"Nos concertos en Madrid a xente sabe as cancións en catalán. Creouse unha confrontación que nós non sentimos"

María Arnal e Marcel Bagés © Festival Noroeste

Os cataláns María Arnal e Marcel Bagés foron unha das grandes sorpresas musicais do pasado con 45 cerebros y un corazón, un álbum que xa fora precedido dunha grande expectación, alimentada polo éxito dos seus EPs anteriores. Cancións como Tú que vienes a rondarme, Canción Total, A la vida (versión de Ovidi Montllor) ou Jo no canto per la veu envolven o mellor da canción popular cunha instrumentación sinxela e coidada e unhas letras que amosan que a beleza é o esplendor da verdade.

Tralo éxito do seu primeiro disco, o ano que vén publicarán o seu segundo album, no que comezarán a traballar este outono, cando remate a súa actual xira. Este 9 de agosto actuaron no Festival Noroeste da Coruña no inigualable marco do Castelo de San Antón, nun concerto que esgotou rapidamente as súas entradas este mércores pola mañá, pouco despois de iniciar a recollida de convites. 

As cancións dos vosos primeiros EPs foron moi ben recibidas e o disco acadou un éxito inmediato de público e crítica. Segue a sorprendervos a resposta da xente? Como foi este proceso?

A sorpresa é constante. Non paramos de facer concertos, polo tanto non tivemos moito tempo para pensar, pero dende logo non esperabamos nin os premios que recibimos, nin as vendas do album. Seguimos vendo a boa acollida que teñen os bolos que damos en todas as cidades, as colas que houbo na Coruña para recoller os convites para a actuación deste xoves, ou as vendas para concertos para os que aínda faltan meses. Algo que pasou nos EPs previos ao disco e tamén no propio album é que faciamos a canción e case inmediatamente a presentabamos, sen deixala repousar. Tú que vienes a rondarme ou 45 cerebros y un corazón fixémolas mes e medio antes de gravar o disco. Isto é algo que vai cambiar no segundo, seguro. 

"O máis difícil para nós sería facer un disco exclusivamente pop, ou un disco encadrado moi claramente nun determinado estilo"

As vosas cancións móvense nun espazo de fronteira entre a canción popular, con distintas orixes, e o pop, entre o acústico e o electrificado. Resulta difícil este espazo? 

O máis difícil para nós sería facer un disco exclusivamente pop, ou un disco encadrado moi claramente nun determinado estilo. Porque non cremos nos xéneros e non traballamos neles; serven comercialmente para ordenar a música, pero á hora que facer unha canción nós valémonos de todo o que escoitamos. Fíxate que as nosas dúas grandes referencias para facer este disco eran Arca e Kate Tempest. Creo que é difícil definir o que facemos e cando nos achegamos a unha canción non o facemos tentando encaixala en nada previo, senón que a construímos con cousas que nos gustan e que sentimos.

Como chegas ás letras? Lin a historia de como naceu 45 cerebros y un corazón, a partir dunha noticia que liches en Público da descuberta dunha foxa común da Guerra Civil. Supoño que en cada canción o proceso é distinto...

Si. Cada canción é distinta, o proceso non se repite. Marcel está coa súa guitarra e cos seus pedais, e investiga. E eu, fago o mesmo coa voz e coas letras. En 45 cerebros, por exemplo, eu quería que tivese un ton moi documental ao comezo e que despois transitase cara a lugares máis máxicos, como unha copla tradicional na que fala a morte, pero construíndo unha canción na que falan distintos tempos e actitudes, unha canción na que tes que ir abrindo portas, atravesándoa. Neste tema tiñamos a letra e a melodía e faltábanos a instrumentación e de feito non me gusta demasiado como a rematamos, gústame máis como a facemos agora en directo. En Tú que vienes a rondarme, en cambio, tiñamos a música, gustábanos, e tiven que buscar unha letra que se axustase a ese imaxinario cósmico.

"Nun comezo a canción ía tratar sobre o caso de Ciutat Morta. Pero cando vin a noticia que falaba dos 45 cerebros e 1 corazón, decidín que ese tiña que ser o tema e saíu moi rápido"

Os meus procesos son lentos ao comezo, porque vou absorbendo moitas cousas, pero despois nun momento dado sóltoas moi rápido. Por exemplo, houbo un tempo no que estaba moi interesada nos romances tradicionais e quería facer unha canción con este tipo de composición. Nun comezo a canción ía tratar sobre o caso de Ciutat Morta e o suicidio de Patricia Heras. Pero cando vin a noticia de Público que falaba dos 45 cerebros e 1 corazón, decidín que ese tiña que ser o tema da canción, e saíu moi rápido.

No disco e nos concertos conviven as cancións en castelán e en catalán, sen conflito ningún. E mesmo cando fas concertos por todo o Estado, en Madrid por exemplo, a acollida é magnífica. É importante isto, precisamente neste momento?

E en Madrid a xente sabe as cancións en catalán, vexo como cantan A la vida! Da situación que estamos a vivir parece que todo o mundo sacou proveito, creouse unha confrontación que nós nunca sentimos. Nos nosos concertos por todo o Estado o que sentimos é o contrario: achegamento, agradecemento, sensibilidade... No disco conviven as dúas linguas porque son as miñas linguas; eu teño ascendentes de Almería, de Estremadura, de Aragón... Ninguén me ten que dicir que linguas son máis ou menos miñas. Hai moito máis respecto e proximidade da que nos fan crer que hai, aprovéitanse de nós. E isto non ten nada que ver con que haxa xente en prisión por manifestarse pacificamente, o que é inaceptable.

"Creouse unha confrontación que nós nunca sentimos. Nos nosos concertos por todo o Estado o que sentimos é o contrario: achegamento, agradecemento, sensibilidade..."

Cal é a vosa relación co mercado da música? Gravastes o disco coa axuda dun crédito que pedistes en Coop57, defendedes o Creative Commons... Atopades algún motivo de conflito neste momento?

Conflito non, ao contrario. Dáche máis coñecemento da situación, do que significa vivir da música. Nós continuamos traballando con Creative Commons e vivimos sobre todo do que sacamos polos nosos directos. Discos véndense moi poucos e aínda que nós vendemos bastantes para o momento actual, non podes vivir diso. Nós escollemos estar nunha produtora como é Fina Estampa, que non é unha multi. O bo que teñen as multinacionais é que normalmente che adiantan os cartos, pero é algo que tamén puidemos facer a través de Coop57. Tamén che esixen máis ritmo, pero te permiten chegar a máis xente. Como vimos deste outro lado, sabemos como se traballa dunha forma e doutra. Pero non vivimos todo isto como un conflito, senón con coñecemento, escollendo o que máis nos convén.

"Continuamos traballando con Creative Commons e vivimos sobre todo do que sacamos polos nosos directos"

Como vai ser o novo disco? Cando se publicará?

Sentimos que o primeiro disco foi a culminación de dous anos de investigación. Agora estamos traballando xa no segundo na liña das últimas cancións que fixemos, como Tú que vienes a rondarme. A nivel sonoro vai haber un paso cara a outro lado. Coa xira non temos moito tempo para ensaiar, pero a partir deste outono comezaremos a traballar. A idea é que saia a finais do ano que vén, pero nunca o podemos saber con exactitude.

María Arnal e Marcel Bagés © Festival Noroeste
Un dos concertos celebrados no Castelo de San Antón o pasado ano © Festival Noroeste

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.