O Pórtico da Gloria reabre para visitas nunha gran 'caixa' de madeira e con entrada a 10 euros

Detalle do Pórtico da Gloria tras a súa restauración © Fundación Barrié

No verán de 2018 quedou ao descuberto o resultado de case unha década de traballos -tres deles de intervención directa- de restauración do Pórtico da Gloria, un proxecto que tivo como resultado máis visible a recuperación da policromía da obra do Mestre Mateo, pero tamén a súa recuperación e protección tras moito tempo de deterioración. A apertura ás visitas do monumento tras a restauración financiada pola Fundación Barrié suscitou unha enorme expectación, con arredor de 80.000 persoas en menos de dous meses antes do novo peche para a continuación dos traballos no templo.

O Pórtico foi "encapsulado" para evitar po e filtracións das obras de restauración que continuarán ata o vindeiro Xacobeo noutros puntos da Catedral

Este 2 de xaneiro o Pórtico volveu estar aberto ás visitas, pero con notables mudanzas na forma e no fondo. A que fora portada da vella Catedral románica compostelá está "encapsulada", isto é, dentro dunha gran estrutura de madeira que separa o Pórtico do resto do recinto. Esta estrutura actúa a xeito de enorme caixa que evita filtracións e pos procedentes das obras de restauración que continúan noutros puntos próximos da Catedral, as cales "prolongaranse ata as portas do vindeiro Ano Santo 2021", segundo cálculos doa Fundación Catedral e do Cabido.

O Pórtico da Gloria tras a restauración © Fundación Barrié

A tarifa xeral para visitar o Pórtico son 10 euros; a Catedral ofrece 50 convites diarios de balde e 100 semanais para veciñanza de Santiago

Alén dese "encapsulamento" a principal e máis controvertida medida é a do cobro de entradas por visitar o Pórtico. Como avanzara a Catedral, a tarifa xeral por visitar unicamente o Pórtico restaurado é de 10 euros que quedan en 8 coa "tarifa reducida" para familias numerosas, persoas en desemprego, estudantes, peregrinos e maiores de 65 anos. No caso dos grupos escolares o prezo é de 2 euros por estudante.

Ás visitas pagadas, con guía e dunha duración duns 45 minutos esixen reserva a través do sitio web da Catedral o nas billeteiras do museo do templo, serán de agora en diante o modelo que a Catedral ofrece como prioritario. Existen tamén, ao tempo, convites que deixan a porta aberta ás visitas de balde que reclamaron nos últimos meses o Concello de Santiago e as forzas da oposición parlamentaria, entre outros.

Estes convites son un total de 50 "para o público xeral" nas visitas de luns a sábado e 100 máis para visitas de veciñanza de Santiago os domingos á tarde. Para retiralos cómpre acudir á billeteira da Casa do Deán -na Rúa do Vilar-, onde cada xornada se distribúen os convites do día seguinte "por orde de chegada". No caso dos destinados a veciñanza da cidade cómpre "acreditar a condición de veciño de Santiago" a través do carné de identidade ou do certificado de empadroamento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.