Galicia homenaxeará a María Victoria Moreno cunha extensa programación polas Letras Galegas

Presentación dos actos polas Letras Galegas 2018 © RAG

Exposicións, xornadas académicas, edicións especiais, espazos televisivos, actividades e recursos lúdicos e mesmo eventos deportivos forman parte da extensa programación para a celebración do Día das Letras Galegas dedicado a María Victoria Moreno. A Real Academia Galega (RAG), a Xunta, o Consello da Cultura Galega e a CRTVG presentaron esta mañá as iniciativas que desenvolverán e que veñen especificadas neste dossier

Xunta, RAG, Consello da Cultura e CRTVG presentaron a extensa programación para a celebración das Letras Galegas dedicadas a María Victoria Moreno

O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; e a directora adxunta da CRTVG, Rosa Vilas, presentaron as iniciativas nun acto no que tamén participou o viúvo da escritora. Pedro Ferriol agradeceu á RAG a decisión de dedicarlle o Día das Letras Galegas á súa dona e a implicación doutras moitas institucións, asociacións e escolas na celebración desta festa. "O agradecemento é sincero, porque pensamos que de verdade merece esta homenaxe, xa que nestes anos houbo un certo silencio [arredor da súa figura]", dixo.

"Pensamos que de verdade merece esta homenaxe, xa que nestes anos houbo un certo silencio [arredor da súa figura]", di o viúvo da autora

"Unha muller adiantada ao seu tempo, sempre comprometida coas causas xustas e identificada coas clases máis desfavorecidas, ademais dunha pioneira da literatura infantil e xuvenil en Galicia", definiuna o home, que lembrou a súa defensa da lingua galega xa durante a ditadura. "Algúns dos seus libros foron censurados. Abriu cuns amigos unha libraría na que se vendían e lían obras prohibidas polo réxime e no seu labor a prol da lingua impartiu moitos cursos clandestinamente. Foi, en resumo, unha defensora da lingua galega e por iso acabaron por retirarlle o pasaporte e facer rexistros na súa casa e na libraría", contou.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, salientou tamén a importancia da obra de María Victoria Moreno, dirixida sobre todo a "un público especialmente relevante e novidoso dentro da realidade galega dos últimos trinta anos", o infantil e xuvenil. E valorou "a memoria histórica que se pode recuperar" a través da figura homenaxeada. 

Freixanes mostrouse convencido de que a escolla de María Victoria Moreno como protagonista do vindeiro 17 de maio amosará unha vez máis o dinamismo social que se mobiliza arredor desta data capaz de "integrar e converter a lingua nunha festa e, ao mesmo tempo, nunha reivindicación".

A RAG levará o acto central das Letras Galegas ao Teatro Principal de Pontevedra, o primeiro destino de María Victoria Moreno

Así, a RAG levará o acto central do Día das Letras Galegas ao Teatro Principal de Pontevedra, o primeiro destino de María Victoria Moreno cando chegou como docente a Galicia en 1963 e a cidade na que estableceu a súa residencia. A autora será tamén a protagonista do proxecto Primavera das Letras, o espazo web da Academia que fornece as familias e o profesorado de recursos lúdicos e didácticos pesados para os nenos e nenas de infantil e primaria. Desde o Portal das Palabras da institución e a Fundación Barrié tamén será recordada con contidos especiais.

Ademais, a vida e a obra da escritora e docente tamén serán o eixo da exposición itinerante comisariada polo ilustrador e humorista gráfico David Pintor, María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes. A mostra da Xunta percorrerá once localidades a partir da última semana de abril.

Pola súa banda, o Consello da Cultura Galega publicará unha edición especial de Mar adiante e celebrará o 16 de maio en Pontevedra o Concerto das Letras, coa estrea dunha composición de Miguel Matamoros sobre un texto da homenaxeada. Desde a CRTVG estase traballando, entre outros contidos, nun especial biográfico da escritora para a televisión e a Radio Galega traballa nunha programación especial que abranguerá todo o 17 de maio.

María Victoria Moreno, por David Pintor © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.