“Os Diplomáticos e o Bravú constitúen o feito cultural máis importante en Galicia dende o grupo Nós”

Os Diplomáticos de Monte Alto Dominio Público Praza Pública

“Os Diplomáticos e o Bravú constitúen o feito cultural máis importante en Galicia dende o grupo Nós”. Así de claro. O xornalista Rodri Suárez é propietario da sentenza, aínda que a matiza para evitar que os puristas sufran un infarto. “Evidentemente, hai a outras moitas manifestacións e momentos fundamentais. E loxicamente non as fago de menos. Pero si que digo que o Bravú conseguiu algo que moitas veces se esquece na cultura: chegar á xente.” Esa é unha das ideas que defende Suárez no seu libro Non temos medo. Historia Oral dos Diplomáticos de Monte Alto, unha sorte de biografía conversacional na compaña dos membros do grupo e dalgunhas voces relacionadas coa formación e o Bravú. Xurxo Souto, Rómulo Sanjurjo, Mangüí Martín, Viascón, Rivas, Pereiro ou Fran Alonso prestan a súa verba a este proxecto, editado por Nicetrip e que chega ás librarías nestes comezos de maio. Despois, a finais de mes, virán as presentacións de recibo.

Esta biografía dos Diplomáticos ten un forte carácter oral, xa que a practicamente a totalidade  do libro está constituído por declaracións fiadas dos entrevistados,  membros do grupo e persoas afíns como Rivas, Josito Pereiro ou Fran Alonso. Por que este formato?

Por fetichismo. Ultimamente emprégase moito esta fórmula para grupos de rock e ten unha referencia directa, que a recoñezo no propio libro, en Please, Kill me. Trátase dun volume sobre a historia do punk americano. É un libro mítico que me marcou bastante hai moitos anos, pero que agora, co paso do tempo, xa non me parece tanto; realmente é un compendio de anécdotas sobre ionquis... En calquera caso, eu non pretendía facer un libro de grandes dimensións, o típico texto inacabable e inmenso, senón que buscaba un punto de excepcionalidade. É a primeira vez, coido, que se escribe unha biografía dun grupo de rock en galego. É dicir, non é un libro común.

"A autenticidade é un valor inherente aos Diplomáticos. Daquela, considerei que era mellor que falase directamente a xente que amosarme demasiado eu, estar eu como autor demasiado presente"

Por outra banda, a autenticidade é un valor inherente aos Diplomáticos. Daquela, considerei que era mellor que falase directamente a xente que amosarme demasiado eu, estar eu como autor demasiado presente. Deste xeito, creo que se acada a máxima autenticidade. Se non o fixera así, sentiríame un pouco tramposo se me apropiase do que me contasen e só incluíse unhas poucas frases de cadaquén. Así, co formato que emprego, consigo un ritmo concreto e que estean recollidas as súas palabras sen adulterar.

Ao longo do libro falan os compoñentes da banda: Xurxo Souto, Mangüí Martín, Rómulo Sanjurjo, Guini... Tamén Rivas, Reixa, Josito Pereiro, Fran Alonso, xente vencellada ao Bravú e ao fenómeno dos Diplomáticos. Canto tempo levou realizar todas as entrevistas?

Levou tempo, porque non me dediquei por completo a esta biografía. Responde a un empeño persoal que levei a cabo no horas libres. Houbo tempadas máis desocupadas, como despois da miña andaina en Xornal, en momentos en que non había traballo. Neses períodos, puiden darlle impulso ao texto.
Aproximadamente foron dous anos de traballo. De todos os xeitos, non había présa, non buscabamos un tema de actualidade. Faciamos un percorrido histórico, non era algo especialmente inmediato, aínda que agora coincide co vinte aniversario do Bravú.  As entrevistas foron a trinta persoas e moitas dunhas cantas horas. Con Rómulo quedei tres veces, e cada encontro duraba catro ou cinco horas.

Pode parecer que ao aplicar este formato só se realiza un labor de transcrición. Non obstante, hai detrás moito máis, chámao posprodución se queres. É dicir, non vale con chantar as declaracións sen máis, hai que buscar o fío, traballar a coherencia, acadar a estrutura precisa para que todo teña sentido.

Por outra banda, hei de recoñecer que este afán persoal vén porque os Diplomáticos de Monte Alto forman parte da miña vida como rapaz da Coruña, de Monte Alto. De mozo, quedei bastante enfeitizados con eles e despois, claro, houbo unha relación persoal moi intensa con todos eles. Sentinme sempre moi agradecidos. É que... Forman parte da miña educación, aprendín máis sobre Galiza nas letras dos Diplomáticos ou nos libros de Xurxo Souto que na escola.

E especialmente, sobre Coruña. Porque fronte á Coruña que nos vendía o pacovazquismo e o poder, os Diplomáticos amosaron o que era realmente esta cidade, unha Coruña máis real na que todos somos de fóra, no meu caso de Fisterra. Identifiqueime sempre con esa visión e tiña que contalo. E iso fixen. 

"Fronte á Coruña que nos vendía o pacovazquismo e o poder, os Diplomáticos amosaron o que era realmente esta cidade, unha Coruña máis real na que todos somos de fóra, no meu caso de Fisterra"

No libro, Rivas fala de que Os Diplomáticos reivindicaban, como dixo xa vostede, a imaxe real da Coruña fronte a que vendía o vazquismo. Neste senso, a posta en valor dos barrios é un elemento relevante nos Diplomáticos?

Eles puxeron o foco nun lugar no que ninguén o puxera antes: os barrios. Hai vinte anos, aos barrios non se lles prestaba atención como comunidade, como realidade social. E teñen uns trazos característicos, unha natureza e unha importancia social clara. Como son os barrios de Coruña e do resto de Galicia? Pois son barrios moi populares nos que se fala galego e, en realidade, son tamén as aldeas de onde vén toda a xente que vive nelas. Como di Xurxo Souto, a Agra do Orzán na Coruña é a Costa da Morte metida na cidade. Entón, eles,  nun momento de pensamento único sobre a Coruña que che vendía La Voz de Galicia, Os Diplomáticos achegábante outra visión... E sen complexo ningún. Eles partiron da cultura popular e penetrando en lugares nos que a cultura máis oficial nunca quixo entrar. As tascas, por exemplo, non eran lugares aos que levar a cultura galega. Ou a Arsenio Iglesias, un adestrador de fútbol ou a Pucho Boedo, que era unha persoa bastante esquecida. Pertencer a ese nivel tan popular... O popular non está presente, en moitos casos, nunha cultura que ás veces peca de elitismo. Para min esa é unha clave moi importante. Os Diplomáticos rachaban cos discursos oficiais e achegáronse ao popular.

"Eles partiron da cultura popular e penetrando en lugares nos que a cultura máis oficial nunca quixo entrar. As tascas, por exemplo, non eran lugares aos que levar a cultura galega"

Unha pregunta cafre e directa: Que significan Os Diplomáticos para a cultura galega?

Respóndoche do mesmo xeito cafre. Os Diplomáticos e o Bravú foron, culturalmente, o maior acontecemento que viviu Galicia dende a Xeración Nós.Digo isto, que soa moi directo, sen esquecer feitos como o grupo Galaxia e outros importantísimos, pero hai un elemento moi certo e moi importante a partir dos Diplomáticos que é, basicamente, que acadaron algo moi importante que ás veces queda esquecido: chegar á xente. O movemento foi algo real, material e maioritario. Mira, eu agora a xente, xente allea á produción cultural galega, dígolle que lanzo un libro sobre os Diplomáticos e alégranse. Por que? Porque coñecen ben o grupo, as súas cancións, o seu tempo. Esa vocación de chegar a todo mundo foi importantísima. Iso só o conseguiu esa mestura que foron Os Diplomáticos e o Bravú.

"Acadaron algo moi importante que ás veces queda esquecido: chegar á xente. O movemento foi algo real, material e maioritario"

Por outra banda, hai que pensar que o Bravú foi máis alá. Normalmente lémbrase do Xabarín, pero ten outras manifestacións e influíu noutras moitas cousas. Pensemos en Mareas Vivas, unha serie ambientada nunha vila da Costa da Morte que tivo un éxito masivo nas cidades. Esa idea do Bravú rompe coa idea dual de aldea-cidade. Nesa relación parece que había un conflito, que a aldea era o vello e debía desaparecer, que estaba a morrer. Pois ben, os Diplomáticos ofrecen modernidade partindo da cultura popular, do barrio, da aldea. A partir de aí, viron moitas propostas.

Porque hai que mirar aínda máis alá, porque falar dos Diplomáticos é falar de moitas cousas, é tratar os inicios da radio pública, da vida do barrios, da relación da lingua nas cidades, de Nunca máis-Burla Negra porque a súa iconografía bebía das manifestacións creativas do Bravú. Na literatura? Tamén hai exemplos en Fran Alonso ou en Jaureguízar. E en Rivas, porque en Que me queres amor? atopamos relatos que son Bravú puro. E na arte? A reivindicación de Cabanas. É un campo de actuación moi amplo.

"Falar dos Diplomáticos é falar de moitas cousas, é tratar os inicios da radio pública, da vida do barrios, da relación da lingua nas cidades, de Nunca máis-Burla Negra porque a súa iconografía bebía das manifestacións creativas do Bravú"

Precisamente, Fran Alonso describe certas reticencias no mundo cultural con respecto ao Bravú; principalmente dúas: a falta de presenza feminina e tamén certa distancia co mundo literario, poético fundamentalmente...

Estou de acordo: hai unha gran eiva no Bravú e seguramente hoxe pase algo semellante, aínda que menos. É que si, foi eminentemente masculino; pero masculino non quere dicir machista. O que se facía era propoñer un mundo de “parrochas, churrasco e pelo no peito”. Iso podía producir, dalgún xeito, que faltasen mulleres, pero é que realmente case non había mulleres facendo rock en galego.  E hoxe pasan cousas dese tipo. Por exemplo, ti miras o que saca Discos da Máquina e non hai mulleres. Agora ben, quero engadir que Discos da Máquina é unha referencia, do mellor que lle pasou o rock en galego nos últimos anos. Pero si, no Bravú -e quizais agora tamén- hai unha eiva clara que se intentou corrixir de varios xeitos, porque o movemento nunca se sentiu satisfeito con esta situación. Pero tamén hai que destacar cuestións neste senso, como por exemplo que moitos descubrimos a Mercedes Peón nun concerto dos Diplomáticos, co Bravú.

"Si, foi eminentemente masculino; pero masculino non quere dicir machista"

Dito isto de forma moi xeral e abrupta, toca engadir dous matices importantes. O primeiro é que o de que haxa poucas mulleres tamén ten moito que ver coa lenda de machotes que en demasiadas ocasións vendeu o rock, pero tamén é certo que cando as mulleres entran neste estilo son das mellores, e se non gañan en cantidade si moitas veces en calidade. Isto vale para Janis Joplin pero tamén aquí para Mercedes Peón -que ás veces é a máis heavy do mundo- ou para Sés, que aí está. E o outro matiz é que a ausencia de mulleres non foi problema só do Bravú, senón tamén se dá agora.

Sobre a poesía e a relación co eido literario... Eu penso que os Diplomáticos dispoñen dunha calidade literaria inmensa. Hai moitísima bagaxe, moitísima información nas súas letras, nos libros de Xurxo. Non obstante, os sectores culturais máis, digamos, elevados non vían a Souto coma un dos seus.

Cando os Diplomáticos comezaron, vivíase unha etapa na que agromaba sobre todo un folk moi característico. O grupo respondía a esa situación como unha reacción? E iso que os seus comezos tiveron moito de folk...

Si, eles formaban parte de Belida e mesmo foron a Lorient a tocar no festival. Si que se desenvolveron como reacción, pero non contra o folk, senón contra a solemnidade coa que a xente interpretaba o folk. Por iso non acabaron por caer ben nos círculos onde primaba a solemnidade. Eles romperon con iso de forma moi punk,do mesmo xeito que nos setenta nacera o punk como triunfo da idea “faino ti mesmo”. Eles decidiron que se podía facer cultura e música co rock e facelo dun xeito máis humanizado e popular.

"Si que se desenvolveron como reacción, pero non contra o folk, senón contra a solemnidade coa que a xente interpretaba o folk. Por iso non acabaron por caer ben nos círculos onde primaba a solemnidade"

Como dicía, eles fuxiron da solemnidade. Deostaban a falta de espazo para a diversión dentro dos proxectos intelectuais culturais. Eles son profundamente cultos, pero nalgúns ambientes culturais confúndese cultura con aburrimento, pensa que o 90% dos actos culturais de Galicia fanse en lugares onde non podes tomar unha caña. Eles sitúanse como antagonistas disto, comprendía que para facernos chegar a súa mensaxe tiñan que facer rock, saír a rúa, moverse coma ninguén... Aí tes outra características. Cos Diplomáticos non es espectador, es participante, iso é unico. En Galicia non se produce esa relación...Por poñer un caso, eu non vexo os seguidores dos Suaves facendo un acto co grupo, unha sorte de manifestación, unha ruada, unha viaxe polas tascas. Os Diplomáticos fixeron iso sempre, exerceron a cultura horizontal. E exercítana dende fai uns vinte anos, momento en que non existía ese concepto

"Nalgúns ambientes culturais confúndese cultura con aburrimento, pensa que o 90% dos actos culturais de Galicia fanse en lugares onde non podes tomar unha caña"

Normalmente, moitos grupos nacen da idea de “matar o pai”. Josito Pereiro destaca no libro que Os Diplomáticos non responden a esa lóxica, senón que reivindican o antigo, o propio, o pasado.

Para min é importantísimo. De feito, o primeiro capítulo chámase Música na casa. Somos un pobo moi musical e moi divertido. Aquí todos temos un familiar que toca un instrumento;  Xurxo tiña parentes nos Satélites. O propio nome do grupo homenaxea as orquestras, as oquestras de entón como os Tamara, que tiñan que ver máis cunha big band de Nova Orleans que co que entendemos agora por orquestra...

A París de Noia, Olympus...

Exactamente, nesas shakiradas que son agora non hai nada do que eles reivindican. Os Diplomáticos non se formularon o propósito de facer rock en clave de ruptura, senón todo o contrario. Querían incorporar á linguaxe musical do seu tempo elementos antigos reivindicados e interpretalos; crear outra cosmogonía. No rock, sempre falamos e temos como referencia o triángulo de Londres, Berlín e EUA. Iso gústanos a todos, é o habitual, o que sempre se imita. Eles dixeron que non, nós non debiamos adaptar o que tiñamos acó a esa forma de entender a música, que aquí había cousas que podían entrar na cultura do rockroll. Eles reivindican unha forma de vida nosa que se podía trasladar ás guitarras eléctricas.

"Aquí había cousas que podían entrar na cultura do rockroll. Eles reivindican unha forma de vida nosa que se podía trasladar ás guitarras eléctricas"

No libro destácase que os medios de comunicación xogaron un papel moi importante no desenvolvemento dos Diplomáticos e do Bravú.

Hai dúas claves, unha que Xurxo é alguén cunha capacidade innata para comunicar. Iso axudou moito, tamén hai que decatarse de que o seu discurso fai vinte anos era revolucionario, ninguén falaba así. Quizais os Resentidos, pero eles estaban nunha clave máis vangardista e Os Diplomáticos, máis popular. A outra clave? Os Diplomáticos nacen nos medios públicos. A primeira canción do grupo é unha sintonía que fai Xurxo para unha radionovela que fixeron no programa de Carlos Blanco a finais dos 80. É que son un gran exemplo... da potencialidade que posúen os medios públicos para crear cultura en galego para todos. O que non sei é se esa potencialidade se espremeu todo o que se debía. Co Xabarín, co Sitio distinto de Reixa ou Mareas vivas demostrouse que si se podía triunfar en galego. O medio público ben podía ser garantía de éxito. Agora, vendo o que hai, pois parece que alguén decidiu  que isto non debe ser así e que propostas deste estilo cómpre agochalas.

"Co Xabarín, co Sitio distinto de Reixa ou Mareas vivas demostrouse que si se podía triunfar en galego. Agora, vendo o que hai, pois parece que alguén decidiu  que isto non debe ser así e que propostas deste estilo cómpre agochalas"

Como biógrafo, se tivese que diferenciar etapas na traxectoria dos Diplomáticos, que respondería?

Eu diría catro ou cinco. A primeira é o nacemento, que vén sendo o estoupido, chegan moi alto, venden motísimo co aval de Reixa, que é un pouco quen os impulsa. Ese estoupido lévanos a segunda etapa na que pasan das grandes vendas a quedar sen compañía, porque a discográfica esíxelles facer o seguinte disco en castelán. Os Diplomáticos declinan a oferta, que incluía unha avultada cifra económica. Dese xeito, quedan na rúa e comezan a se autoxestionarse. Sacan un novo disco, Parrús, e realmente comezan a unha época máis madura e na que chegan a moita máis xente. Despois, xa acadan outro contrato discográfico. Unha terceira etapa témola a finais dos noventa, nela nótase certa fatiga aínda que hai unha produción salientable. A cuarta principiaría coa marcha de Souto. Son uns anos de resistencia, cun disco destacable, malia os toques tropicais que lle meten e que a min, persoalmente, non me interesan. E atopámonos na quinta, que comezou en 2010 coa primeira reunión no festival Reperkusión. Agora ese é a fase, reunirse cada certo tempo.

"Sabes que? A forma de dicir en galego punk é Bravú"

Que queda do Bravú a día de hoxe?

É complicado de dicir. Queda a lembranza e queda un camiño que non se explorou na súa totalidade... O que queda? Dende logo, ninguén -agás algún repunantiño- pide xa explicacións sobre o porqué de que cantes nun grupo de rock en galego. Iso é moi importante. Toda esta segunda época dourada do rock galego, dun xeito ou doutro, os seus grupos recoñecen a influencia do Bravú. Hai moitas cousas do Bravú que son vixentes, aínda que non sexamos conscientes de que as teñamos interiorizadas. E outra cousa, agora pola situación lingüísta, económica e social, é necesario reivindicar toda aquela cultura. Pensemos nunha idea que moitos comparte: “con esta crise o normal sería que se producise un estoupido punk”. Sabes que? A forma de dicir en galego punk é Bravú.

Rodri Suárez Dominio Público Praza Pública
Os Diplomáticos nunha foto de 1991 Dominio Público Praza Pública
Os Diplomáticos xunto a Rodri Suárez en 1994 en Pasaia (Euskadi) antes dun concerto Dominio Público Praza Pública
Capa do libro Dominio Público Nicetrip

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.