O Código de Hammurabi en galego. Xosé Antón Parada Fernández, profesor de latín e grego no Instituto de Pobra do Caramiñal, ten practicamente rematada unha edición crítica deste texto legal, traducida directamente da súa lingua acadia orixinal ao galego. A obra o froito de varias décadas de traballo, dende os tempos en que Xosé Antón Parada realizaba un traballo de catalogación da biblioteca de Amor Ruibal e deu coa primeira tradución do Código, realizada por Jean-Vincent Scheil, e algunha outra bibliografía relacionada co tema.
"Daquela empecei a estudar acádico e comecei a traballar con este texto como un exercicio para practicar a lectura", explica. "Non tardei moito en aprender a lelo, pero si algo máis dominalo ben si, porque é unha lingua difícil. O Código está en paleo-babilonio, pero para entendelo hai que empzar polo máis fácil, que é o asirio, e de aí vas cara atrás no tempo", di.
"Edicións do Código hai moitas, pero que teñan traducións orixinais non hai tantas, só aquelas realizadas por algúns expertos", destaca. A edición que prepara constará dunha presentación trilingüe: "O texto cuneiforme, a transcrición en caracteres latinos e a tradución galega máis ou menos literal, dentro da literalidade que permite esta lingua", unha gramática acádica e unha guía de lectura desta lingua e unha completa explicación histórica e lingüistica.
O groso do traballo é un extenso estudo crítico, dificultado pola ausencia en España de bibliografía sobre o tema. Ás primeiras obras, presentes na biblioteca de Amor Ruibal froito da correspondencia que mantiña por profesores alemáns ou franceses, sumáronse as que Xosé Antón Parada foi conseguindo de universidades alemás e americanas, sobre todo tras a chegada de Internet, nos anos noventa.
"Esta é unha obra importante na cultura mundial e tamén ten que estar en lingua galega e se a tradución pode ser feita directamente dende o orixinal, pois mellor que mellor", destaca
A obra aínda non ten editorial confirmada para a súa publicación, aínda que o autor salienta que lle gustaría que fose a Universidade ou o Consello da Cultura Galega quen o fixese, "dada a súa importancia para normalizar a nosa lingua". "Esta é unha obra importante na cultura mundial e tamén ten que estar en lingua galega e se a tradución pode ser feita directamente dende o orixinal, pois mellor que mellor", destaca.
O Código
O Código de Hammurabi, ten máis de 3.700 anos e é un dos máis antigos conxuntos de leis conservados e unha das estelas de pedra que o contiña pode verse no museo do Louvre. "Non é tanto un código coma un compendio legal" -explica Xosé Antón Parada- "Unha vez conquistados unha serie de territorios, Hammurabi, nun intento de pacificar e de unificar o seu reinado, o que fixo foi unificar o corpus legal". En efecto, o código de leis unificou os diferentes códigos existentes nas cidades do imperio babilónico, e é decote sinalado como o primeiro exemplo do concepto xurídico de que algunhas leis son tan fundamentais que nin un rei ten a capacidade de cambialas.
"Non é tanto un código coma un compendio legal" -explica Xosé Antón Parada- "Unha vez conquistados unha serie de territorios, Hammurabi, nun intento de pacificar e de unificar o seu reinado, o que fixo foi unificar o corpus legal"
A existencia deste código restoulles poder aos sacerdotes, que anteriormente ditaban as normas, eliminando a súa subxectividade, e fixou unhas normas moi claras tanto nas relacións laborais (salarios, prezos ou a responsabilidade de patrón e traballador, a quen se lle recoñecía un soldo mínimo e vacacións), na xerarquía social, na responsabilidade profesional (un arquitecto que construíra unha casa que caera, matando os seus ocupantes, era condenado a morte), ou na descrición de delitos e a aplicación de penas. No Código está presente a Lei do Talión (o "ollo por ollo", a fixación da mesma pena que o dano infrinxido), pero recolle un abano moi grande de castigos segundo a falta, a súa dimensión e os seus posibles atenuantes, dende multas ata a pena de morte. O rei mandou que se colocasen copias deste Código nas prazas de cada cidade, para que todo o pobo coñecese a lei.