'Futbolín', a trepidante historia de Alexandre de Fisterra: moito máis que un xogo

Viñetas da versión italiana de 'Futbolín', con textos en galego CC-BY-SA Praza Pública

"Ano 37, guerra civil, Alexandre de Fisterra inventa o futbolín". Con esta estrofa, Os Diplomáticos de Monte Alto inician o famoso tema -e himno xeracional- dedicado ao escritor, editor e activo militante republicano galego, considerado o inventor do popular xogo de mesa. Falecido en Zamora neste mesmo mes de febreiro de hai once anos, a sona de Alejandro Campos Ramírez traspasou fronteiras e protagonizou obras nas que o seu máis famoso invento é tan só unha das súas múltiples aventuras. E, se cadra, unha das menos importantes. 

A trepidante vida de Alexandre de Fisterra, falecido hai once anos, foi narrada polo debuxante italiano Spataro en 'Futbolín'

Unha das últimas chegou e forma de banda deseñada e a través dun dos ilustradores máis coñecidos de Italia, Alessio Spataro, que narra en Futbolín (DeBolsillo) a misteriosa e trepidante vida de Alexandre de Fisterra, que fuxiu do franquismo, viviu en África, Francia e varios países de América Latina, que tratou con Camus, Sartre ou o Che Guevara e que segue mantendo segredos gardados por imperativo legal máis dunha década despois do seu pasamento. 

Tanta e tan interesante é a súa historia que Spataro tardou cinco anos en plasmala na historieta. "Foi un traballo enorme de investigación e de contacto con fontes; o proceso de documentación levoume tres anos e tardei dous anos máis en elaborar o guión e debuxar o cómic", explica o ilustrador a Praza.gal desde Italia. E por que ese interese en Alexandre de Fisterra? "Sempre me gustou o xogo do biliardino (futbolín), desde moi pequeno, pero o meu interese nel chegou cando lin na prensa italiana a nova da súa morte, da persoa á que lle atribuían a paternidade do xogo", conta quen quixo saber máis e máis a medida que descubría a vida "ventureira e misteriosa" do escritor galego. "Decidinme a debuxar a historia", explica. 

Alessio Spataro tardou tres anos en documentarse e dous máis en facer o guión e debuxar a historieta

O futbolín foi o enganche para Spataro, ao ser considerado o fisterrán o inventor dun dos xogos de mesa máis famosos no mundo. Pero nin tan sequera iso era real de todo. "El foi un dos primeiros inventores, pero non o único; nin tan sequera é posible aclarar quen foi o primeiro", conta o debuxante, que ten clara unha cousa tras a súa investigación. "Entre os anos 10 e 40 do século pasado hai tantas patentes do futbolín que é imposible determinar cal é a súa verdadeira orixe", engade, tras comprobar que países como Francia, Alemaña ou o Reino Unido teñen cadanseu inventor do xogo. Con todo, a Alessio gústalle definir o galego como "o pai do futbolín", por "estar sempre vinculado a el, mesmo en tempos difíciles". 

Malia a súa extensa e interesante historia como editor, escritor e militante antifascista, a vida de Alexandre de Fisterra non é moi coñecida en Galicia ou España. E puido selo por unha autobiografía que preparaba e que nunca foi publicada polo veto, segundo varios medios, da súa muller. Xurxo Souto, xornalista e vocalista d'Os Diplomáticos, é un dos poucos que puido acceder a aquel borrador cheo de documentos, escritos e recortes de xornais. "El e o hispanista italiano Gabriele Morelli faláronme de dous tomos amplos cheos de cousas que o propio protagonista custodiaba moi celosamente porque a súa idea era contar a súa vida; quizais non ter publicado esa obra fixo que non se coñecese a súa figura todo o que merecía", explica. 

Viñetas da versión italiana de Futbolín

Cousas para contar tiña. Abofé. Despois de pasar a súa infancia en Galicia, acabou en Madrid, onde foi ferido por un bombardeo na guerra civil. Evacuado a Valencia durante a súa recuperación, o aburrimento e a imposibilidade de practicar deporte levouno a inventar o futbolín ou un dos futbolíns que daquela se creaban por Europa adiante. Foi fabricando un primeiro modelo con materiais apañados de aquí e acolá e máis tarde, en Barcelona, patentou o xogo. Segundo as fontes consultadas por Spataro, de alí escapou a Francia, e antes foille requisada a documentación da patente. Volveu a España logo do conflito e foi enviado a unha unidade militar de Marrocos, á que non regresou logo dun permiso. Xa prófugo, percorreu a península con identidades falsas -aí empezou empregar como nome Alexandre de Fisterra- e puido comprobar como aquel futbolín que el deseñara triunfaba sen atribución ningunha ao seu mérito e construído por fábricas vinculadas a falanxistas. 

Ferido na guerra civil, inventou o futbolín durante a súa recuperación pero os papeis da súa patente fóronlle requisados

Volveu a Francia e foi alí onde contactou co mundo da cultura antifascista en París grazas, en boa parte, á súa amiga María Casares. Coñeceu a Sartre, Camus ou De Beauvoir. Logo marchou a Ecuador e, posteriormente, a Guatemala, onde fundou a súa primeira fábrica de xogos, entre eles o futbolín, que lle foi "requisada tras un golpe de estado orquestrado polos Estados Unidos". Foi nese país centroamericano onde, segundo contaba, xogou unha partida co Che Guevara. "Explicaba que foi a inicio dos 50 no Centro Republicano Español, onde o goberno democrático no exilio tiña a súa embaixada no exilio e a quen a empresa de Alexandre abastecía de xogos; alí reuníanse moitos antifascistas de Latinoamérica", explica o debuxante italiano. 

Alejandro Campos coñeceu a Sartre, Camus ou De Beauvoir, xogou ao futbolín co Che Guevara e din que chegou a secuestrar un avión

Mesmo contan -e contaba o propio Alexandre- que secuestrou un avión no que era trasladado a España pola policía franquista e que o obrigou a desviarse durante a súa viaxe. De aí tería escapado a México, onde sería protexido polo Goberno azteca. "Esa historia será un misterio como tantas outras porque a única fonte era el mesmo, que era quen a contaba", explica Alessio. "Os que o coñeceron falan dun home práctico, racioal e capaz de afrontar e superar atrancos moi duros na vida, pero non por iso frío ou impersoal, senón todo o contrario: sempre alegre e un amante da vida", engade. 

Con todo, gozar da vida e inventar o futbolín non debeu ser o máis importante que Alexandre de Fisterra fixo na súa vida, ou polo menos non o máis controvertido. Ao seu regreso definitivo a España, á cidade de Zamora, negociou ao Concello a venda do arquivo documental do poeta León Felipe, de quen era fiduciario. Ademais, foron coñecidas as súas relacións antigas de amizade con Luis Cernuda ou Rafael Alberti, de quen Spataro -polo que lle contaron coñecedores na vida de Alexandre- tamén cre que gardaba textos. 

O testamento manuscrito de Alexandre está custodiado nunha notaría de Madrid tras ser declarado segredo de Estado; nin a súa dona accedeu a el

Unha vez falecido, a muller de Alejandro Campos pediu coñecer o testeamento do seu marido pero o notario impediuno malia os intentos varios e variados da dona, mesmo a través da Garda Civil. Por que? O documento foi cualificado como segredo de Estado. "Está custodiado nun estudio notarial de Madrid", asegura Spataro, que cre "probable" que o editor e inventor fisterrán agochase importantes revelacións. "Se cadra coñecía nomes e labores de axentes franquistas en Latinoamérica; non quero pensar nun complot, pero é público que o seu testamento manuscrito permanece custodiado e como segredo de Estado", remata o debuxante italiano, que quixo plasmar neste cómic de 300 páxinas unha vida que aínda garda moitas interrogantes. 

"Hai cousas que se contan sobre Alexandre de Fisterra que son imposibles de documentar e certificar mesmo para aqueles que o coñeceron e todo ese misterio é a parte máis fascinante da súa vida", finaliza un debuxante ao que o que máis lle gustaría sería "que alguén puidese continuar indagando" na vida deste galego universal. 

Portada de 'Futbolín', de Alessio Spataro © DeBolsillo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.