“Hai un público que aplaude a aparición de títulos de referencia da banda deseñada en galego”

Gorazde, zona segura © Rinoceronte Editora

O xornalista e historietista norteamericano Joe Sacco recolleu en Gorazde, zona segura e Palestina a súa experiencia sobre o terreo na Guerra dos Balcáns e no conflito árabe-israelí respectivamente. Rinoceronte Editora ofrece agora a versión galega de ambas obras, títulos dun prestixio consolidado e referentes imprescindibles para comprender a evolución recente do cómic de autor. Anxa Correa, responsable da área de banda deseñada de Rinoceronte, fálanos destas dúas novas publicacións e fai balance da colección de novela gráfica da editora canguesa.

Que atopará o lector que se achegue a Palestina e Gorazde, zona protexida de Joe Sacco?

Palestina é unha obra de referencia para entender o conflito árabe-israelí, que foi prologada polo mesmo Edward Said, debuxada e escrita polo autor estadounidense tras visitar os territorios ocupados entre finais de 1991 e 1992. Pola súa banda, Gorazde baséase nas catro viaxes que Sacco fixo a finais de 1995-comezos do 96 a esta zona protexida pola ONU durante a guerra dos Balcáns, e conta os ataques que sufriu a súa poboación, maioritariamente musulmá.

Ambos os dous son Historia viva. Dous conflitos –un aínda de actualidade, o outro moi recente– contados a través de testemuñas coas que o autor falou dende o punto de vista do estranxeiro que chega alí para contar a guerra como medio de vida. Ao tempo que conta o día a día nestes lugares cun ton bastante lixeiro, Sacco reflicte os horrores da guerra e retrata as vítimas con dignidade. E faino dende un intenso traballo de documentación e de campo.

Como xurdiu a idea de abrir en Rinoceronte Editora unha colección dedicada á novela gráfica?

Como sabedes, Rinoceronte é unha editorial especializada en tradución. Partindo desta idea base, a editorial conta con varias coleccións: Contemporánea, Clásica, Vétera, Poesía, Audiolibros,... Lanzarse á novela gráfica foi só produto deste afán diversificador. A colección chegou ademais nun momento no que se producía un certo boom da banda deseñada.

"Lanzarse á novela gráfica foi só produto deste afán diversificador. A colección chegou ademais nun momento no que se producía un certo boom da banda deseñada"

Pasaron xa case dous anos dende a publicación dos primeiros títulos da colección. Como acolleu o público esta nova liña editorial?

Percibimos que existe un público que aplaude o feito de contar con títulos de referencia da banda deseñada en galego. Trátase dun público fiel ao xénero, ou dun público máis xeneralista pero comprometido coa lingua.

E que diferenzas atopastes entre a edición de literatura e a de banda deseñada?

É máis laboriosa a edición de banda deseñada, loxicamente, e por tanto, máis custosa. No tocante á tradución, está a limitación de espazo nos globos, que no resto das obras non existe. Ademais, ás veces a combinación do texto coa imaxe dá pé a unha mensaxe determinada que é complicado conservar na tradución, e tampouco é plan de andar poñendo notas do tradutor no medio dos cadriños... O traballo de rotulación implica axustar o texto nos globos, ou ter que retocar as imaxes para cambiar o título que aparece na lingua orixinal como imaxe, ou cambiar os topónimos nun mapa...

"O primeiro criterio é a calidade. Buscamos ofrecer cun catálogo en galego para formarse como lectores de banda deseñada e para achegarse dende ela ao mundo actual, ao mundo real"

Os seis primeiros títulos da colección son moi diferentes entre si, pola nacionalidade dos autores, polo ano de publicación orixinal ou mesmo polos contidos. Que criterios foron determinantes para seleccionar estes títulos?

O director da colección, Breixo Harguindey, foi o encargado de escoller os títulos que forman parte dela, obras que, ao seu criterio, sería interesante ter na nosa lingua. O primeiro criterio é a calidade. Buscamos ofrecer cun catálogo en galego para formarse como lectores de banda deseñada e para achegarse dende ela ao mundo actual, ao mundo real.

A partir de aí tratouse de combinar obras coñecidas e difundidas con apostas máis persoais. A crónica xornalística (Palestina e Gorazde, zona protexida), a autobiografía (Persépole), o ensaio (Entender o cómic), a ficción pura (Contrato con Deus, Na procura de Ed o Riseiro)... En apenas media ducia de títulos publicados están representadas as correntes máis relevantes do cómic de autor actual.

Si, a variedade das propostas era outro criterio, pois había moito oco que encher.

Os títulos editados son clásicos do medio ou, cando menos, obras sobre as que existe un grande consenso crítico. A que perfil de lector están dirixidos?

Están dirixidos a un público xeral. Moitas delas son as primeiras obras coas que a xente se achega á novela gráfica. Van dirixidas tanto a lectores habituais de novela como a xente que non ten tanto hábito lector pero que se achega polo atractivo das imaxes, ou que busca comida rápida que non teña carne de cabalo. E logo está o público lector de cómic e que agradece ter os títulos de referencia en galego.

"Van dirixidas tanto a lectores habituais de novela como a xente que non ten tanto hábito lector pero que se achega polo atractivo das imaxes, ou que busca comida rápida que non teña carne de cabalo"

Entre os títulos editados chama a atención poderosamente Na procura de Ed o Riseiro, unha obra moito menos coñecida que as restantes, inédita en castelán, cuxo autor, Kim Deitch, pertence á escena underground norteamericana pero nin sequera é un dos nomes máis populares da mesma. A que se debeu unha aposta tan persoal?

Foi unha proposta arriscada do director da colección, que se aceptou despois de meditalo moito.

Ata o de agora, todas as obras no mesmo formato, 16 x 24 cm e branco e negro. Contemplades a posibilidade de abrir a colección a formatos novos?

Con mínimas diferenzas, este é o formato habitual na novela gráfica. No tocante ao uso da cor, partindo das tiraxes limitadas que se fan en galego, e máis nun xénero que non é maioritario, coidamos que non sairía a conta.

"Analizando os catro primeiros títulos editados, vemos que custa moito rendibilizalos, aínda que depende do título. Cremos que estas dificultades non son exclusivas da BD, senón que afectan a todo o mundo da edición"

O mercado español de banda deseñada vive tempos convulsos. Fálase de caída das tiraxes, da ineficacia do modelo de distribución, as editoras saldan os seus fondos para obter liquidez, moitas librarías especializadas pecharon...  É rendible editar BD en galego?

Analizando os catro primeiros títulos editados, vemos que custa moito rendibilizalos, aínda que depende do título. Cremos que estas dificultades non son exclusivas da BD, senón que afectan a todo o mundo da edición, que sempre sufriu dun baixo índice de lectura, agudizado coa situación de crise. En calquera caso, editamos conforme a unha idea, a un modelo de edición e de país que desexamos promover.

Coa publicación de Palestina e Gorazde, zona segura cúmprese o plan inicialmente previsto para colección novela gráfica. Haberá novos títulos?

Agora precisamos tempo, xa que supuxo un enorme esforzo. Imos ver como funcionan estes dous novos títulos e, segundo o resultado do conxunto do plan previsto, valoraremos se é viable continuar ou non.

Gorazde, zona segura © Rinoceronte Editora
Palestina © Rinoceronte Editora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.