Frei Rosendo Salvado, moito máis ca eucaliptos

Vistas de Nova Nursia, realizadas a finais do XIX por un pintor itinerante Dominio Público Benedictine Community of New Norcia

O Consello da Cultura Galega acollerá os vindeiros 3 e 4 de abril un simposio internacional sobre a figura de Frei Rosendo Salvado, frade bieito tudense, que a mediados do século XIX levantou unha misión en Australia e chegou a ser bispo de Perth. Neste ano celébrase o bicentenario do nacemento dun home que acabou por ser coñecido, sobre todo, como o introdutor do eucalipto en Galicia, un feito máis que probable pero do que non existe unha confirmación certa. En calquera caso, Salvado foi unha persoa destacada no seu tempo, tanto na Australia que habitou durante medio século, coma nas capitais europeas, nas que foi dando conta das características dese novo mundo e dos seus poboadores, os aborixes tan mal tratados polos colonizadores europeos até épocas recentes.

Coordinado por Ramón Máiz coa colaboración de Francisco Díaz-Fierros Viqueira e Segundo Pérez López, o encontro traerá a Santiago de Compostela a destacadas figuras expertas no estudo da obra do tudense. Pouco se sabe en Galicia da actividade dun home que, a pesar de manter necesariamente a visión colonizadora e evanxelizadora, unha visión de superioridade polo tanto, que implicaba o obxectivo polo que foi enviado a Australia, si defendeu os seus dereitos e buscou comprender a súa cultura e costumes, loitando contra un sentir xeral que consideraba as comunidades aborixes como etnias inferiores. De feito, o simposio acompáñase da exposición Rosendo Salvado, valedor do pobo aborixe.

De Tui a Perth

Despois do peche de mosteiros que seguiu á desamortización de Mendizábal, Salvado marcha á abadía de Cava, en Italia. Alí aumenta o seu interese por viaxar a ultramar, e a ocasión chégalle en 1845, nunha visita a Roma do recentemente nomeado bispo de Perth, en Australia Occidental, o irlandés Brady, na procura de misioneiros para a súa diocese. Despois de catro meses de navegación, o bieito galego, acompañado do seu mentor catalán Josep Serra, e doutras 26 persoas, chegan a Australia.

Os esforzos dos colonos británicos para asimilar os aborixes fracasaran durante décadas, e mesmo chegaran a producirse enfrontamentos, derivados sobre todo das moi diferentes nocións sobre a propiedade da terra que tiñan europeos e nativos (os aborixes, nómades, consideraban que a terra non tiña dono). A partir dese ano 1845 os ocupantes comezan a utilizar para esta integración as comunidades misioneiras cristiás, ás que lles ofrecía terreos para a posta en práctica dos seus proxectos evanxelizadores. Nos arredores de Perth póñense en marcha tres misións, das que dúas fracasan case de inmediato, quedando unicamente unha, formada por Salvado, Serra e dous frades máis. O 1 de marzo de 1847 fúndase oficialmente a misión, chamada Nova Nursia, que moi logo comezou a cultivar gran e a facerse cun rabaño de 800 ovellas, ocupando en poucos anos unha extensión de preto de 7000 hectáreas.

Frei Rosendo Salvado era unha persoa metódica, que rexistraba por escrito as súas experiencias cos aborixes, unha práctica antropolóxica que hoxe poderíamos definir como observación participativa, a través dunha integración fonda na vida e nas prácticas destas comunidades. Nos seus Diarios revela a súa simpatía por estes nativos, aínda que sempre mesturada co trasfondo de superioridade moral habitual nos observadores europeos do século XIX: "Sorprendeume ver manifestacións de cortesía que eran máis propias do home civilizado que do incivilizado" ou "Decote atopei aborixes que, pola súa beleza física, polo xeito de andar elegante e polo seu comportamento, por non falar dos seus trazos faciais que semellaban aos europeos, lembrábanme aos de persoas ás que lle tiña consideración e respecto".

Pouco despois, en 1849, Salvado é enviado a Europa para recadar fondos e conseguir máis misioneiros. Redacta un memorial (Memoria Storica), no que describe a fundación e desenvolvemento de Nova Nursia e, acompañado dunha segunda parte titulada Os Australianos, é publicado como libro en italiano, inmediatamente traducido ao francés e ao castelán. Xa en 1977, a obra foi tamén traducida ao inglés. Nesta segunda parte Salvado describe os rituais e comportamentos dos nativos, con especial atención aos seus coñecementos de botánica, á súa música e cun pequeno glosario de palabras aborixes. Co frade viaxaron a Europa dous nenos aborixes, que foron presentados publicamente en Londres, París e Roma como proba do seu "carácter civilizado". Porén, un deles morreu e outro enfermou gravemente, por mor da súa sensibilidade ás doenzas europeas. En 1853 Salvado foi nomeado bispo da Diócese de Perth.

A misión continuou crecendo, con 400.000 hectáreas de terreo en 1880, 40 frades e 22 familias aborixes, ás que se unían uns 200 traballadores temporais, así coma ex convictos irlandeses. A misión contaba con servizos de correos e telégrafos, un pazo de xustiza, comisaría e dispensario médico. E Rosendo Salvado era un dos principais asesores do Comité de Protección dos Aborixes, instituído polo Parlamento británico en 1890. Frei Rosendo Salvado finou en 1900 e o xornal West Australian Records, comentando o seu pasamento, sinalaba que se pechaba unha época que estivera "marcada pola súa persoa".

Frei Rosendo e os eucaliptos

Pero foi Frei Rosendo Salvado quen introduciu os eucaliptos en Galicia ou non? Na primeira metade do século XIX, o eucalipto era visto en Europa como unha árbore excepcional polas súas propiedades medicinais e o magnífico tamaño que podía acadar. As súas sementes eran procuradas co máximo interese e xa en 1829 hai novas das primeiras plantacións en Vilanova de Gaia. Dise que xa na década dos 50 do século XIX Salvado lles enviou aos seus parentes en Tui sementes de eucalipto, pero non hai ningunha referencia convincente neste senso anterior a 1884.

O que é seguro e está documentado é que, a finais da década dos sesenta, como xa sucedía en diferentes lugares de España, o eucalipto fora sementado en Galicia, en Tui, A Pobra, Ortegal, Bergondo e quizais outros puntos do país

En España, acéptanse como as primeiras plantacións seguras as de Torrelavega en 1863. E é probable, segundo destaca o investigador forestal Areses, que o eucalipto entrase en Galicia por Tui. O que é seguro e está documentado é que, a finais da década dos sesenta, como xa sucedía en diferentes lugares de España, o eucalipto fora sementado en Galicia, en Tui, A Pobra, Ortegal, Bergondo e quizais outros puntos do país.

O simposio

O simposio Rosendo Salvado e o mundo aborixe, que se celebrará no Consello da Cultura Galega os días 3 e 4 de abril, contará coa participación de Doireann MacDermott, catedrática xubilada de Filoloxía Inglesa da Universitat de Barcelona; Peter Hocking, arquiveiro da Comunidade de New Norcia; Antonio Linage, da Real Academia de Jurisprudencia y Legislación; Giulio Cipollone, profesor ordinario na Facoltà di Storia e Beni Culturali da Pontificia Università Gregoriana; Tiffany Shellam, profesora da Escola de Humanidades e Ciencias Sociais da Deakin University; Sue Ballyn, profesora emérita, fundadora e codirectora do Centro de Estudos Australianos da Universitat de Barcelona; M. X. Lorenzo Modia, catedrática de Filoloxía Inglesa da Universidade da Coruña; e de Ramón Máiz, catedrático de Ciencias Políticas e da Administración da USC.

Ademais, intervirán Paul Willaway e Karen Ryder, representantes das tribos aborixes de Australia, que falarán en primeira persoa da relación que estableceu o frade coas poboacións nativas do continente.

Frai Rosendo Salvado © Consello da Cultura Galega
Vistas de Nova Nursia, realizadas a finais do XIX por un pintor itinerante Dominio Público Benedictine Community of New Norcia
Igrexa da misión de Nova Nursia, hoxe Dominio Público Praza Pública
Frai Rosendo Salvado como misioneiro. Fotografía de estudio probablemente tirada en Roma Dominio Público Praza Pública
Frai Rosendo Salvado fotografiado con algúns dos aborixes da misión Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.