“Se de aquí a medio ano non duplicamos o número de socios, a Academia do Audiovisual morre. Así de radical”

Antonio Mourelos CC-BY Alberto Ramos

Antonio Mourelos preside dente o ano pasado a Academia do Audiovisual cunha executiva que inclúe pesos pesados do sector como Jorge Coira, Emma Lustres ou Luís Tosar. Este sábado, na Coruña, afronta a súa primeira gala dos Mestre Mateo. Nesta ampla entrevista con Praza reflexiona ao redor das dificultades do sector, a situación da TVG e o futuro da entidade que preside. 

Anda a ultimar o discurso que pronunciará como presidente da Academia do Audiovisual na gala dos Mestre Mateo. Será unha intervención reivindicativa ou seguirá máis o espírito da cerimonia, que pasa por lembrar que “toda crise pasada foi peor”?

En primeiro lugar, será un discurso curto. A intención é que sexa directo, claro e conciso. Máis que reivindicativo e de pelexa, vai ser un discurso para pedir máis compromiso á profesión, un discurso que pida máis unión. Basicamente, porque nestes tempos, a unión vai ser o único que nos quede. Ou estamos unidos ou vai ser moi difícil que teñamos apoio de ninguén. Por iso, o discurso seguirá a liña de reclamar unión. Nós falamos dentro dun sector que engloba case a 3.000 traballadores. Temos que demostrar que os somos, demostrar que existen eses 3.000 traballadores. Fai falla unión. Non é tanto tirar contra a administración.... Penso que durante anos parecía que os únicos culpables eran as administración e que nunca mirabamos para dentro. En definitiva, vai ser un discurso sen grandes ataques, pero quen queira entender, vainos entender.

"Fai falla unión. Non é tanto tirar contra a administración.... Penso que durante anos parecía que os únicos culpables eran as administración e que nunca mirabamos para dentro"

O anterior presidente da Academia, Xosé Manuel Olveira Pico, antes de deixar o cargo reflexionaba sobre a Academia do Audiovisual e dicía que se precisaban moitos máis socios, máis membros...

Iso é fundamental. Cando falo de unión, falo diso tamén. É prioritario agora mesmo que a Academia duplique o número de socios.

Cantos ten agora mesmo?

Uns 250 membros.

"Precisamos ser 500 como mínimo para ser minimamente independentes e para poder tirar adiante con esta Academia"

Ou sexa 250 de 3.000 traballadores?

Si. Precisamos ser máis. Precisamos ser 500 como mínimo para ser minimamente independentes e para poder tirar adiante con esta Academia. Hai moitísimas cousas que podemos facer, e que estamos a facer, pero precisamos máis apoios, non vale co axuda da administración. Porque a administración... Francamente, eu non confío na administración. Non confío en que vaia apoiar de novo. A realidade é que se de aquí a medio ano non duplicamos o número de socios, a Academia do Audiovisual morre. Así de radical.

Tan mal pintan as cousas?

Si, porque a redución das axudas é drástica e non confío en que estas axudas se vaian manter. Non teño confianza. Non teño confianza na clase política. Persoalmente creo que van ter cartos para a tauromaquia, pero para o cine non. Así de radical son. Seguro que apoian a festa nacional... Pero o cine? Non. A eses rojos de la ceja non os vai apoiar ninguén.

"Persoalmente creo que van ter cartos para a tauromaquia, pero para o cine non"

A Academia vai facer unha campaña para conseguir novos socios?

Non, hai unha campaña entre nós. Aínda non a hai, pero si que é un dos temas máis prioritarios da axenda. Agora o prioritario é sacar a gala dos Mestre Mateo, porque tivemos moitos problemas, e  ten que saír ben polo traballo de moitísima xente que se está partindo a alma para facela. Despois, o obxectivo inmediato é conseguir máis socios e máis financiamento externo. Se non o conseguimos...

Diso depende a supervivencia da Academia?

Si, creo que si. Tampouco quero ser tan radical, pero creo que é o que hai.

Se falamos de axudas ao sector, a semana pasada a Agadic publicou a liña de axudas á produción e coprodución, pero as outras liñas quedaron no aire. Ademais, os 2,9 millóns de euros que se destinan van repartidos en diversas anualidades. Esta situación xera incerteza?

Hai unha preocupación absoluta. E sobre todo nas outras liñas de axuda, sobre todo para a xente que comeza e  quere facer curtas. Todo se vai ver moi resentido. Agora mesmo, todo o que sexa potenciar a creatividade e os novos talentos está moi limitado, no aire. O sector ve todo moi fastidiado. Eu son realista e pesimista, pero tamén neste sentido son optimista. Nas crises sempre se agudiza a creación e o talento. A creatividade florece nestas situacións. Por iso son optimista coas novas xeracións e a xente que vai buscar maneiras diferentes para contar historias. Esta xente vai partirse a cabeza e buscarse a vida, porque non van ter subvencións a fondo perdido e por iso van buscar a maneira de seguir contando historias.

"Agora mesmo, todo o que sexa potenciar a creatividade e os novos talentos está moi limitado, no aire. O sector ve todo moi fastidiado. Eu son realista e pesimista, pero tamén neste sentido son optimista. Nas crises sempre se agudiza a creación e o talento. A creatividade florece nestas situacións"

Coa crise e os recortes, nótase a parálise no sector?

Nótase, si. Só hai que ver programación da TVG e as candidaturas dos Mestre Mateo. Hai moi pouca produción nova e no caso da televisión non hai moito... Está Escoba e pouco máis. O resto? Padre Casares, Matalobos e Libro de Familia. Son produtos que teñen xa tres anos. Se miramos nas telefilmes... Non sei cantos proxectos hai, pero moi poucos. Realmente no audiovisual pasamos de facer moito -e seguramente non todo era bo- a non facer practicamente nada. O sector a nivel técnico e artístico esta a pasalo mal. Falas coa profesión e hai moitos problemas, problemas serios, de non poder pagar os recibos. O sector audiovisual está realmente mal.

"A TVG é o motor do sector. Se a TVG para, apágase o motor. Xa podes ter a mellor carrocería  e o mellor deseño, que dá igual"

O futuro da TVG é incerto, a privatización está a chamar a porta, e a reformas da lei de Televisión Española chegou con polémica. Todo isto como afecta ao sector audiovisual galego?

A TVG é o motor do sector. Se a TVG para, apágase o motor. Xa podes ter a mellor carrocería  e o mellor deseño, que dá igual. E temos a mellor carrocería, os mellores actores, os mellores técnicos... Podemos ter iso, que como falle o motor, todo se para. Hai unha incerteza absoluta. Se me preguntan que vai pasar de aquí hai un ano... Non sei. Vai ser privatizada? Non o sei... É que non o sei. O que pensas hoxe pode cambiar rapidamente. Despois escoitas xentes e algún ministro facendo comentarios moi alegres sobre a cultura, sobre a TVG... Declaracións moi alegres, pero que non son gratuítas. Se as televisións autonómicas van camiño de desaparecer ou de privatizarse? Se cadra si e haberá que dicir que non. Nunha reunión con nós, Feijóo comprometeuse a que a TVG seguiría alí mentres el estivese de presidente.

"Agora coas escusas dos recortes e coa crise permítense case todo e con total impunidade"

E dixo se seguiría como ente público ou como privado?

Tanto matiz non fixo. El insistía na intención de defendela, parecía que esa intención si que había... Pero as opinións e os compromisos dos políticos duran pouco. Agora coas escusas dos recortes e coa crise permítense case todo e con total impunidade. Quen garante que non peche ou se privatice a TVG ou Canal 9 mañá? Ninguén, calquera compromiso político desfaise agora e xa está.

Antonio Mourelos CC-BY Alberto Ramos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.