Cantos na Maré arranca este xoves cun novo modelo máis amplo e aberto a máis culturas

Cesaria Évora e a súa banda © Cesaria Évora

Teresa Salgueiro inaugura este xoves 11 de outubro unha nova edición de Cantos na Maré, o festival da ilusofonía que dá un paso máis nesta edición cara a un novo modelo con máis días de programación, aberto a máis culturas, máis xéneros, máis públicos e a novas experiencias.

Cantos na Maré aposta por un novo modelo con máis días de programación, aberto a máis culturas, máis xéneros, máis públicos e a novas experiencias

A partir das 20.30 horas, no auditorio do Pazo da Cultura, Salgueiro interpretará temas propios e tamén recuperará algún dos que cantou durante anos con Madredeus. Será o inicio dun festival que, por mor das previsións de chuvia e mal tempo, trasladou todas as actuacións previstas no exterior do Pazo da Cultura ao interior. Haberá, ademais, concertos e actividades no Teatro Principal, no Museo de Pontevedra ou en diferentes localizacións da vila nunha completa programación que se pode consultar na web do certame

As entradas, que poden collerse en modo bono para asistir a todos os que hai no Pazo da Cultura, ou concerto a concerto, xa están á venda en Ticketea e Eventbrite para un festival no que participarán durante catro días ducias de artistas como o brasileiro Chico César, Mercedes Peón, a Cesaria Evora Orchestra, Kepa Junkera, Eladio y los Seres Queridos, Vudú, García MC & Nación Quilombo, Os Meninos e moitos máis.

Tal e como destaca a organización, a edición 2018 de Cantos na Maré é de transición entre o formato que tivo nos últimos 13 anos, un espectáculo dun só día con cantantes de países lusófonos, e o que quere ter para as vindeiras edicións. "Cantos na Maré será un festival de catro días de duración pensado coma ferramenta para o intercambio con creadores –non só músicos- de países cos que Galicia ten relación", explica. 

"Cantos na Maré será un festival de catro días de duración pensado coma ferramenta para o intercambio con creadores de países cos que Galicia ten relación"

No musical, Cantos na Maré incorpora desde este ano novos xéneros, estilos e olladas. A presenza da principal rapeira de Portugal --Capicúa--, ou o espectáculo programado para a noite deste venres, no que o DJ galego García MC presentará unha colaboración especial co pianista cubano Alejandro Vargas é unha mostra dalgúns dos novos camiños polos que transita o proxecto. O mesmo que a incorporación no programa de concertos de colaboracións coma a que xorde da colaboración dunha banda portugesa e unha angolana: Throes + The Shine. Mesturan músicas electrónicas, rock e música africana. De Angola tamén chega, por certo, a rapeira Eva RapDiva, que participará no concerto de Capicúa xunto á rapeira galega Wôyza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.