O derradeiro adeus galego a Germán Coppini

Capa e contido do álbum © Lemuria

O 24 de decembro de 2013 finaba Germán Coppini, voz de Siniestro Total e de Golpes Bajos é unha das figuras clave do pop en España. Aínda que nacera en Cantabria, deveu protagonista da movida viguesa. Germán Coppini, que padecía un cancro de fígado, foi un creador respectado e admirado pola calidade das súas competicións e tamén polo seu compromiso político e con diversas causas sociais. Agora, un ano despois do seu pasamento, o selo Lemuria vén de publicar Semper Audax, unha edición limitada de disco de vinilo, CD e libro que recolle o concerto que o músico ofreceu en Ferrol en 2009, no que repasou os seus temas máis coñecidos xunto co Comando Delta, grupo formado dentro da Orquestra de Música Espontánea de Galicia (O.M.E.Ga). Este concerto supuxo a derradeira homenaxe que o músico recibiu en Galicia.

O álbum recolle temas de Coppini en solitario e tamén de Golpes Bajos, como A Santa Compaña, Malos tiempos para la lírica, Cena recalentada, No mires a los ojos de la gente, Hansel y Gretel, Colecciono moscas ou Fiesta de los maniquíes. Este disco forma parte dun proxecto que Germán Coppini botara a andar con Pablo Lacárcel, do selo Lemuria para publicar de forma íntegra o seu arquivo persoal, con gravacións en estudio e en directo, até sumar 28 discos.

O concerto celebrouse o 18 de abril de 2009, incluído pola concellaría de Cultura dentro da programación da Semana da Poesía Salvaxe. Ademais da voz e da palabra de Coppini, destaca a achega musical da Orquestra de Música Espontánea de Galicia, caracterizada pola súa calidade técnica, a súa vontade experimental e o gusto pola improvosación. Guitarras eléctricas, teclados, piano, contrabaixo, batería, saxofóns, clarinetes, zanfoña, coros e obxectos sonoros únense para dar lugar a unha sonoridade moi especial. Germán Coppini manifestou antes do concerto o seu entusiasmo polo espectáculo que se ía presenciar: "chego a Ferrol eufórico" dicía, pouco antes de reinterpretar as súas cancións máis coñecidas, mais cunhas texturas e tons anovados e moi próximos á súa visión da música.

Capa e contido do álbum © Lemuria
Teatro Jofre, en Ferrol © Turgalicia
Germán Coppini Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.