O FIOT de Carballo presenta unha nova edición con maior apoio á creación

Presentación do FIOT de Carballo © FIOT

A Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo presentaron este venres o programa oficial e a imaxe da XXVI edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), que se desenvolverá entre o 22 de setembro e o 28 de outubro, e que conta cun pequeno anticipo para os máis cativos o 16 de setembro, data na que terá lugar a estrea absoluta de Muiñada de Galeatro, unha das coproducións do FIOT.

O FIOT desenvolverase entre o 22 de setembro e o 28 de outubro e terá un anticipo para os pequenos o día 16

Este ano o festival "ten entre os seus principais eixos a creación artística", xa que participa en tres coproducións, todas elas cun carácter moi diferencial. Así, acompaña no seu primeiro gran proxecto á primeira compañía profesional de Carballo, Galeatro. No segundo caso, colabórase cunha compañía de fóra de Galicia da que o festival fai un seguimento desde hai anos, Atresbandes e a terceira é da man de Contraproducións, cuxo equipo é un incondicional do FIOT e que este ano presentan un proxecto moi vinculado á comarca de Bergantiños, xa que conmemoran o centenario do falecemento de Eduardo Pondal, para o que tamén se conta co soporte da Fundación que leva o nome do poeta galego.

A organización "aposta de forma decidida polo apoio aos creadores emerxentes" e crea o Certame Microteatro Metro Cadrado (M²)

Nesta edición, os organizadores sin "apostar de forma decidida polo apoio aos creadores emerxentes", o que se traduce na aparición de novos espazos como o Certame Microteatro Metro Cadrado (M²), que estende o teatro a outros espazos fóra de sala e busca novos formatos e discursos para chegar a un espectro máis amplo de público.

Ademais, o auditorio do Pazo da Cultura de Carballo acollerá algúns dos directores teatrais de referencia do momento na escena española, como Pablo Messiez, Alfredo Sanzol, Yayo Cáceres, Mario Gas e Miguel del Arco. Entre os galegos, destaca o dramaturgo e director de referencia Cándido Pazó, así como Tito Asorey, un dos directores que está destacando nos últimos anos na nosa comunidade. Todos eles traen varias das estreas absolutas e das inéditas en Galicia que inclúe o programa desta edición.

O cartel deste ano ofrece 34 obras, 3 coproducións, 7 estreas absolutas e 7 estreas en Galicia

O cartel deste ano ofrece 34 obras, 3 coproducións, 7 estreas absolutas e 7 estreas en Galicia nas modalidades de programación de sala, Ciclo OTNI, Rúas dos Contos, Microteatro e Fiotiño. Isto compleméntase con actividades paralelas como a Escola do Espectador, o Café con, o Teatro de Rúa, a exposición Zoom FIOT, o Dálle un Bocado e diversos obradoiros de participación. A presenza internacional está representada por compañías e artistas procedentes de Reino Unido, Bélxica e Portugal.

Un dos pratos fortes desta XXVI edición é a representación de Incendios, das compañías Ysarca e Teatro de la Abadía, na que participa Nuria Espert, a gran dama do teatro español e recentemente recoñecida co Premio Princesa de Asturias das Artes.

Outros dos rostros máis populares das artes escénicas españolas que estarán presentes no FIOT é Fran Perea, que repite con Feeldgood Teatro por segundo ano consecutivo e que se subirá ao escenario do Pazo da Cultura coa estrea en Galicia de El ciclista utópico. Ademais, a actriz Mónica Caamaño foi elixida nesta XXVI edición como Xograresa de Outono 2017 pola súa intensa e diversa traxectoria e compromiso activo co sector cultural, cuxa carreira transcorre entre o teatro, o cine e a televisión.

O próximo 6 de setembro ábrese a venda de bonos para os socios da AC Telón e Aparte, quen poderán mercalas ata o día 12 deste mes. A partir do 13 de setembro a venda de bonos estará dispoñible para o público en xeral.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.