Lourenzo Maroño e Elena Sherevera e Camiño Noia, Premios de Tradución Plácido Castro

Camiño Noia © Editorial Galaxia

O xurado da XI edición dos Premios de Tradución Plácido Castro acordou conceder o galardón ex aequo aos tradutores Lourenzo Maroño e Elena Sherevera, pola Antoloxía da poesía rusa: de Pushkin a Evtushenko; e mais a Camiño Noia, pola súa tradución O gran Meaulnes.
 
O xurado, integrado por representantes da propia Fundación Plácido Castro, a Xunta de Galicia, o IGADI, a Real Academia Galega e a Asociación de Tradutores Galegos, sinala que na tradución da poesía rusa apréciase "unha vontade de estilo moi ben conseguida, con expresións naturais e poeticamente cribles en galego. Trátase de composicións trabadas, sólidas, que concordan coas presentacións que se fan dos autores. Ademais incorpora voces poéticas diferentes con cadanseu interese, punto de vista e idiosincrasia expresiva, sempre cunha lectura fluída e doada". Na tradución de Alain Fournier destácase "o excelente manexo da lingua que consegue reproducir á perfección as distintas atmosferas nas que se desenvolve o argumento. Ofrecésenos aquí unha perfecta reconstrución en galego do heroe romántico que se lanza á persecución dos seus soños".

O obxectivo deste premio é destacar a calidade das traducións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual bivir publica periodicamente na súa páxina web nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquecer o universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas.

A Fundación pretende con este premio reivindicar o importante labor dos nosos tradutores e tamén aquela dimensión literaria de Plácido Castro (1902-1967), quen se destacara como o máis universalista dos nosos galeguistas

A Fundación pretende con este premio reivindicar o importante labor dos nosos tradutores e tamén aquela dimensión literaria de Plácido Castro (1902-1967), quen se destacara como o máis universalista dos nosos galeguistas. Os premiados nesta edición recibirán o diploma acreditativo e unha escultura alegórica da autoría de Xaquín Chaves o próximo día 1 de decembro ás 12 horas no Concello de Vilagarcía de Arousa.

Camiño Noia © Editorial Galaxia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.