“A editorial Boutle fai un traballo de difusión da cultura galega que debería estar facendo a Xunta"

Algunhas das obras galegas publicadas pola editorial británica © Francis Boutle Publishers

 A editorial británica Francis Boutle Publishers leva anos traducindo obras galegas ao inglés, ao igual que fai con outras linguas europeas, coma o bretón, o occitano, o catalán ou o córnico, e publicando en inglés ensaios e investigacións sobre Galicia e a súa cultura. A vindeira semana o seu director -Clive Boutle- realizará unha serie de presentacións en Galicia (Compostela, Vigo, Pontevedra, Rianxo e Ourense) para dar conta deste traballo. Nos actos estará acompañado por algúns e algunhas das autoras e autores e das tradutoras e tradutores. Destaca especialmente o acto de Rianxo, que inclúe unha visita á casa-museo de Castelao e unha lectura a cargo do alumnado do IES Felix Muriel.

Compostela, Vigo, Pontevedra, Rianxo e Ourense acollerán a vindeira semana as presentacións de cinco obras galegas publicadas en inglés por esta editorial británica

Na produción de Francis Boutle atopamos, de forma moi destacada, a única tradución ao inglés do Sempre en Galiza de Castelao (Forever in Galicia), realizada por Craig Patterson, con quen falamos hai dous anos. "Se hai algún texto galego que debería ser coñecido a nivel internacional, ten que ser este", destacaba daquela Patterson, que lembraba que o complexo proxecto (dada a extensión da obra) levouse a cabo sen axudas do Goberno galego. "Optamos á mantenta por non buscar ou aceptar calquera subvención por parte dunha Xunta de Galicia que, dende 2009, fixo o maior dano á lingua galega dende a morte de Franco", sinalaba.

Patterson será unha das persoas que acompañen a Clive Boutle nas presentacións que se realizarán a partir do luns. “Clive está xogando un papel moi importante, que merece un recoñecemento”, subliña Patterson, que engade que “está facendo un traballo de tradución e de difusión da cultura galega que debería estar facendo a Xunta dende hai anos”. "Non é doado atopar un fogar para as traducións, dado o contexto que se dá na actualidade, pero el demostrou que é posible levar adiante a tradución dun texto da envergadura do Sempre en Galiza sen a axuda da Xunta e sen a promoción posterior do Goberno galego", conclúe.

En total serán cinco as obras que se presenten: Forever in Galicia (Sempre en Galiza), de Castelao, traducido por Craig Patterson; Breoghan's Lighthouse: an anthology of Galican literature, editado por Antonio de Toro Santos; National Identities at the Crossroads: Literature, Stage and Visual Media in the Iberian Peninsula, editado por Xabier Payá and Laura Saez; Diary of Crosses Green (Diario de Crosses Green) de Martín Veiga, traducido por Keith Payne; The Power of the Smile: Humour in Spanish culture, de John Rutherford; e Home is Like a Different Time (A Veiga é como un tempo distinto), de Eva Moreda, traducido por Craig Patterson.

 

Programación

  • Luns 15 outubro (Santiago de Compostela). Presentación na Universidade de Santiago ás 12 horas. Presentación na librería Couceiro ás 20 horas.
  • Martes 16 outubro (Vigo). Presentación na Universidade de Vigo ás 10 horas. Presentación na librería Librouro ás 20 horas.
  • Mércores 17 outubro (Pontevedra). Presentación en colaboración coa Fundación Bóveda.
  • Xoves 18 outubro (Rianxo). Ás 11 horas acto de presentación no IES Félix Muriel. Lectura de fragmentos de Forever in Galicia por parte do alumnado. Ás 12.30 paseo ata a Casa de Castelao. Ás 20:30 presentación de Forever in Galicia no Salón de Actos do Auditorio Municipal.
  • Venres 19 outubro (Ourense). Presentación no Salón Noble do Liceo Ourensán.

 

Capa do 'Forever in Galicia' © Francis Boutle
Portada de 'Breoghan's Lighthouse' © Francis Boutle Publishers

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.