Freixanes, elixido novo presidente da RAG, apela á "unidade" e reivindica o "continuísmo"

Académicos tras o plenario extraordinario que elixiu como presidente a Freixanes © RAG

Tal e como estaba previsto, Víctor Freixanes converteuse este martes no 15º presidente da Real Academia Galega (RAG). O escritor, xornalista, profesor e editor foi apoiado no plenario extraordinario por 18 dos 19 académicos presentes (só houbo un voto en contra), obtendo así a maioría absoluta xa na primeira votación. Coa ausencia anunciada de varios académicos críticos coa súa candidatura, outros tres escusaron a ausencia e o xa novo dirixente da institución apelou á unidade "para avanzar no camiño do encontro" e reivindicou a vitoria da sua candidatura, que cualificou de "continuísta" porque, dixo, "foron catro anos de intenso traballo e para sentirse orgullosos". 

Freixanes foi elixido con 18 votos dos 19 presentes nun plenario no que se ausentaron os académicos críticos

O equipo directivo da RAG estará composto por Henrique Monteagudo, que repite como secretario e Andrés Torres Queiruga, que recunca como vicesecretario, ademais de por Marilar Aleixandre (tesoureira) e Fina Casalderrey (bibliotecaria e arquiveira), que substitúen na directiva outras dúas mulleres: Rosario Álvarez e Margarita Ledo.

O importante apoio a Freixanes, segundo advertiran fontes da actual directiva, supón para eles unha mostra elocuente do interese por rematar de vez coa división que se vive dentro da Academia desde que se iniciase este mandato que vén de rematar. No entanto, as diferenzas internas quedaron patentes coa ausencia de seis académicos críticos. "A lexítima discrepancia é unha riqueza", dixo Freixanes, que no entanto, asegurou que lle tería gustado que os discrepantes "estivesen presentes para dicir que non estaban de acordo". "Fixen a máxima concentración parcelaria posible, pero non é o ideal porque iso sería que todos estivésemos aquí", engadiu en presenza de todos os académicos que votaron. 

   "Fixen a máxima concentración parcelaria posible, pero non é o ideal porque iso sería que todos estivésemos aquí", di Freixanes

As ausencias xa foran anunciadas nunha carta á RAG asinada por Manuel González, candidato do sector crítico afín a Méndez Ferrín e que se enfrontou ao presidente saínte Alonso Montero no anterior proceso electoral. Na misiva, argumentaba a súa decisión en que estes académicos non queren ser "corresponsables dunha vía que profunda na división da Academia", que entenden que representa a candidatura encabezada por Freixanes. O académico desvela que se dirixiu en febreiro ao entón presidente, Xesús Alonso Montero, para solicitar que se tente "propiciar un diálogo franco entre todos os membros do plenario para analizar a situación da RAG e tratar entre todos de atopar a mellor solución".

González asegura que a institución "está a vivir un momento crucial" no que existen dúas vías: a de "profundar nas divisións" ou a de buscar "a reconciliación" entre todos os sectores. Ademais, cre "precipitada" a convocatoria do proceso electoral e asegura que a idea do sector crítico era a de conformar unha candidatura única coa integración de dous membros deste colectivo na executiva, un deles ocupando a secretaría, que finalmente foi "rexeitada" a pesar de existir "puntos de coincidencia" en conversas mantidas co propio Freixanes. Tampouco, dixo, se tería aceptado un executivo de persoas afastadas do conflito que os dous grupos propiciaran en 2013. 

O novo presidente reivindica o período de Alonso Montero pero pide unidade para "facer o camiño xuntos"

Fontes do sector máis afín a Alonso Montero, pola súa banda, aseguraron que González e o sector crítico -entre os que se inclúen González ou Xosé Luís Axeitos, entre outros- "non tiñan o apoio necesario" para conformar unha candidatura e mesmo critican que, sen eses avais no plenario, pretendese obter dous postos na directiva malia non contar nin moito menos coa metade dos apoios na institución. Freixanes fixo un chamamento a "aqueles que teñan diferenzas" a que "se sumen porque o camiño témolo que facer xuntos"

O académico Xosé Luís Axeitos, outro dos ausentes e máis críticos coa actual executiva, tamén lamentara en diferentes declaracións a falta de unidade e consenso na RAG e contrastou as figuras de ex-presidentes Barreiro, Fernández del Riego ou Ferrín coa de Alonso Montero ou Víctor F. Freixanes. 

 

Apela ao positivismo

Víctor Freixanes, que lembrou que a corporación "traballa gratis", chamou ademais á colaboración entre as diversas institucións que pulan pola lingua e pola cultura galega "sen complexos". "Debemos traballar xuntos e non cada un desde a súa leiriña", insistiu quen empregou un símil futbolístico para explicitar os seus obxectivos: "Se estamos ben colocados, xogamos con entusiasmo e cada un sabe o que ten que facer, podémoslle gañar a calquera equipo". 

"Ninguén se apunta ás defuncións nin aos enterros e o galego ten vida"

Respecto ao impulso ao idioma, Freixanes insistiu en "convencer" e en apelar ao positivismo. "Ninguén se apunta ás defuncións nin aos enterros e o galego ten vida", asegurou quen entregou por escrito o seu programa, no que insistiu na importancia de buscar "novas estratexias de comunicación para a lingua que enriquezan e fortalezan o que a se está facendo nos últimos anos desde a Academia". Ademais, apelou a "procuarar vías de diálogo construtivo con todas as forzas políticas parlamentarios e cos representantes do Goberno" e mostrouse a prol de "conseguir espazos de colaboración e de consenso tamén neses ámbitos". 

En canto aos obxectivos inmediatos da RAG, Freixanes marcou a celebración do Día das Letras como prioritario, pero tamén a futura Gramática Normativa da Academia e "cuestións orzamentarias". "Estamos nunha constante procura de recursos", dixo. "Hai que comprometerse coa RAG os 365 días do ano, pero tamén deben pedirnos responsabilidades", rematou. 

A nova directiva da RAG, con Freixanes á fronte © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.