Galicia despediu a Pousa Antelo en Teo

Alberto Núñez Feijoo visitou a capela ardente © Ana Varela

Ao longo do día moitísimas persoas pasaron pola capela ardente instalada na Ramallosa, en Teo, para homenaxear o mestre, agrarista e galeguista barcalés. Dende primeiras horas da mañá pasaron por alí familiares, amigos e coñecidos, tamén representantes políticos ou de institucións e colectivos, pero sobre todo moitas persoas anónimas, moitas das cales nin sequera tiveran un contacto directo con Avelino Pousa Antelo, pero ao que lle tiñan un afecto persoal, produto do coñecemento do seu traballo en distintos ámbitos ou das súas intervencións públicas. A xornada completouse a última hora da tarde cun emotivo acto de homenaxe pechado cun longo e sentido aplauso.

Pola capela ardente pasou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que cualificou a Pousa Antelo de "galego cen por cento", un galego  "dos que necesitamos nos momentos de dificultade”, dixo. Feijoo concluíu que “Pousa Antelo é un dos derradeiros que marcaron unha forma de entender o país, unha forma de defender o país, dentro e fóra de Galicia. É un galego dos pés á cabeza que dedicou case un século da súa vida a sortear obstáculos sen cambiar de forma de entender a súa defensa de Galicia e poñendo sempre a defensa de Galicia por riba dos distintos obstáculos que tivo a súa vida”.

Núñez Feijoo cualificou a Pousa Antelo de "galego cen por cento"

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, salientou o traballo de Pousa Antelo en defensa da lingua galega, e en xeral a súa loita por Galicia "en tempos difíciles". Mentres, Carme Adán, en representación do BNG, destacou o "compromiso con Galicia" e coa lingua do finado e dixo confiar en que a cidadanía aproveite o seu exemplo para "transformar Galicia" e darlle á súa cultura "o lugar que merece". Pola capela ardente pasaron, ademais de Martiño Noriega, alcalde de Teo, que exercía de anfitrión, Gerardo Fernández Albor, Jesús Vázquez, Camilo Nogueira, ou o alcalde de Santiago, Ángel Currás.

Momento de entrada do cadaleito no centro sociocultural da Ramallosa © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.