'Fálame de San Sadurniño', no certame europeo ACting

Web do proxecto © Concello de San Sadurniño

A iniciativa Fálame de San Sadurniño foi elixida entre un total de 12 propostas para representar a España no concurso internacional do proxecto europeo ACTing, cuxa final terá lugar en Xenebra (Suíza) os días 23 e 24 de setembro. Trátase dunha iniciativa colaborativa, na que participaron unhas 200 persoas, na súa maioría maiores, que emprega un blog, unha canle en YouTube e as redes sociais para dar a coñecer o pasado e presente deste concello galego a través dos seus veciños. Ao mesmo tempo, é unha ferramenta que busca con éxito favorecer o achegamento da cidadanía ás TIC e a inclusión do tecido empresarial e sociocultural de San Sadurniño na Sociedade da Información.

O xurado, formado por Joaquim Torrents, presidente da Asociación Nacional de Redes de Telecentros; Isabel Herranz, subdirectora de Planificación, Ordenación e Avaliación do IMSERSO; e Ismael Pena, director de Innovación Aberta da Fundación Bofill, considerou que é un proxecto sinxelo, único e orixinal construído ao redor de catro eixos centrais: que as fotos falen, que o pasado e o presente fusiónense, o protagonismo dos usuarios e a mestura de formatos, debullando o concepto de continuidade histórica das comunidades rurais no transcurso do tempo. Ademais de Fálame de San Sadurniño, seleccionouse como finalista a iniciativa SpeakSpeare!-Falamos con William, da Universidade Senior da Coruña, e outorgouse unha mención especial a Compartim Poble-sec, de Barcelona.

O proxecto naceu a partir dunha actividade desenvolvida na Aula CeMIT do Concello de San Sadurniño para conmemorar o 17 de maio do 2013, día das Letras Galegas e tamén día de Internet. A actividade consiste na realización de obradoiros colaborativos no que @s participantes aprenden a dixitalizar e xeolocalizar fotografías; posteriormente gravan un audio explicativo de cada imaxe, para subir logo o resultado final á web, un espazo na rede no que simples fotos faladas cargan de sentido colectivo a pequenas vivencias individuais que, so en aparencia, semellan desconectadas. Mais o proxecto non só pretende reflectir os tempos pasados de San Sadurniño, senón tamén o seu presente a través de imaxes, sons, vídeos ou documentos que nos “falen de SanSa” na actualidade, para convertérense nun espazo vivo e integral da memoria que sostén o devalar cotián das xentes, empresas, asociacións ou creadores e creadoras das terras de San Sadurniño.

O proxecto seguiu medrando a través de cursos sucesivos que se impartiron polas sete parroquias do Concello, estando ademais aberto a todas as persoas, sexan ou non de San Sadurniño, sempre que teñan algo que “falar” sobre o concello. Por iso, fora das actividades formativas da aula, calquera persoa pode colaborar achegando  as súas fotos e a súa fala, ou a través de documentos, sons ou vídeos da súa creación.

Web do proxecto © Concello de San Sadurniño
Outra das imaxes do proxecto © Falame de San Sadurniño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.