"Coa historia de Tita era moi fácil montar un panfleto, pero nós queriamos plasmar a esencia dela"

Dominio Público Praza Pública

“Hoxe non podemos consentir que haxa analfabetos”. Foi o que dixo a mestra e pedagoga Antía Cal diante do daquela conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, cando recolleu o premio Trasalba. E non é casualidade. Tita, que é como lle chamaron sempre os achegados, dedicou toda a súa vida ao coñecemento. A adquirilo e a transmitilo. Fundadora do colexio Rosalía de Castro en Vigo, dirixiu unha das experiencias pedagóxicas máis innovadoras da escola do seu tempo.

Defendeu, sempre, a igualdade. A mestura de clases socias e sexos nas aulas. E a cultura como alicerce da cidadanía. Dunha sociedade libre. Miguel Piñeiro recolle a súa historia no documental ‘A palabra xusta’, que vén de estrearse en Vigo, no cine Salesianos. Tita estaba alí. Que emoción!, dicía antes da proxección. E non deixou de recibir, antes, durante e despois da película, mostras de afecto e admiración de coñecidos e non coñecidos que se atopaban no público.

Xa contou noutras entrevistas que o documental xorde de coñecer a Antía, que é a súa sogra…

Xurdiu, si, de coñecer a traxectoria de Antía. Mais, en concreto, foi a partir dunha visita á casa de Muras, a casa familiar de Tita, que é como lle chamamos na familia. A casa está fechada e ao vela decateime de que alí había un escenario para unha conversa con Tita.

A casa, -pechada mais chea de recordos-, precisamente, é moi importante no documental. Unha metáfora, din no dossier, dunha “vida tan silenciosa como frutífera”.

A casa tan tres partes. A do centro, que é onde traballamos, correspóndese coa orixe da casa, do século XIX. Os obxectos que aparecen no documental -os baúles, a documentación…- estaban alí gardados, na casa, que é un personaxe máis da película. A través dela, Tita podía falar das distintas xeracións que a habitaron: os bisavós, os avós, os pais e ela no século XX, e ela no presente, no século XXI. A casa ofrecía unhas texturas que contaban moitas cousas. Todo o que retratamos estaba alí: non hai intervención de arte.

Pois parece que si. A beleza da imaxe suxire algo de intervención. Quedou tan poético…

É o que pode pasar cando fas unha película… O único que fixemos, iso si, foi limpar. Matizar e reordenar e buscar unha linguaxe de cámara interesante. Non movemos nin a máquina de coser… Todo o que sae na película estaba alí.

Definen ‘A palabra xusta’ como unha viaxe a través da memoria das cousas. Dos obxectos como memoria sensorial. E era o método sensorial o que lle interesaba a Tita nas súas aulas…

Tivemos 13 días de rodaxe, 7 conversando con Tita e o resto gravando na casa a na paisaxe. Todo o que tiña que ver coa memoria sensorial tiña que aparecer. Porque Tita é unha muller que fundou un colexio cun método pedagóxico moi avanzado para a época pero, quen é ela? Iso é o que queriamos contar. A partir dos obxectos da casa, queriamos contar a súa traxectoria. A través da casa van aparecendo as persoas da súa vida, o contexto que a fixo como é.

E é a importancia da memoria sensorial o que nos mostra a propia casa. Ela chega de Cuba con 8 anos e fálanos das sensacións que tivo ao chegar: de como as cousas eran como llas contaran os pais, de como se atopou con esa “lingua secreta” na que falaban os pais en Cuba e que ao chegar aquí decátase de que non é secreta… Todo iso: a experiencia da casa, o territorio… dáballe credibilidade visual, forza visual á película. O que queremos é que a película sexa tamén unha experiencia sensorial para o espectador.

"O que queremos é que a película sexa tamén unha experiencia sensorial para o espectador"

O lugar é Muras, e é Cuba, de onde voltou ela coa familia mentres o pai quedaba alá.

Cuba aparece a través das fotografías, os baúles… E eu creo que a casa tamén ten algo de Cuba: as cores descunchadas… Os obxectos viñeran da Habana e dinnos que era unha casa na que había cousas, na que había certos medios económicos. É Cuba, e é Muras, e é un lenzo de texturas, de formas, de sons…

Tita vive en Muras con 9 anos, despois de chegar da Habana, dunha cidade na que había cine, e teléfono… Chegar a Muras tivo que ser un choque forte, polo contraste. Chegar a esa paisaxe, coa súa dureza e coa súa beleza e co seu silencio demográfico: con tan pouca xente. Aínda así, a casa era un mesón, entón tería bastante movemento…

"Os obxectos viñeran da Habana e dinnos que era unha casa na que había cousas, na que había certos medios económicos"

Rebeca Montero é a voz en off que nos conta a historia, -a narradora-. O que ela di, o que di Tita e as cartas de Antón Beiras, o seu home, lidas por Javier Gutiérrez, fan de fío condutor da historia.

A voz de Rebeca é a voz da casa, que conversa con Tita, que sabe o que hai que engadir ou matizar... As cartas de Antón Beiras estaban gardadas na casa de Tita. Eran 601, escribíanse todos os días… E fálanos tamén de como era el: un científico, un escritor… Co apoio das cartas puidemos montar unha arquitectura de guión, ademais de converter a Antón nun actor máis da película.

Tita ten claro que quere estudar e gañar o seu propio diñeiro. Ten que loitar por estudar sendo muller, aínda que lle axuda a nai, e tamén Antón, que polo que se di no documental sempre a apoia… É unha muller feminista, aínda sen sabelo, desde nena…

Ela rebélase desde o primeiro momento. O pai ao principio non está por que ela estude, porque é muller. Pero acaba dicíndolle que pode estudar Comercio. Despois estuda Maxisterio e, finalmente, Xeografía. Ten o apoio da nai. E ten a tía, e avoa, a Antón que non pode en dúbida a igualdade da muller e que a apoia… Mais ela xa desde nena ten os referentes das primas de Cuba, que son universitarias, mulleres libres e independentes, con ambicións. A situación das mulleres en Cuba e aquí era moi diferente.

"Ela xa desde nena ten os referentes das primas de Cuba, que son universitarias, mulleres libres e independentes"

É sorprendente, para unha señora da súa idade, o que di de criar os fillos. Comenta que ela non os criou, que os criaron os avós, que ela andaba a traballar.

É que iso é unha singularidade de Galicia, a colaboración da familia na crianza dos fillos. Ela non podería traballar e estudar o que traballou e estudou sen a axuda dos pais.

Crianza na familia extensa... Do colexio Rosalía de Castro podían contar moitas cousas. Antía fala de escola mixta, de aulas en castelán en inglés, de método sensorial, unha das aulas chamábase Montessori… Que quixeron salientar da escola?

É moi importante o tema da aposta que ela tiña por educar os nenos na escola desde os 2-3 anos. É significativa esa anécdota que conta dunha señora da burguesía de Vigo que lle di que escoitou que creara unha escola para educar os nenos desde que os paría a súa nai. E ela respóndelle que iso aínda non, pero que todo se andaría. Iso é un primeiro indicador de que era unha escola diferente e avanzada. Despois, queriamos salientar a necesidade que ela tivo de crear a escola. Non só por unha cuestión laboral. Era a súa inquietude.

"É moi importante o tema da aposta que ela tiña por educar os nenos na escola desde os 2-3 anos"

Nese sentido, foi decisiva a viaxe que Antón e ela fixeron por Europa. En Xenebra contacta coa xente que estaba a traballar co legado de Pestalozzi, o pedagogo.

Si, e un catedrático que traballaba na catalogación da obra de Pestalozzi dille que ao fillo dela de cinco anos “xa lle pasou o sol pola porta”, porque consideraba que a educación comezaba desde o que neno nacía. El puxo a Tita en contacto cunha alumna súa que traballaba en París para a UNESCO…. Ir a Europa foi realmente o golpe que o cambiou todo. Tita estudaba moito, estaba ao tanto dos métodos de renovación pedagóxica ingleses… Viaxar a Europa tamén foi decisivo para Antón, que antes de morrer, con 53 anos, xa tiña máis de 50 publicacións, 12 patentes internacionais…

Unha cousa que pode chocar é que non se fale máis dos problemas que ela puido ter co réxime franquista. Tiña unha escola moi moderna nun país no que mataran un monte de mestres por ter ideas avanzadas.

É que coa historia de Tita era moi fácil montar un panfleto, pero nós o que queriamos era plasmar a esencia dela, xogando ao seu xogo, que é contar o importante co menor número de palabras posible. Eu penso que co que conta do inspector que vai á escola e lle di “Deus a colla confesada” xa queda claro o que pasou. Claro que tería moitos problemas: era unha escola mixta, en castelán e inglés, traballaba os sábados…

"Claro que tería moitos problemas: era unha escola mixta, en castelán e inglés, traballaba os sábados…"

Mesmo unha das aulas chamábase Alexandre Bóveda…

Si, supoño que ela tivo que ter moita man esquerda para lidar co réxime. Pero hai outro factor que se cadra axudou a que a escola continuase. Alí estudaban fillos da sociedade industrial viguesa, da burguesía. De feito, ela perde interese na escola cando xa non hai cartos para becar os alumnos de familias sen recursos.

Ela defende moito iso, que estuden xuntos os nenos e nenas das distintas clases sociais. Que non se segreguen os alumnos por clase social, como pasa agora co sistema público/ privado/ concertado…

Si, para ela era moi importante que a súa escola puidese dar bolsas a alumnos de familias con poucos recursos. Ademais, como ela di, os alumnos desas familias valoraban a educación como a oportunidade que ían ter de ter un futuro, de saír da miseria. Ela sempre di que a primeira mestra do neno é a súa nai. E que non é o mesmo que a nai sexa culta que que sexa ignorante, porque non é o mesmo que teña un vocabulario que outro, que haxa libros na casa ou que non… Pestalozzi defendera sempre, ademais, a educación das mulleres porque, como di Tita, as mulleres eran as primeiras mestras dos nenos.

"Para ela era moi importante que a súa escola puidese dar bolsas a alumnos de familias con poucos recursos"

Non se fala moito no documental da relación da escola co Cable Inglés…

É que non podía ir todo. Falamos moito con ela. Hai un personaxe que ao final quedou fóra que é Roderick Price Mann, Míster Mann, que abre as portas a que o colexio poida ser bilingüe, facendo de intermediario co British Council. O colexio tiña profesores nativos de inglés no ano 61-62…

Foi difícil o proceso de rodaxe? Ela tiña 92 anos. E a unha persoa maior hai que deixala falar, non valen as entrevistas con preguntas moi concretas.

Foi un traballo coa súa memoria, coas súas emocións… Non podía ser unha conversa tampouco moi guiada… E iso fai máis difícil a montaxe e tamén o guión, a partir de tanta información. Mais foi unha experiencia moi boa e ademais eu creo que é unha mostra desa sociedade civil anónima que temos en Galicia que, se lle deixan falar, ten moito que contar. Se collemos a todas as galegas de 90 anos, atopariamos moitas historias moi dignas dunha película.

"Se collemos a todas as galegas de 90 anos, atopariamos moitas historias moi dignas dunha película"

Pode dicirse que foi unha muller que centrou a súa vida no coñecemento. En adquirilo e transmitilo. Fala no documental da necesidade humana de coñecer…

Foi e é porque hoxe, con 93 anos, aínda le polo menos un libro semanal e polo menos dous xornais ao día, e correo electrónico… O saber é o camiño que escolleu, sabendo que suporía andar por el todos os días. Despois, este documental tamén pode entenderse como unha homenaxe e todos os mestres e mestras.

"Hoxe, con 93 anos, aínda le polo menos un libro semanal e polo menos dous xornais ao día"

É unha sala grande a dos cines Salesianos, pero había moita xente. O documental é autoproducido e autodistribuído.

Tivemos 600 persoas en Vigo en dous días. Eu creo que non está mal, non. En Santiago estaremos o día 19 e 20 nos cines Compostela. Estamos organizando para A Coruña e Lugo, chamáronnos para a ver se podemos levar a película a Barcelona e Madrid… Iremos facendo. E agardo que poidamos chegar tamén aos rapaces… É autoproducido e a distribución facémola nós, si. Foi un esforzo económico moi grande.

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.