“Tiruleque busca coa súa música que a xente encha os torreiros para fartarse de bailar”

Tiruleque Dominio Público Praza Pública

Tiruleque lanzará o vindeiro sábado 17 de febreiro o seu terceiro álbum: Outro que tal baila. Trátase dun proxecto discográfico que presenta un repertorio orientado á música de festa e de baile, explorando novas posibilidades partindo da música galega. Polo tanto, o título do álbum resulta unha declaración de intencións, xa que define perfectamente o espírito deste grupo que, disco tras disco, busca promover música bailable con pura raíz galega. O álbum reúne un feixe de dez temas, dos cales catro son composicións propias nos que se xoga cos límites dos xéneros e seis versións de temas tradicionais, recollidos por investigadores como Pablo Carpintero ou o americano Alan Lomax.

Tiruleque -formado na actualidade  por Antón Bueno (contrabaixo), Álex Fente (acordeón), Luís García (bombo con pratos, percusións e coros), Miguel Horjales (caixa, percusión, coros), Serxo Núñez (clarinete, gaita, percusións voz), Fernando Román (Saxo, clarinete, trompeta) e José A. Vázquez (Gaita, saxo, percusións)-  celebra con este álbum quince anos de traxectoria e ofrecerán un concerto de presentación o propio sábado 17 na Sala Capitol de Santiago, cuxas entradas xa están á venda nesta ligazón. A partir de alí, o grupo actuará en lugares como A fundación de Melide (23 de febreiro) ou o Garufa Club da Coruña (9 de marzo). Falamos con Álex Fente, compoñente, compositor e acordeón da banda, sobre a traxectoria de Tiruleque, o seu novo disco e o sector musical en Galicia.

"A nós gústanos resumir o disco cunha única palabra: bailable. Ese é o noso interese. Queremos que a xente que merque o disco poida gozalo e que lle leve o ritmo aos pés"

Tiruleque cumpriu xa 15 anos de traxectoria e celébrao publicando o seu terceiro disco, Outro que tal baila. Como compoñente da banda e compositor dos temas orixinais que recolle o disco, como definiría o álbum?

A nós gústanos resumir o disco cunha única palabra: bailable. Ese é o noso interese. Queremos que a xente que merque o disco poida gozalo e que lle leve o ritmo aos pés. Para nós, este álbum é unha evolución dos elementos que xa tiñamos presentes noutros discos, pero avanzando no tempo e coas inquedanzas que temos no momento presente. O título xa adianta a intención, condensa o espírito do álbum, que pasa por encher a pista, que a xente o desfrute bailando.

Como grupo, Tiruleque naceu en 2002. Fundouse grazas a un grupo de rapaces que tiñan unhas inquedanzas músicas e unha orixe na música tradicional galega. Como os tratou o paso do tempo? Como foi a súa evolución?

Nós comezamos como un quinteto de gaitas. Eramos dúas gaitas, tamboril e bombo tradicional e mesturamos esa sonoridade con outros instrumentos propios de aquí como son o acordeón e o clarinete. Xa co paso do tempo, os gustos musicais vanse enriquecendo, introducimos outros instrumentos como a caixa, o pito galego, o contrabaixo e pasamos a sexteto co saxo. Finalmente, chegamos ao septeto na actualidade (voces, gaitas, contrabaixo, acordeón, contrabaixo, acordeón, caixa, bombo con pratos, outras percusións, saxo soprano, clarinete, saxo tenor e trompeta). Hei de dicir que nestes quince anos, desfrutamos con todas as etapas que se foron sucedendo. Agora ben, aínda que vaiamos mudando de formación e en aspectos musicais, gústanos pensar que sempre permanecemos fieis á orixe do grupo, un grupo que nace na música tradicional e que, como xa che comentaba, se define por esa idea de facer música de festa e bailable, que a xente ao escoitarnos encha os torreiros e bailen a fartar.

"No momento no que nós comezamos co proxecto Tiruleque, producírase xa un maior interese pola música tradicional. Dérase un boom da música galega que, despois, foise perdendo un chisco en detrimento doutras músicas"

Tiruleque é un grupo que se curtiu, dáme a impresión, de escenario en escenario. Nestes anos, percorreron todos os recantos da xeografía musical galega, pero tamén acudiron a encontros esenciais para a música de raíz como é Lorient.

Para nós, o directo é a saída natural do tipo de música que facemos. Está orientada para crear unha conexión do público e recibir unha retroalimentación. Iso acontece nos concertos, na música ao vivo. Para nós, como grupo, é fundamental saber como se conecta co público. Logo, o que comentabas de actuar en festivais fóra de Galicia... Tamén é fundamental. Saír fóra sempre engade un plus de coñecer novas culturas e novas propostas. Implica un importante enriquecemento. Son achegas doutras miradas que poden nutrir a musica que ten un.

E como ven, como grupo, o sector musical actual? Como mudou o conto en Galicia dende ese 2002 até este 2018?

No momento no que nós comezamos co proxecto Tiruleque, producírase xa un maior interese pola música tradicional. Dérase un boom da música galega que, despois, foise perdendo un chisco en detrimento doutras músicas. Co paso dos anos, chegaron menos investimentos e foi cambiando o mercado cara a unha precariedade dentro do sector, na que se move agora. Cómpre lembrar que en grande medida, ese boom da música galega dependeu do esforzo dos músicos e tamén das iniciativas singulares, as propostas de asociacións que ergueron e seguen a erguer festivais.

Despois, hai que destacar tamén o pulo da música infantil na actualidade. Pensa que moita xente que estaba antes en formacións, comezaron a ter fillos e viron como se abría un novo mercado. Un mercado moi importante, xa que creo que estamos tendo grandes propostas e moitas desas musicas infantís apostan pola musica tradicional. Agardo que estas iniciativas sexan o combustible para que as novas xeracións enganchen coa música do país.

"Tal e como a contemplamos, a música é algo vivo e ten que nutrirse das achegas das xentes. Nós achegamos a nosa visión, tanto nos temas tradicionais que arranxamos coma nos que creamos dende cero"

A cultura de base é fundamental logo?

Grazas a ela, sobrevive a música deste tipo. Grazas ao traballo de asociacións e colectivos que teñen interese pola música tradicional, que fan seráns, festivais, festas e traballan na divulgación da música, crean escolas de música e de baile...

Volvendo ao disco. En Outro que tal baila atopamos un equilibrio entre composicións propias e versións dos cancioneiros populares.

As achegas que facemos nas composicións propias amosan o interese e a ilusión que nos provoca participar na música popular. Tal e como a contemplamos, a música é algo vivo e ten que nutrirse das achegas das xentes. Nós achegamos a nosa visión, tanto nos temas tradicionais que arranxamos coma nos que creamos dende cero.

"Estamos tendo grandes propostas e moitas desas musicas infantís apostan pola musica tradicional. Agardo que estas iniciativas sexan o combustible para que as novas xeracións enganchen coa música do país"

No disco mesturan os xéneros e xogan coas fronteiras até diluílos en temas propios como Rumbanera.

Desdebuxamos as fronteiras e os límites, si. Así xorde a Rumbanera do disco, que apareceu sen que tivésemos moi claro se era unha habanera tirando a rumba ou ao revés.  Imos xogando coas mestizaxes rítmicas e xuntamos diferentes conceptos. Gústanos ese xogo, xa que dan saída á nosa creatividade. Realmente, temos outra peza que chamamos muiñeira contemporánea de corte tradicional. Non deixa de ser unha peza propia do tradicional, pero cuns enfoques e patróns rítmicos que se arredan do habitual. Iso si, sen perder de vista a orixe. É dicir, a contemporaneidade non deixa de ser algo do que se nutre a tradición, ao cabo o tradicional foi contemporáneo no seu momento e pode volver selo.

No disco, versionades temas recollidos por investigadores como Pablo Carpintero ou o célebre Alan Lómax. Que importancia teñen para vostedes estes nomes?

Resultan importantísimas as súas achegas. No caso de Alan Lomax, hai que dicir que podemos coñecer moitas das nosas músicas polo traballo de recollida que fixo no seu momento. Dedicou toda a súa vida á recollida. Fíxoo en Galicia, por Estados Unidos, por toda Europa. Descubrimos Asubíasme de lonxe, unha alalá que Lomax recolleu no Hío, e gustounos tanto que quixemos facer a nosa propia versión. Todos os temas que comentas, como os de Pablo Carpintero e doutros, o que fan é achegarnos melodías que a nós nos permiten aplicarlles o noso punto de vista, a nosa forma de enfocar a música e achegar un son diferente á xente.

"Realmente, a fronteira da Raia vén sendo, como todas as fronteiras, unha liña imaxinaria. E neste caso, o que hai a un lado e no outro, fan que sexa aínda máis ilusoria, xa que é tremendamente permeable a relación que se establece dende o punto de vista cultural e musical"

O disco inclúe un tema que mestura dúas cancións tradicionais, unha procedente da Fonsagrada (A lúa xa está no bote) e outra de Portugal (O cheiro que a rosa tem). Desa unión xorde O cheiro da lúa. É un tema que representa á perfección ese xogo cos xéneros, cos límites e coas fronteiras do que falabamos antes?

No caso destes dous temas, Tiruleque púxose a xogar coa rítmica do tema portugués que se desenvolve en forma de valse. Nós decidimos transformalo cara á cumbia, xa que encaixaba de forma natural co tema da Fonsagrada, que pertencía ao repertorio de Florencio, o Cego dos Vilares. Realmente, a fronteira da Raia vén sendo, como todas as fronteiras, unha liña imaxinaria. E neste caso, o que hai a un lado e no outro, fan que sexa aínda máis ilusoria, xa que é tremendamente permeable a relación que se establece dende o punto de vista cultural e musical.

Capa do disco © Tiruleque

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.