"Nos concellos pequenos danse todo tipo de situacións, mesmo bibliotecas sen persoal"

Instalacións da Biblioteca de Redondela CC-BY Biblioteca Municipal de Redondela

As bibliotecas galegas levan anos sufrindo recortes orzamentarios que limitan a súa capacidade para adquirir novos fondos e que tamén implican eivas de persoal, cun número de traballadores e traballadoras inferior ao que sería óptimo para cumprir coas funcións e servizos que estes centros ofrecen. Estas dificultades son aínda maiores nos concellos pequenos, con menor capacidade económica para soster uns espazos públicos fundamentais de acceso á cultura e á información.

A Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (Bamad-Galicia) denuncia decote esta situación xeral e os problemas particulares que sofren unha parte dos traballadores e traballadoras, os máis precarizados. A entidade reivindica a dotación de medios e persoal suficiente para que estes centros ocupen o seu lugar e esixe o completo desenvolvemento da actual Lei de Bibliotecas, aprobada en 2012. Falamos con Xoán Manuel Pérez Lijó, secretario de Bamad-Galicia.

Nos últimos días coñeceuse o cese das directoras das bibliotecas centrais de Lugo, Pontevedra, A Coruña e Compostela. Como valorades a decisión adoptada pola Consellería?

Dende BAMAD Galicia lamentamos esta decisión, xa que supón apartar das súas responsabilidades a catro profesionais das bibliotecas sen que se teña explicado nin motivado publicamente as razóns destes ceses. Cremos que é unha decisión errada ter cesado estas persoas xusto cando as bibliotecas se encontran, nos meses de abril e maio, coas celebracións dunhas das datas máis relevantes para a dinamización das bibliotecas como son o Día Internacional do Libro infantil, o Día Internacional do Libro e o Día das Letras galegas. Ter cesado sen previsión de recambio a estas persoas deixa o funcionamento das bibliotecas baixo mínimos, impedindo que exerzan con normalidade as súas funcións.

"Traballamos para que as prazas das direccións das bibliotecas xestionadas pola Xunta non se cubran mediante o sistema de libre designación, que posibilita o nomeamento e o cese discrecional, senón mediante concurso, como se tiña realizado até 2013"

En todo caso, desde BAMAD Galicia traballamos para que as prazas das Direccións das bibliotecas xestionadas pola Xunta de Galicia non se cubran mediante o sistema de libre designación, sistema que posibilita o nomeamento e o cese discrecional por parte da administración, senón mediante concurso, como se tiña realizado até 2013, ano no que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria decidiu cambiar o sistema de provisión prazas de dirección de arquivos, bibliotecas e museos. Desde a Asociación seguiremos defendendo o sistema de concurso para o seu nomeamento porque é o que garante o acceso dos e das mellores profesionais e o exercicio da profesión con independencia.

Unha das grandes eivas nos últimos anos, como vides denunciando dende Bamad-Galicia, son os recortes orzamentarios, que afectan sobre todo ás novas adquisicións de libros. En que medida están afectando ás bibliotecas galegas? 

En 2017 houbo un novo descenso do orzamento, que xa supón a metade do que había no ano 2012, pasouse de 3,5 millóns euros a algo menos de 1,7 millóns. Esta baixada dificulta a renovación dos fondos documentais das bibliotecas, algo fundamental para poder seguir ofrecendo un servizo público de calidade. Nas campañas de promoción da lectura houbo tamén unha baixada importante do orzamento, aínda que si que é certo que se seguen facendo campañas moi interesantes, como Ler Conta Moito. Ademais, a pesar dos recortes, existen dous programas de adquisicións moi positivos: un para a mellora das coleccións das bibliotecas e outro de axudas á compra do libro galego. Están moi ben valoradas, porque son os propios bibliotecarios e bibliotecarias quen cos fondos económicos achegados escollen que libros mercar, en función do tipo de centro e das demandas dos usuarios e usuarias; antes, en cambio, chegaban os lotes directamente, e moitas veces isto non se adecuaba ás características de cada biblioteca.

"O Mapa de Bibliotecas vai fixar uns estándares de persoal aos que cada concello deberá chegar, aínda que será difícil que iso se consiga nun futuro próximo"

A Lei de Bibliotecas, que é do ano 2012, incluía a realización do Mapa de Bibliotecas, que debía estar feito e aprobado aos seis meses da entrada en vigor da lei. Porén, en 2017 aínda non entrou en funcionamento e no Parlamento xerou moi pouco debate. O Mapa consta de varias partes: por unha banda, inclúe unha especie de censo da situación de cada unha das bibliotecas, sinalando unha serie de parámetros -equipamentos, persoal, fondos e automatización- cuns indicadores comparativos entre os distintos centros e uns obxectivos aos que se quere chegar. Esta última parte pode ser moi importante, ao sinalar aqueles parámetros nos que un concello está por debaixo da media, ou lonxe dos obxectivos, de cara a que poida facer un esforzo nun determinado contido.

En que medida foron importantes os recortes de persoal? Como son as condicións laborais dos e das profesionais das bibliotecas?

O Servizo de Bibliotecas da Consellaría está baixo mínimos; é algo que levamos criticando moito tempo, porque a rede de bibliotecas non pode funcionar con tres persoas como está agora; fai falla moito máis persoal para levar a cabo as funcións que ten encomendadas: o Servizo de Bibliotecas debería dirixir a política bibliotecaria deste país, cara a onde queremos ir, tanto no que respecta aos fondos coma ás propias instalacións das bibliotecas. Despois, está a situación das bibliotecas municipais, que iso xa é un mundo; como os concellos dispoñen de potestade organizativa dos seus propios servizos, a situación é moi diferente entre uns e outros.

"En moitos lugares o bibliotecario ou bibliotecaria realiza labores de dirección (porque están sós ou soas) pero está contratado ou contratada como auxiliar de biblioteca"

Nos concellos máis grandes adoita haber máis persoal, mellores condicións e un mellor recoñecemento da súa categoría profesional. Pero nos concellos máis pequenos danse todo tipo de situacións. Mesmo concellos nos que non hai persoal bibliotecario ningún, senón que é o propio alcalde ou un concelleiro o que abre a biblioteca cando unha persoa quere acceder a un libro; iso non son bibliotecas, realmente, porque non están dando servizo, aínda que nas estatística figuren como tales. Hai outros casos que si teñen persoal, pero neles prodúcense outro tipo de problemas; mesmo hai localidades nas que persoas que foron contratadas para labores de limpeza ou conserxería acaban ocupándose da biblioteca, algo que non nos parece mal se a esas persoas se lles dan coñecementos axeitados; e moitos lugares nos que o bibliotecario ou bibliotecaria realiza labores de dirección (porque están sós ou soas) pero está contratado ou contratada como auxiliar de biblioteca.

"Se colaboran Xunta, deputacións e concellos, poderíanse dar moitos servizos. Cremos que é un bo momento para esta colaboración, sobre todo pola maior disposición dalgunhas deputacións"

Sodes optimistas de cara a que isto poida cambiar nos vindeiros anos?

O Mapa de Bibliotecas vai fixar uns estándares de persoal aos que cada concello deberá chegar, aínda que será difícil que iso se consiga nun futuro próximo. A Lei de Bibliotecas fai nese sentido un chamamento á cooperación entre todas as institucións para a xestión das bibliotecas municipais. Hai concellos que polas súas características non van poder chegar aos obxectivos fixados, pero se colaboran Xunta, deputacións e concellos si que se poderían dar moitos servizos. Cremos que é un bo momento para esta colaboración, sobre todo pola maior disposición dalgunhas deputacións, que están lanzando plans para a contratación de persoal e para a dotación de infraestruturas culturais. Isto é moi positivo, pero debería ir máis aló de plans puntuais, consolidándose unha colaboración a longo prazo entre as distintas administracións.

"A biblioteca é un democratizador do acceso á información e á cultura, un servizo que se amplía á procura activa de emprego ou ao acceso a servizos sociais"

Que papel deben cumprir as bibliotecas aquí e agora, nunha sociedade na que a información e a comunicación xogan un papel cada vez máis importante, independentemente dos soportes, en transformación?

As bibliotecas públicas, segundo a UNESCO, temos que dar tres tipos de servizos: educativos, de información e culturais; e debemos orientar eses servizos ás características da poboación que atendemos. A biblioteca é un democratizador do acceso á información e á cultura, un servizo que se amplía á procura activa de emprego ou ao acceso a servizos sociais. Non todas as bibliotecas podemos dar eses servizos, por mor dos recortes económicos e de persoal. Damos tamén servizo de libro electrónico, unha forma máis de fomentar a lectura, e de feito hai bibliotecas que mesmo emprestan os dispositivos de lectura, os e-readers. Somos partidarios ademais que nese servizo de préstamo se inclúa a música e o cine, pero aí moitas veces entramos en conflitos de licenzas. Por iso tamén apostamos por traballar con contidos que queden fóra das novidades: clásicos, cine documentario..., que moitas veces quedan fóra das plataformas de distribución.

 

Marcha de persoal precario da administración autonómica, o pasado 16 de marzo © Bamad-Galicia
Actividade infantil na Biblioteca de Redondela CC-BY-SA Biblioteca Municipal de Redondela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.