O Día das Galegas nas Letras, dedicado a Dorothé Schubarth

Dorothé Schubarth, nunha das súas recollidas © A Sega

A plataforma de crítica literaria A Sega anuncia a convocatoria da edición inaugural do Día das Galegas nas Letras, unha conmemoración que busca celebrar a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular. A primeira edición, que se celebrará o vindeiro 15 de agosto, estará dedicada a Dolores Schubarth, compiladora do Cancioneiro Popular Galego.

A Sega, que destaca que "a convocatoria será sempre aberta e participativa", dará a coñecer nos vindeiros días o programa completo de accións de celebración. Sinalan que "hai quen senta e observa mentres outros tentan dicirnos quen son dignos e quen non son dignas de entrar no concepto que temos de literatura e de país. Hai quen se laia, hai quen concorda, hai quen simplemente nin atende. E logo estamos as que collemos o foucín, arrefuzamos as mangas e botamos o sombreiro ancho para saír de Sega".

Nun Manifesto (Aturuxo por Dolores Schubarth), a plataforma de crítica literaria subliñan que "vimos dunha estirpe de mulleres que crearon textos para cantalos, que compuxeron música de palabras. Elas, que foron feitas silencio polo peso dunha tradición patriarcal que ditamina para eles os nomes e para elas o anonimato do "colectivo". Ata que chegou ela. A primeira que ousou poñer os nosos nomes a cada unha das composicións". Conclúen que "quen hoxe escribimos debémoslles ter o noso nome propio, a nosa voz inscrita mesmo nas marxes da literatura a aquelas que cantaron antes. A aquelas que construíron o maior acervo literario de lingua galega: a lírica popular. Se nós temos voz é porque houbo quen foi quen de conservala e aínda máis importante, quen foi quen de recoñecela como de nosoutras, lonxe deses discursos da comunidade nos que as mulleres ficamos invisibles. Ese foi o traballo de Dorothè Schubarth que hoxe celebramos, vindicamos e recoñecemos".

"Se nós temos voz é porque houbo quen foi quen de conservala e aínda máis importante, quen foi quen de recoñecela como de nosoutras, lonxe deses discursos da comunidade nos que as mulleres ficamos invisibles"

Dorothé Schubarth naceu en Basilea (Suíza) onde realizou estudos musicais, ampliados en Colonia e Múnich. Dende 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna. Dende este lugar desenvolveu uma intensa tarefa de pesquisa da música popular europea, dando especial atención á zona dos Balcáns e do Cáucaso, así como aos cancioneiros de Alemaña e Francia. En 1978 chegou a Galicia durante as súas vacacións, coa intención de coñecer a nosa música popular. A que ía ser unha breve estadía de descanso, deveu en anos de pesquisas, viaxes, entrevistas con informantes e centos de gravacións perfectamente conservadas.

Hoxe en dia, esta obra é considerada a biblia da lírica de tradición oral galega, o mais amplo repertorio musical popular

En 1984, despois dun intenso traballo de recollida, da análise, clasificación e estudo dese material, foi publicado o Cancioneiro Popular Galego, en sete volumes, unha edición patrocinada pola Fundación Barrié. Hoxe en dia, esta obra é considerada a biblia da lírica de tradición oral galega, o mais amplo repertorio musical popular. Os musicólogos que até aquel momento fixeran estudos sobre a música popular, ficaran na superficie do traballo, realizando compilacións de cantigas. Pola contra, Schubart levou a cabo unha análise en profundidade das melodías, achegando uma proposta crítica de clasificación e propondo teorías sobre as orixes dos diferentes tipos. Ademais, foi a primeira que recoñeceu a importancia das informantes, sendo a primeira pesquisadora culta que recolleu os seus nomes. No Arquivo Sonoro de Galicia están conservados os 248 CD -copias dixitalizadas das gravacións orixinais- coas correspondentes transcricións.

Dorothé Schubarth, na Universidade de Vigo © http://tv.uvigo.es/
Dorothé Schubarth, nunha das súas recollidas © A Sega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.