O Panteón dos Galegos Ilustres acollerá a exposición do CCG sobre o 'Alba de Gloria' de Castelao

Castelao, coa locutora Maruxa Boga en Bos Aires en 1945 Dominio Público Consello da Cultura Galega

O 25 de xullo de 1948 Castelao pronunciou o seu histórico discurso Alba de Groria no marco do festival do Centro Gallego de Bos Aires, celebrado no Teatro Argentino da cidade. Foi, ademais, o seu derradeiro discurso e polo seu contido e significación histórica converteuse nun dos fitos simbólicos para o nacionalismo e o soberanismo galegos. Este verán celebrouse, polo tanto, o 70 aniversario daquela data. Agora o Consello da Cultura Galega está a piques de inaugurar unha exposición, titulada igualmente Alba de Gloria, que analiza e recrea o contido do discurso, o seu contexto histórico e a súa influencia posterior.

O derradeiro discurso de Castelao celebrou o pasado 25 de xullo o seu 70 aniversario

A mostra, comisariada por Manuel Gago, inaugurarase o 7 de novembro e poderase visitar ata o 3 de febreiro no Panteón dos Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela) O obxectivo, destaca o CCG, é "plasmar, dun xeito inédito en Galicia e empregando tecnoloxía innovadora" a alocución de Castelao, que "encerra en si mesmo dous grandes valores: por unha banda, ser unha peza clave para a oratoria en lingua galega e, por outra, ser tamén unha alocución fundamental na traxectoria de Castelao, na que recrea unha especie de Santa Compaña galega ao enumerar as figuras relevantes que axudaron a configurar a cultura galega", sinala.

Capa da edición do 'Alba de Groria' impulsada polo Centro Galego de Bos Aires en 1951 | RAG

"Si no abrante d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicions, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única". Así comezaba o histórico discurso, composto para celebrar a "festa maor de Galiza, a festa de todol-os galegos", aínda que os dous primeiros parágrafos do discurso xa foran escritos un ano antes e forman parte do primeiro capítulo do libro IV de Sempre en Galiza.

Cita algunhas grandes figuras esenciais na configuración da cultura galega. Pero tamén fai fincapé "na importancia do pobo, da tradición da xente anónima na configuración da nosa identidade"

O Alba de Groria cita algunhas grandes figuras esenciais na configuración da cultura galega. "Entre Prisciliano, ao que Castelao chama o “heresiarca decapitado”, e o “gran Don Ramón” (Valle-Inclán), trázase unha Santa Compaña que dá forma narrativa a unha enumeración de figuras relevantes para a historia do noso país", explica o CCG. "Con todo, o discurso tamén fai fincapé na importancia do pobo, da tradición da xente anónima na configuración da nosa identidade", engade.

O Alba de Groria de Castelao, en 'tags' | Merixo | CC BY-SA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.