“Hai casos, como o español, que os xuristas non poden defender como xenocidio, pero si os historiadores”

Ben Kiernan, no seu relatorio, no Teatro Principal de Santiago © Histagra

O expansionismo territorial. Unha visión romántica do agro. E a obsesión co pasado histórico. Son, segundo o profesor da Universidade de Yale Ben Kiernan, os factores que acompañan, xa dende a Idade Media, o xenocidio, que, ao seu ver, “non é inherente á historia humana, senón que pode verse vir”. Explicouno no congreso 1936. Un novo relato? 80 anos, entre a historia e a memoria, organizado polo grupo de investigación da USC Histagra e celebrado entre o 18 e o 20 de xullo en Compostela.

Kiernan, que ofreceu o que foi o último dos relatorios deste encontro, comezou a súa intervención polo caso se cadra máis coñecido de xenocidio, o Holocausto. O expansionismo territorial, subliñou, veu acompañado na “mentalidade xenocida” nazi polo “culto agrarista”, así como pola “obsesión coa antigüidade” e, en concreto, a consideración de destrución de Cartago por parte de Roma como “modelo”.

“Carthago delenda est”. “Cartago ten que ser destruída”. Esta frase, atribuída a Catón o Vello, representa, segundo Kiernan, o inicio desa “mentalidade xenocida” na época clásica. Xa entón, “agrarista” e “imperialista”. O imperialismo colonial europeo procura, despois, a xustificación nos textos da antigüidade, de xeito que, por exemplo, a conquista española de México é presentada como un exterminio aprobado por Deus, da mesma maneira que o asasinato de irlandeses por parte dos ingleses, ademais de apelar á invasión romana de Cartago como precedente, tenta utilizar como argumento que os irlandeses eran malos agricultores.

O imperialismo colonial europeo procura, despois, a xustificación nos textos da antigüidade

Atribuír ás vítimas do xenocidio poucas habilidades no cultivo da terra ou, mesmo, negar que esta estivese poboada, foi unha pauta que se repetiu na historia, segundo sinalou Kiernan. Expansionismo e “agrarismo” aparecen no discurso dos perpetradores dos crimes xaponeses en Corea, ou no xenocidio das poboacións indias na construción de Estados Unidos, que se recorre á Biblia para procurar exemplos xustificadores. “Considerábase que os indios non merecían aquela terra tan rica, porque non souberan traballala”, apuntou Kiernan.

O xenocidio non é, así, -recalcou-, un fenómeno exclusivo do XX, aínda que neste século se desen os casos que máis se teñen identificado con ese concepto. A masacre do pobo armenio, durante a I Guerra Mundial, foi “modelo dos xenocidios do XX”, porque ademais os “perpetradores quedaron impunes”. O crecemento da poboación mundial e a escaseza de terras relacionouse, segundo Kiernan, cos asasinatos en masa, aínda que, segundo Kiernan, non sempre aparecen o “idealismo agrarista” ou a obsesión coa antigüidade, caso de “Stalin e Mao”, cuxas actuacións neste sentido atribuíu máis a motivos “políticos”.

A masacre do pobo armenio, durante a I Guerra Mundial, foi “modelo dos xenocidios do XX”

Si conflúen a idealización do mundo agrario e o culto á antigüidade, “pero non a Roma”, no caso dos Xemeres Roxos e Pol Pot, na que a narrativa xenocida exalta a “gloria perdida de Camboxa” e o mundo rural, do que quere eliminar a “contaminación urbana”. A masacre perpetrada por Indonesia en Timor Leste, a sufrida polos tutsis en Ruanda, as de Guatemala ou a de Darfur, son algúns dos outros exemplos que analizou Kiernan. En varias delas, -indicou-, foi común comparar o “inimigo” con insectos ou con enfermidades a erradicar para negarlle a súa humanidade, -caso da Alemaña nazi, da América construída coa masacre dos indios, de Al-Qaeda ou do Daesh, lembrou o relator-.

Kiernan rematou a súa intervención referíndose a exemplos que poderían compararse cos crimes do franquismo. O xenocidio, -que, segundo o Dereito Internacional, consiste en actos perpetrados coa intención de destruír, total ou parcialmente, un grupo nacional, étnico, racial ou relixioso como tal-, “non esixe a proba da proba da intención de exterminar un grupo, senón que se produza o ataque. O motivo é irrelevante, sempre que se trate dun grupo nacional, étnico, racial ou relixioso”. Desta maneira, subliñou, “hai moitos casos que os xuristas non poden defender como xenocidio, pero que si poden facelo os historiadores”.

E o español é un deles, segundo explicou. Citou o caso dos Xemeres Roxos, do exterminio “case total” da poboación do leste de Camboxa, que sería “parte do grupo nacional” afectado pola violencia. Tamén en Indonesia, lembrou, a maior parte dos asasinados fórono acusados de “comunistas e ateos”, con argumentos semellantes aos usados polos golpistas do 1936 en España.

En Indonesia a maior parte dos asasinados fórono acusados de “comunistas e ateos”, con argumentos semellantes aos usados polos golpistas do 1936

No caso español afondou tamén, na primeira xornada do congreso, o xurista e fiscal Carlos Castresana, que ofreceu un relatorio sobre memoria, historia e xustiza transicional. Atópase nunha transición, -indicou-, unha sociedade que sae dun conflito armado ou dun réxime autoritario, para construír un Estado de Dereito.

Mais iso implica “ocuparse das consecuencias do conflito, das vítimas e dos responsables” de que se producisen estas. No ano 45, -relatou-, a comunidade internacional decátase de que a maioría das vítimas da guerra non foran combatentes. Iso significaba que a ruptura do “contrato social”, xa que o Estado non só non protexera os dereitos dos cidadáns, senón que os violara. Por iso se impulsa un “contrato social global” a través do Dereito Internacional, encarnado no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos e no de Dereitos Sociais e Culturais. Os principios da xustiza transicional quedaron, ademais, fixados en catro: verdade, xustiza, reparación e garantía de non repetición, para garantir que os crimes non queden inmunes.

En Alemaña, -lembrou-, non só se celebraron os xuízos de Nuremberg. Tamén se xulgou a xuristas ou empresarios nazis, e sen estes xuízos “non se podería construír unha sociedade democrática”. O obxectivo prioritario, -asegurou-, ten que ser “restablecer o principio de legalidade”. E aínda que non sexa posible reparar a todas as vítimas, cómpre “xulgar os casos paradigmáticos” para que quede patente que hai “un antes e un despois” dos crimes. Pois en España houbo que recorrer á xustiza arxentina para denunciar os crimes do franquismo, e ademais “nin se favoreceu un acceso sen restricións aos arquivos, nin se fala nos libros de texto do que pasou, nin se fixo un museo da memoria, nin unha busca oficial dos desaparecidos”. Por estas e outras razóns, a resposta do Estado ás demandas das vítimas é “inaceptable desde o punto de vista internacional”.

Cómpre “xulgar os casos paradigmáticos” para que quede patente que hai “un antes e un despois” dos crimes

Mais non só iso. É que a reforma da administración da xustiza segue a ser “materia pendente” neste aspecto pois, -explicou-, cando se desmantela o Tribunal de Orden Público do franquismo, créase a Audiencia Nacional, e parte dos xuíces e fiscais do TOP pasan a prestar servizo na Audiencia. Ademais, o Consello Xeral do Poder Xudicial reproduce, na súa composición, as maiorías parlamentarias, o cal compromete a “independencia” do poder xudicial, -opinou-. Neste contexto, “nin se investigan as desaparicións forzadas, nin a tortura”, e segue vixente a lei de amnistía.

E o Tribunal Constitucional realiza “unha interpretación moi curiosa da xustiza transicional”, ao defender que os procesos xudiciais anteriores á Constitución actual non son susceptibles de revisión porque a Constitución non ten efectos retroactivos, esquecendo por exemplo a Constitución do 1931. Da mesma maneira, Tribunal Constitucional e Tribunal Supremo “realizan unha interpretación moi xenerosa da prescrición de delitos” para o caso dos crimes franquistas. Sen ter en conta que a Asemblea da ONU declarou no 2005 que os delitos internacionais non prescriben.

Cando se desmantela o Tribunal de Orden Público do franquismo, créase a Audiencia Nacional, e parte dos xuíces e fiscais do TOP pasan a prestar servizo na Audiencia

Noutros países, -sinalou-, as leis de amnistía foron anuladas ou, -como no caso de Colombia-, considérase que o xenocidio, crimes contra a humanidade ou crimes de guerra non son amnistiables. Aínda que, -sinalou tamén-, no caso de España, o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos só recibiu 12 demandas por crimes do franquismo en 40 anos, polo que a sociedade civil foi menos activa que noutros países.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.