, a Administración Pública é o axente clave na cultura galega. O único con capacidade para modificar as regras do xogo, incluídas as prácticas e os prezos, tanto para o resto das entidades, privadas e sociais, como para o conxunto do mercado cultural. Polo tanto, non é de estrañar que a súa influencia sexa tan determinante no día a día de calquera profesional, aínda que non traballe directamente para as institucións públicas. 

Preguntado precisamente polo papel destas no ecosistema cultural, o investigador Jaron Rowan afirmaba nunha recente entrevista que, en calquera caso, “nunha democracia sempre será mellor poder confiar nas institucións que nas persoas”. 

Por contextualizar mellor a cita, despois de describir unha época previa de “investimentos públicos difíciles de xustificar, tramas de corrupción, contratacións opacas e designacións a dedo”, Rowan entendía que estabamos ante a oportunidade de reforzar as institucións culturais “re-deseñando as súas normativas”, poñendo en valor os criterios técnicos e de méritos na selección de proxectos e persoal, ademais de “introducir mecanismos de maior transparencia”. 

Mentres agardamos por un marco laboral e institucional que protexa e coide adecuadamente toda a cadea de valor da cultura, quédanos a iniciativa e a resiliencia das súas traballadoras e traballadores

Lamentablemente, estas medidas dependen de lograr consensos profesionais previos, de construír con eles capacidade real de negociación sectorial ante as administracións e finalmente, da planificación e aplicación dunhas políticas culturais que as teñan presentes. En todas estas cuestións, como podemos comprobar en calquera estudo sobre a temática en Galicia, estamos moi lonxe dun desenvolvemento normalizado. 

Así, mentres agardamos por un marco laboral e institucional que protexa e coide adecuadamente toda a cadea de valor da cultura, quédanos a iniciativa e a resiliencia das súas traballadoras e traballadores. Quédannos as persoas. Son elas, “profesionais con vocación, compromiso e determinación” como as define tan ben Marián Fernández, as que fan posibles os proxectos culturais neste País.

A intención deste texto será intentar trazar unha panorámica moi xeral sobre o noso contexto laboral e profesional. No eido público e no privado, tanto por conta allea como propia e tamén nalgúns dos retos clave da colaboración público-privada: a Lei de Contratos do Sector Público (LCSP), as liñas de apoio en concorrencia competitiva e a necesidade de defender mellor a permanencia dos proxectos. Trátase en calquera caso dunha breve serie de reflexións e suxestións, xa adianto que bastante subxectivas, sobre como intentar (sobre)vivir como profesional da xestión cultural dende Galicia.
 

1) Se non a tes xa, saca unha praza de funcionaria/o cultural

Hai un certo consenso, polo menos entre as autoras e autores desta publicación, eu incluído, en que a principal función da nosa profesión é garantir o dereito da cidadanía a acceder e ser parte activa do feito cultural. Sendo así, é natural e lexítimo pensar que é dentro da esfera pública onde esa vocación pode desenvolverse mellor. Para as máis indecisas, se ademais nos atopamos cun posto de traballo estable e un salario digno, todo axuda a decidirse, claro está. 

E onde se pode asinar para comezar mañá? Pois para non levantar falsas expectativas, sinto comezar cun spoiler, pero non é precisamente un camiño de rosas.

Estamos ante unha profesión recente, polo menos na normalización da súa denominación como “xestor/a cultural” e cunhas funcións que foron adaptándose nos últimos corenta anos segundo se ían creando e consolidando novos servizos e equipamentos públicos. Así, especialmente en concellos pequenos, é moi habitual atopar “técnicas/os de cultura” que foron encargándose ao longo do tempo, incluso simultaneamente, da xestión e dinamización de áreas tan diversas como bibliotecas, mocidade, maiores, deportes, normalización lingüística, aulas de alfabetización dixital, festas, etc... ademais das que deberan ser propias, como son o deseño, planificación e coordinación de programas e proxectos culturais. Tamén é certo que nos últimos anos podemos atopar unha tendencia cara a especialización nestas últimas tarefas, acompañada da incorporación de perfís profesionais específicos que foron cubrindo as outras áreas. 

En calquera caso, esta evolución tan recente implica que, a día de hoxe, atopemos na Administración Pública galega un mapa de profesionais con competencias e funcións similares pero que, dependendo do momento da súa incorporación e das súas responsabilidades iniciais, teñan un nivel formativo, categorías salariais e condicións laborais moi desiguais. Outra consecuencia é a falta de organigramas claros en moitas áreas e servizos de cultura, especialmente nos que foron acumulando servizos e equipamentos construídos sen unha planificación e proxecto de acción cultural previo.

Poderiamos falar tamén das dificultades e limitacións que nos últimos anos sufriron as entidades locais pola “Ley de Racionalización y Sostenibilidad de la Administración Local (LRSAL)”, máis coñecida como “Lei Montoro”. Se ben non é a única causa, acentuou a escaseza de convocatorias de novas prazas. Ademais, a maioría das que puidemos atopar no DOG ou nos Diarios Oficiais das diferentes provincias nos últimos anos son renovacións de prazas de persoal laboral temporal, o que afonda na perpetuación dunha inestabilidade laboral estrutural. Vemos tamén incluso situacións de precariedade no ámbito público. Neste último sentido falariamos dalgúns casos, sobre todo en postos auxiliares, nos que se optou por atallos a través da externalización con empresas de traballo temporal ou incluso pola contratación directa de profesionais que operan como “autónomas/os”, para saír do paso e manter abertos equipamentos e servizos culturais.

Esta diversidade de situacións laborais son vividas polas/os profesionais, xeralmente, como problemáticas de resolución individual no marco da propia entidade e non como un problema colectivo sectorial. Isto dificulta enormemente que se constrúa unha resposta profesional (ou sindical) conxunta, a cal permitiría exercer unha mínima capacidade de presión ante as distintas administracións. Incluso, no sentido contrario, percíbese unha certa resistencia dende un sector da profesión cando hai intentos, como no caso da Deputación da Coruña, de camiñar cara unha certa normalización na situación laboral e nos criterios de acceso aos postos de traballo nas áreas de cultura. 

Parte desta resistencia pode ser comprensible, especialmente en profesionais con traxectoria e recoñecemento pero que, ocupando postos de traballo eternamente “temporais”, agora ven perigar a súa (futurible) consolidación con requisitos de titulación que non lles foron esixidos para acceder ao posto. Ademais, hai que ter en conta que estamos ante unha profesión que se foi definindo esencialmente a partir da práctica e da experiencia, si, pero na que tamén hai investimentos persoais de centos de horas en formación e reciclaxe, asistindo a pequenos cursos e xornadas que, ata fai ben pouco, eran a única oferta existente na contorna máis inmediata. Resultaría polo tanto tamén xusto atopar unha vía de homologación que valorase esa experiencia e coñecementos adquiridos, ademais de construír un marco de desenvolvemento profesional, con itinerarios de actualización profesional.

Por outra parte, temos ás novas e novos profesionais que queren incorporarse á función pública, moi habitualmente xa con formación superior e estudos de posgrao especializados en xestión cultural. Para elas e eles non está a ser posible planificar con garantías a preparación das probas para acceder ás poucas prazas que se van convocando xa que, por inercia da situación herdada ou porque se pensa en facilitar o acceso a unha persoa concreta, os requisitos de acceso, os méritos valorados e incluso os temarios das probas poden diferir enormemente en cada caso. 

E cal podería ser ese marco normalizado cara o que camiñar? Pois como case sempre, tampouco parece preciso inventar a pólvora. No documento de “Descrición do Posto de Traballo da Xestión Cultural”, consensuado no 2009 dentro da “Federación Estatal de Asociaciones de Gestores Culturales”, establécese unha proposta de salarios e categorías laborais dentro dos grupos de Técnico Superior A1 (postos de alta dirección e de grandes equipamentos e institucións culturais) e Técnico Medio A2 (o que probablemente corresponda co perfil máis habitual nos concellos galegos). Tamén contempla postos técnicos C1 (TASOC) e incluso auxiliares do grupo D, pero sempre vinculados a unha serie de funcións e competencias moi concretas, que deberan terse en conta na valoración salarial.

Moi similar é a proposta de categorías profesionais que a Deputación da Coruña establece no seu “programa (anual) de subvencións a concellos e entidades locais para contratar persoal técnico en xestión cultural e/ou animación sociocultural”. Neste caso diferencian, como vemos, entre “persoal técnico en xestión cultural” (Técnico Medio de Cultura, correspondente ao grupo de clasificación A2) e “persoal técnico en animación sociocultural” (Técnico Superior en Animación Sociocultural, correspondente, no mínimo, ao grupo de clasificación B ou C1). Ademais desta proposta de categorías e retribucións salariais, tamén establecen un camiño a seguir nas convocatorias municipais cun marco estándar de requisitos, méritos e formatos das probas de acceso. 

Pensando nos destinatarios do noso traballo, o conxunto da cidadanía, normalizar todos estes aspectos e favorecer a consolidación e acceso laboral ás persoas con máis preparación e méritos, sexan da xeración que sexan, só pode beneficiar á calidade dos servizos públicos en cultura.

 

2) Preséntate a concursos públicos para a dirección de proxectos e equipamentos culturais.

Como sei que o anterior apartado quedou algo longo, tranquilidade! Este vai ser moi breve.

Agás contadas excepcións, como poden ser as direccións dos centros de produción escénica autonómicos, a dirección-xerencia do Auditorio de Galicia en 2016 (Concello de Santiago de Compostela) ou, xa no ámbito privado, o concurso de dirección convocado pola Asociación Culturgal en 2011, este modelo de contratación, en base á valoración dos méritos profesionais e sobre todo, dunha proposta de proxecto planificada a 3 ou 5 anos vista, é unha rareza en Galicia. 

Non vaia ser que a un equipo profesional independente se lle ocorra xerar, ou permitir que se activen, discursos con capacidade crítica e estes resulten incómodos para o poder

O motivo? Pois probablemente quen mellor o teña sintetizado, pola súa facilidade para falar sen cancelas, fose o alcalde dunha cidade galega que vive e goza dunha excelente política cultural: “¿Para que se necesita un nuevo director para ese museo? Al gestionarlo directamente desde el Ayuntamiento nos ahorramos un dinero muy importante (...) y además así será lo que decida la ciudad.”. A transcrición é aproximada pero, con lixeiras variacións e de portas para dentro é demasiado habitual escoitar afirmacións similares a cargos políticos, os cales poderían substituír perfectamente “el Ayuntamiento” ou “la ciudad”, por un “yo”. 

É ilustrativo tamén da contradición entre un aparente desleixo sobre a capacidade mobilizadora (tamén de votos) do sector cultural e o medo que lles provoca a perda de control sobre unha unidade de produción creativa. Non vaia ser que a un equipo profesional independente se lle ocorra xerar, ou permitir que se activen, discursos con capacidade crítica e estes resulten incómodos para o poder.

De novo, aínda que case sempre se formulen como loitas de ámbito local, entre políticos e un pequeno sector afectado pola falta de proxecto dun equipamento, lembremos que desde o 2007 existe un código estatal de “Buenas Prácticas en Museos y Centros de Arte Contemporáneo”. Este documento traza, entre outras moitas cousas, a recomendación e o marco de referencia para a selección de directoras/es destes centros, así como o papel social que deben cumprir e que ben poderían aplicarse a moitos outros espazos e proxectos culturais. Este texto foi consensuado e subscrito por representantes de todas as asociacións do sector da arte contemporánea e polo Ministerio de Cultura que, naquela altura, estaba dirixido pola socialista Carmen Calvo. 

3) Traballas xa na/para/dende/con unha administración pública? Levanta barricadas!

A maioría dos exemplos próximos que se adoitan citar cando falamos de políticas culturais públicas, como o Concello de Pontevedra ou os portugueses de Santa Maria da Feira e Guimarães, non teñen en común a cor política, pero si a continuidade durante moitos anos, incluso décadas, do mesmo partido no goberno. Pero isto non é o máis habitual. A Administración Pública, unha institución na que pensamos sempre como algo bastante estático e perdurable, vive en realidade auténticas catarses en ciclos curtos de catro anos ou menos, as lexislaturas (ou mandatos). 

Evidentemente, non quero dicir que o problema sexa do modelo democrático nin da alternancia política, que non se me entenda mal, senón de como esta última se entende e se exerce. 

O perigo está sobre todo na tendencia a querer mostrar o antes posible unha pegada persoal ou de partido. Tamén no adanismo, a tendencia a partir sempre de cero esquecendo ou destruíndo conscientemente o xa construído

Así, se ben é lexítimo e desexable que un cargo político conte cunha idea propia de política cultural, non o é tanto que as liñas de traballo do persoal técnico da administración ou a continuidade no apoio a iniciativas privadas, dependa tanto das dinámicas de ciclo político. 

O perigo está sobre todo na tendencia a querer mostrar o antes posible unha pegada persoal ou de partido. Tamén no adanismo, a tendencia a partir sempre de cero esquecendo ou destruíndo conscientemente o xa construído. Pode ser de xeito directo, sen contemplacións, pero, cando non se poden permitir a mala prensa de eliminar así certas iniciativas, sobre todo as máis veteranas, aplican estratexias máis sutís: recortes graduais, demoras e supostas dificultades administrativas. "Todo forma parte dun descoido provocado, aprazar as cousas ata que morran", como ben ilustraba o director dun evento que, despois de varias décadas de traxectoria, recentemente deixou de celebrarse.

Ante este panorama, con barricadas estou a falar de estratexias que permitan defender o teu/voso proxecto. Cada situación ten as súas particularidades, pero en esencia hai dúas ideas básicas que definen a fortaleza de calquera proxecto ou modelo de traballo: construír (e coidar) unha comunidade ao seu redor e traballar na visibilidade (e recoñecemento) da iniciativa. 

Na importancia das estratexias de creación de comunidade xa teñen afondado moi acertadamente nos seus escritos Encarna Lago ou Alberto García, quen tamén son un bo exemplo de traballo dende as barricadas (agora chámaselles resiliencia) e da posta en valor e divulgación do modelo no que creen. 

Pero, en xeral, hai unha gran carencia de documentación estruturada, arquivo e divulgación do traballo realizado: memorias, recursos fotográficos e sobre todo, audiovisuais. A comunicación cultural non pode limitarse á fase de “captación de públicos”: debe estenderse e coidarse tamén á divulgación posterior das iniciativas. 

A partir dunha boa documentación e publicación dixital, un segundo nivel sería a posta en valor a través de axentes de lexitimación. Desgraciadamente, como en tantos outros aspectos, a lexitimidade e constatación do bo traballo técnico ante a contorna máis próxima soe chegar, se chega, a través dun efecto espello: do que opinen e lles fagan ver axentes foráneos. Para logralo temos como posibles ferramentas: o convite a estes axentes externos para participar ou simplemente coñecer o proxecto, o traballo de divulgación a través dos medios de comunicación, a nosa participación activa dentro de colectivos profesionais, a difusión activa en canles dixitais, a presentación da iniciativa en congresos, premios ou xornadas... 

Un exemplo de iniciativa sectorial neste sentido é o Banco de Boas Prácticas en Xestión Cultural, promovido pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), así como os posteriores actos de recoñecemento de proxectos seleccionados neste repositorio dixital.

En calquera caso, tanto se traballas na parte técnica da administración ou como axente privado, a posición de debilidade segue a ser evidente. Por iso, como última suxestión, para cando vexas que as barricadas comezan a desbordarse, tomo as palabras de Fran Gayo e Analía G. Alonso, ex-director artístico e ex-produtora do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF): “O feito de que amemos este traballo non implica traballar nel nas condicións que sexan”. 

 

4) Aprende estas siglas: LCSP (E agora compra provisións suficientes de paracetamol). 

Sen dúbida, o gran reto común na relación entre sector público e privado é atopar encaixes xurídicos e formais ás particularidades do traballo en cultura, especialmente cando queren explorarse novos modelos de proxectos dentro da Administración Pública, máis aló da contratación artística.

Tan complicado é? Pois para que te fagas unha idea, unhas recentes xornadas arredor desta temática denomináronse: “Como tramitar un unicornio?”. E iso que aínda non estaba vixente a nova Lei de Contratos do Sector Público do 2018... 

A LCSP está a supoñer en certo modo unha volta á casa de saída

A LCSP está a supoñer en certo modo unha volta á casa de saída. Cos límites que establece á fórmula do contrato menor, tanto na súa aplicación como no volume de facturación que pode acumular un mesmo provedor durante un ano, esta solución, ata o momento o “atallo” máis áxil e habitual no sector, preséntase xa moito máis complicada de aplicar. Por agora, estamos a ver movementos exploratorios, solucións temporais e algúns primeiros procedementos de licitación. Neste último caso, fórmulas que se supoñían áxiles, como o procedemento aberto “simplificado”, en realidade están a demorarse meses. Agardemos que sexa unha situación temporal de adaptación.

O problema principal co que nos atopamos en licitacións na nosa profesión é que, a diferenza da contratación artística ou doutros servizos “intelectuais” (como os de enxeñería e arquitectura para obra pública), no deseño de proxectos culturais puntúase moito máis unha rebaixa na oferta económica que a calidade, solvencia e orixinalidade da proposta técnica.

Estanse a ver estratexias para filtrar propostas mediocres e reforzar, na medida que permite a lei, a valoración da calidade sobre unha mera rebaixa no prezo de licitación. Pero, outra vez, atopámonos con pasos illados e pouco coñecemento compartido entre administracións, ademais de escasos espazos de diálogo entre sector público e privado. Desculpa que me repita pero, pensando no conxunto da cidadanía, favorecer que dentro dos límites orzamentarios que marca cada licitación se contraten as mellores opcións técnicas, e non só as máis baratas, só pode beneficiar á calidade dos servizos públicos en cultura.

No que respecta ao sector privado e intentando ser positivos, unha maior concorrencia competitiva obrigaría a contar con propostas técnicas máis sólidas e poñería en valor a solvencia dos mellores equipos. En definitiva, podería ser estimulante para a maduración empresarial do sector e reducir as situacións de clientelismo, tantas veces denunciadas. Pero, para iso debera existir un volume suficiente de oportunidades, a través de máis licitacións abertas, que compensaran o investimento, a risco empresarial, da implantación tanto dos requirimentos administrativos como das dinámicas precisas para a preparación regular de propostas técnicas.

Outro posible efecto positivo, tendo en conta as dificultades que está a supoñer para os servizos municipais cada licitación, é que comecen a planificarse e licitarse con máis frecuencia servizos e proxectos culturais para desenvolver en períodos de varios anos, o que suporía, con respecto á dinámica actual de negociación ano a ano para a continuidade de proxectos, unha mellora na estabilidade das propostas e na planificación das cargas de traballo.

Sexa como sexa a evolución da aplicación da LCSP, deberamos comezar a tomar conciencia no sector de que con este escenario, se non queremos que as macroempresas de traballo temporal nos despracen definitivamente, será preciso comezar a contar con estruturas empresariais de maior escala, aínda que sexa pola vía de UTEs, para poder competir. 

Nalgunhas convocatorias recentes vese máis intencionalidade que a de ser meras ferramentas de reparto de cartos

Tamén, e por isto falamos deste tema no apartado do sector público, debemos ter claro que cando deseñamos proxectos para que unha administración os financie integramente, sexa cun contrato menor ou cunha licitación, estamos a traballar temporalmente para un proxecto público. O cal non nos pertence, por moi responsables que nos sintamos da idea orixinal e da súa posta en marcha.
 

5) As liñas de apoio en concorrencia competitiva (si, vale, subvencións)

Seguimos a falar da relación entre sector público e privado. E o primeiro que teño que dicirche é: cando presentes a túa solicitude en rexistro non pidas perdón, nin te sintas culpable. As empresas automobilísticas e o sector bancario, entre moitas outras, parece que levan ben esta “culpa”, recibindo en termos absolutos e proporcionais moito máis apoio público que a cultura.

O seguinte a dicir é que, a pesar de que algunhas son auténticos camiños tortuosos, outras convocatorias de apoios a proxectos culturais, ademais de financiamento, tamén poden ser inspiradoras para mellorar e diversificar as nosas liñas de traballo. 

Sen querer contradicir aos colegas que sosteñen a debilidade das políticas culturais no País, o certo é que nalgunhas convocatorias recentes vese máis intencionalidade que a de ser meras ferramentas de reparto de cartos. Destacaría como aspectos positivos que se lle requira unha maior solvencia técnica aos proxectos; tamén que se propoñan temáticas e que se valoren dimensións que comezan a ser obrigadas en calquera proxecto, como os aspectos sociais, de xénero, de inclusión, de sostibilidade ou dunha maior conexión coas comunidades do territorio. Tamén é positivo que se promovan novas liñas de acceso máis sinxelo, para novos talentos e colectivos informais, que non deixan de ser os viveiros do futuro profesional do sector.

Outra recomendación é botar unha ollada máis aló de Pedrafita (ou de Tui) e explorar convocatorias e programas de entidades do ámbito estatal e europeo que conecten cos nosos valores e liñas de traballo

Algúns exemplos serían as convocatorias de axudas municipais da área de Culturas do Concello da Coruña (desde 2016) ou o “Programa de subvencións destinado a entidades lucrativas para a produción de proxectos singulares de especial interese cultural”, con impacto social, lanzado pola Deputación da Coruña en 2018. 

Outra recomendación é botar unha ollada máis aló de Pedrafita (ou de Tui) e explorar convocatorias e programas de entidades do ámbito estatal e europeo que conecten cos nosos valores e liñas de traballo, non simplemente coa disciplina. Especialmente se as áreas de interese profesional son moi específicas, poida que a escala galega sexa pequena para contar cunha carga de proxectos suficientes. Non é unha suxestión para emigrar sen retorno: falamos do equilibrio que están a lograr xa profesionais do sector, combinando traballo local cunha desexable mobilidade dende Galicia, tamén coa acollida de iniciativas en rede. Ademais de financiamento, o máis importante nestes casos son precisamente as oportunidades de atopar a rede de colaboracións e oportunidades profesionais que conecten cos nosos intereses e competencias.

 

6) Se a cousa pública non vai contigo, faite un oco por conta allea nas industrias culturais 

Aínda que importado de contextos moi distintos ao noso, falar das “industrias culturais e creativas” galegas estivo ben durante un tempo, cando foi útil como ferramenta para reivindicarse como sector económico e profesional “serio” ante a clase política e a opinión pública. Pero como tantas outras veces, pasámonos de freada tirando do argumentario da “rendibilidade económica”, como xa ten expresado moi ben Alberto García.

Actualmente, o ecosistema privado galego da xestión cultural conta aínda con poucas estruturas con entidade “industrial”

Paradoxalmente, esa época, fai apenas dez anos, coincidiu cunha destrución masiva do tecido empresarial na cultura e polo tanto, cunha maior atomización aínda se cabe do sector. Moitas persoas aguantaron como autónomas, para timidamente ir reorganizándose en redes máis ou menos informais e nalgúns casos adoptando posteriormente modelos empresariais, especialmente cooperativos dentro da economía social. Tamén houbo casos de resistencias empresariais heroicas, claro, pero sempre con algún grao de reconversión nas súas estruturas.

Actualmente, o ecosistema privado galego da xestión cultural conta aínda con poucas estruturas con entidade “industrial”. Por non repetir o que xa explican, e moito mellor, nos seus textos as compañeiras e compañeiros desta mesma publicación, vou pasar no bico dos pés polas especificidades e situación actual de cada sector. E detéñome tan só nun formato de proxecto cultural, no cal cada vez se mesturan máis disciplinas e que ademais está a constituír un micro-sector en si mesmo: o dos festivais.

Aínda que parten dunha proposta inicial de programación artística, este tipo de eventos están a recibir o favor de público, patrocinadores e institucións porque adoptan con acerto estratexias máis amplas de turismo cultural, coidando moito a experiencia global de quen visita (e paga). Sen dúbida supoñen un impacto positivo no territorio, económico e incluso de autoestima, pero tamén moi restrinxido no tempo, especialmente pensando no conxunto da cidadanía. Con todo, a crítica non pode ser a quen arrisca, promove lexitimamente e xera emprego con eventos efémeros, senón á tendencia a un certo monocultivo e fascinación por parte das administracións neste enfoque, de novo de moda, como é o de apostar tan só por proxectos que supostamente xeran marca-territorio. En calquera caso, estamos no punto de saída cara o Xacobeo 2021, a clara aposta do goberno autonómico en políticas culturais e unha das poucas iniciativas con atractivas exencións fiscais ao patrocinio e mecenado, polo que esta tendencia só parece que vaia ir a máis.

Volvendo á idea da inserción laboral dentro do “tecido cultural privado”, aló polo 2013 defendía, nunhas xornadas sobre economía e cultura, que un dos peores efectos da desaparición de empresas referentes por causa da crise estaba a ser a dificultade para formarse nas novas xeracións. Nunha profesión baseada ata ese momento na formación práctica e experiencial, resultaba difícil que a exaltación do emprendemento (léase auto-emprego) e as colaboracións puntuais entre autónomas/os puideran substituír a transferencia de coñecemento que se produce nunha estrutura empresarial estable. 

Un dos peores efectos da desaparición de empresas referentes por causa da crise estaba a ser a dificultade para formarse nas novas xeracións

Polo tanto, recapitulando, os festivais intúense como o eido onde nos vindeiros anos seguiremos a atopar máis posibilidades de inserción laboral, especialmente para introducirse no sector e aprender o oficio. Iso si, trátase de postos xeralmente de carácter intermitente e moi vinculados a tarefas auxiliares, técnicas e de produción.

No resto de formatos e disciplinas, estase a percibir tamén unha lixeira recuperación na xeración de oportunidades de traballo, xeralmente temporal dado o financiamento ligado a actividades concretas e a pequena dimensión da maioría das empresas, as cales non poden soportar o mantemento de persoal no tempo entre proxectos. 

En calquera dos casos, non atoparemos ducias de ofertas en portais de emprego en liña. As empresas tenden a tirar do entorno coñecido e das recomendacións, aínda que con este hábito probablemente teñan máis difícil chegar a novos talentos. A participación en actividades formativas, encontros profesionais e colaboracións dentro de programas de prácticas e voluntariado, sempre que as condicións sexan razoables, móstranse como as mellores canles de inserción laboral para quen non teña unha experiencia previa no sector. Como di unha antiga alumna e agora compañeira, “hai que intentar estar sempre polo medio”.

O seguinte reto, dentro das ofertas de traballo no sector privado, é saír da dinámica maioritaria de “colaboracións entre autónomas/os” e camiñar cara a des-uberización dun sector que naturalizou demasiado este novo paradigma, antes incluso de que nacera sequera a propia Uber.

Neste sentido, sempre está ben lembrar que contamos como marco “inspirador” co “Convenio colectivo autonómico de eventos, servizos e producións culturais de Galicia (2015)”, de aplicación ás “empresas e aos seus traballadores e traballadoras que na Comunidade Autónoma de Galicia realicen actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, educativo, social e de entretemento, destinados a ser executados en locais pechados ou a ceo aberto e, en xeral, todas as actividades preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluída a actividade comercial, de representación de artistas, distribución de eventos e xestión (management)”. 

7) Emprendede, malditas!

Oito de cada dez lectoras/es arquearon a cella despois de ler esta suxestión para traballar en cultura. As outras dúas non saben en canto está agora a cota de autónomos. Seguro. 

Non son de estrañar as dúbidas que xera este paso, tendo en conta a exaltación irresponsable que se fixo do emprendemento como vía de autoemprego en tempos de crise, unido ás políticas de terra queimada que supuxeron (e supoñen aínda) moitos dos programas públicos, campañas, concursos, plans formativos, incubadoras, etc... de promoción dos emprendedores, especialmente no terreo cultural e creativo. Como terás escoitado, sobre as redes sociais e en xeral calquera servizo dixital gratuíto, adóitase dicir que se é de balde é porque o produto en realidade es ti. Pois, desgraciadamente, isto tamén se pode aplicar a demasiadas destas iniciativas de “apoio”.

Feita esta observación inicial, tamén hai que dicir que si se intúen ocos para novas iniciativas empresariais ou sinxelamente de autoemprego profesional. Cales? En que disciplina? Como poñelas en marcha? Pois francamente, como bo consultor cultural só podo dicirche (de balde) que as respostas serían tan diversas como o propio sector, pero si que podemos identificar algunhas claves (ou pedras) comúns que te atoparás no camiño.

Sobre a diversificación ineludible no financiamento xa escribiu moi atinadamente Uxío Novo. Tamén Sonia Díaz sobre a necesidade de coñecer mellor os públicos aos que nos diriximos, polo que imos a deternos máis nos modelos de traballo. 

Gran parte do tecido baseado no autoemprego ten unhas prácticas moi artesanais, o que supón que cada proxecto sexa moi intensivo en tempo e dedicación

Aínda que dependendo da disciplina pode resultar máis ou menos difícil, unha aposta empresarial ou de autoemprego cultural non debera ser unha condena á intermitencia e á inestabilidade. Xa de dar o paso, o máis recomendable sería poñer o foco en poucos proxectos ou liñas de servizo, pero con suficiente dimensión para permitir unha certa estabilidade e carga de traballo a medio-longo prazo. Para podelos viabilizar será preciso, iso si, dispoñer de “pulmón económico” para aguantar o esforzo inicial de captar o financiamento ou os clientes mínimos. E non esquecer que estamos ante un investimento, co risco natural de que poida que non saia adiante.

Outra opción é pensar en proxectos ou servizos máis pequenos, pero tamén cun foco: o da especialización ou singularidade. Non necesariamente deben requirir de gran orzamento, pero si deben permitir distinguirnos no mercado e unha vez deseñados, deben poder ser replicados con lixeiras adaptacións e melloras para novos clientes. A lóxica é similar ao proceso clásico da produción e distribución de espectáculos ao vivo. Precisamente, algunhas empresas deste eido son as que mellor están medrando e diversificándose. Tamén, porque contan cunhas estratexias comerciais moi próximas aos clientes principais (a administración local, tecido asociativo e ámbito educativo) e con persoal especializado para executalas. Isto último é sen dúbida unha das ensinanzas clave que deberamos adoptar do éxito do sector das orquestras e verbenas. 

Pola contra, un modelo que resulta realmente pouco rendible e esgotador é a dinámica de deseñar, intentar captar fondos e executar múltiples pequenos proxectos culturais ad hoc, nun mercado ademais de baixos orzamentos.

Esta dinámica, por outra parte maioritaria, é un dos aspectos polos que resulta máis difícil encaixar a nosa profesión dentro dunha lóxica das “industrias culturais”. O concepto “industria” debera supor a capacidade de producir sistematicamente, con claras distincións entre axentes da cadea de valor e tamén entre os roles de patronal e traballadoras/es. A realidade é que gran parte do tecido, baseado no autoemprego, ten unhas prácticas moi artesanais, o que non é malo en si mesmo nin moito menos, pero supón que cada proxecto sexa moi intensivo en tempo e adicación, algo só sustentable cuns prezos/hora moi superiores aos que actualmente están a valorarse. 

Outro erro habitual á hora de orzamentar as propostas por parte de emprendedoras/es (empreguemos mellor aquí o termo autónomas/os), é que non se ten en conta que tamén debemos poder comer, ir de vacacións e incluso poder poñernos enfermas/os fóra das horas que estamos executando un proxecto. Se as horas investidas en investigación, diagnose, deseño, comercialización e todas aquelas menos “visibles” polos clientes, que moitas veces só reparan na fase de execución, non conseguimos que sexan retribuídas, as contas persoais non darán e só estaremos a facernos trampas ao solitario.

A precariedade é un problema estrutural, si, pero non podemos obviar a nosa parte de responsabilidade

A precariedade é un problema estrutural, si, pero non podemos obviar a nosa parte de responsabilidade. Tanto cando aceptamos traballar con determinadas condicións como, especialmente, cando como xestoras/es culturais sexamos responsables dun equipo de profesionais e provedores aos que lles estamos a pedir que nos acompañen nun proxecto. 

Sobre isto resulta ineludible citar a Remedios Zafra, autora de “El entusiasmo” (Anagrama, 2017), nunha reflexión válida tanto para traballadoras/es como para emprendedoras/es da cultura: “A precariedade é unha das formas máis habituais que adquire a desigualdade no capitalismo e é importante porque hoxe caracteriza os modos predominantes de traballo nun mundo conectado. É tan habitual que tende a pasar desapercibida. E paréceme que isto ocorre por varias razóns, entre outras: a precariedade no traballo creativo camúflase con altas doses de motivación e voluntarismo; en ocasións recibe pagos inmateriais ou simbólicos que fan sentir aos traballadores que xa tiveron unha ganancia -aínda que sexa un mero certificado ou unha maior visibilidade-; reforzan a tradición de que a creación leva un pago -distinto- 'que afortunado son por dedicarme ao que me gusta'”. 

Neste contexto sobresaturado de oferta, precarizado e continuamente “en baixa temeraria”, outro autor, Santiago Eraso, propón acertadamente comezar a apostar por estratexias sectoriais que defendan lóxicas máis “ecolóxicas”: Menos proxectos, mellor repartidos, máis coidados e con mellores condicións para os axentes que os fan posibles. 

Parecen obxectivos distantes, pero é un horizonte cara o que parecen camiñar timidamente certos consensos profesionais, o que non é pouco. 

 

8) Temos que coidarnos máis

Como ves, non mentía cando adiantaba que este achegamento ao noso contexto profesional sería bastante panorámico (e subxectivo). Agardo que algunhas pistas poidan serche de utilidade pero, a estas alturas, tamén terás intuído que, por riba da vontade e do esforzo persoal, hai varias capas que inflúen enormemente no noso día a día: a precariedade xeral do mercado laboral, as carencias na nosa vertebración sectorial, e a consecuente dificultade para reivindicar unhas mellores políticas laborais e culturais ante a Administración Pública. 

Un seguinte paso debera ser poñer o foco sobre obxectivos máis delimitados para cada segmento da cadea de valor

É moi positiva a proliferación de escritos, xornadas e encontros onde se está a levantar a voz sobre a situación do sector e das políticas culturais. Tamén, que estas iniciativas sexan promovidas por entidades tan diversas como asociacións profesionais e empresariais, festivais de diferentes disciplinas ou propostas formativas, como é o noso caso. Outra novidade, para ben, é que en case todas estas actividades son convidados representantes políticos e axentes dos diferentes sectores da cultura, por fin, xuntos na mesma mesa.

Se ben é moi necesario unirse nestes foros intersectoriais, facendo forza conxunta e apoiándose entre as diferentes disciplinas e axentes da cadea de valor, as problemáticas e os desexos que se adoitan manifestar son bastante inalcanzables a curto prazo. Xeralmente, acaban xerándose demandas que requiren cambios profundos nas políticas culturais da Administración Pública, ademais doutros máis xerais de marco estatal, como a cotización de autónomos ou os incentivos fiscais a mecenado. 

Un seguinte paso, na miña opinión, debera ser poñer o foco sobre obxectivos máis delimitados para cada segmento da cadea de valor. Neste sentido, o empresariado (incluídos autónomos que impulsan proxectos e equipos), as traballadoras/es (sexan en réxime xeral ou en autónomos) e o conxunto de profesionais do sector público teñen retos diferentes. 

Así, ao empresariado, debera interesarlle explorar, conxuntamente con cargos políticos e profesionais das administracións, como resolver os retos que temos para facilitar a colaboración público-privada: unha mellor inversión pública, avanzar na adaptación das liñas de concorrencia competitiva aos prazos reais de traballo e ciclos de vida dos proxectos, coordinar axendas de programación para evitar a contra-programación pública, acordar prácticas e políticas de prezos que permitan a complementariedade da oferta, crear mesas de traballo para atopar solucións comúns e compartir coñecemento arredor da LCSP, etc... Tamén, pero nisto xa están a facer un gran traballo as asociacións sectoriais, crear rede, fomentar alianzas e compartir coñecemento sobre os retos específicos do sector, o mercado, os públicos e as novas ferramentas e prácticas para a actualización profesional.

As traballadoras e traballadores da cultura deberan ter interese en xuntarse en plataformas, ou empregar as sindicais e profesionais que xa existen, onde analizar medidas que permitan marcar unhas condicións laborais mínimas dignas

Pola súa parte, as traballadoras e traballadores da cultura deberan ter interese en xuntarse en plataformas, ou empregar as sindicais e profesionais que xa existen, onde analizar medidas que permitan marcar unhas condicións laborais mínimas dignas. Isto é especialmente importante no caso da desprotección das persoas que traballan baixo o réxime de autónomos e non están cubertas polos convenios existentes. Por poñer un exemplo recente de plataforma, a nivel estatal temos o da iniciativa que permitiu desenvolver a proposta de “Estatuto del Artista”. Volvendo a Galicia, o que está claro é que mentres o contexto laboral e profesional se siga vivindo como unha problemática de resolución (ou resignación) individual, non haberá posibilidade de mover minimamente os marcos institucionais... e os privados. 

Como dicía ao comezo, mentres agardamos (e pelexamos) por un marco institucional e laboral menos hostil, deixémonos de épicas do talento e da resiliencia individual. Xuntémonos, protexámonos e sobre todo, compañeir*s, coidémonos máis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.