• Entrevista | Miguel Lois (AC Os Penoucos)
  • Cultura

Os 3.202 bens patrimoniais do Baixo Ulla, nun mapa e dunha soa ollada

Captura de pantalla do Mapa do Patrimonio do Baixo Ulla © Asociación Cultural Os Penoucos

Máis de mil hórreos, ducias de igrexas e capelas, máis dun cento de castros, mámoas ou petróglifos, aínda máis fontes, muíños e lavadoiros; cruceiros, pazos, arquitectura industrial, espazos naturais, panorámicas e variada obra civil, dende pontes ata palcos da música. O Mapa do Patrimonio do Baixo Ulla, aínda en construción, suma xa 3.202 elementos. Esta iniciativa colaborativa, realizada pola Asociación Cultural Os Penoucos, abrangue xa os concellos de Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesures e Valga e vén de incorporar a maior parte do de Rianxo.

Realizada pola Asociación Cultural Os Penoucos, abrangue xa os concellos de Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesures e Valga e vén de incorporar a maior parte do de Rianxo.

De forma moi visual amosa nun mapa a localización de cada un destes bens patrimoniais, podendo seleccionar unha ou varias capas (Arqueoloxía, Arquitectura relixiosa, Elementos relixiosos, Arquitectura civil, Obra civil, Arquitectura industrial, Hórreos, Arquitectura da auga, Espazos naturais e Panorámicas) que se poden visualizar sobre distintos mapas e mesmo sobre a última fotografía aérea do Plan Nacional de Ortofotografía Aérea e as imaxes do Voo Americano do 1956-57, o que permite comprobar os cambios no territorio.

"A gran maioría destes puntos xeolocalizados saen dos catálogos dos plans xerais. Obviamente, esa é unha información moi densa, que hai que debullar e, ademais, algúns dos datos que aparecen son incorrectos ou están mal localizados. Tamén obtemos información dalgunhas páxinas que están a traballar sobre o Patrimonio, como Patrimoniogalego.net ou webs que teñen detallados os cruceiros existentes en Galicia", explica Miguel Lois, un dos responsables do proxecto. "Sempre dicimos que isto é como ter moitos libros esparexidos en diferentes casas e o que facemos é xuntalos nunha soa. Hai moita información por aí colgada e separada, e o que facemos e sumala e presentala a través dun mapa. Evidentemente é un proceso tedioso que leva o seu tempo", engade.

"Sempre dicimos que isto é como ter moitos libros esparexidos en diferentes casas e o que facemos é xuntalos nunha soa. Sumar toda a información e presentala a través dun mapa"

De Rianxo incorporouse agora información (un total de 807) correspodente a todo o concello agás as parroquias de Taragoña e Rianxo, "que teñen quizais un carácter máis mariñeiro e menos fluvial", explica Miguel Lois, que destaca o obxectivo de centrar o proxecto no territorio do Baixo Ulla. "A nosa idea é completar o mapa incorporando a parroquia de Bamio, en Vilagarcía", engade.

Dende cada un dos máis de tres mil elementos contidos no mapa pódese acceder á súa información individual e a fotografías do mesmo. O proxecto, que se completará nos vindeiros meses, está a ser realizado sen ningún tipo de apoio da administración e sen subvención ningunha. Está aberto á colaboración dos usuarios e usuarias, que poden enviar imaxes, datos, novos elementos para a súa xeolocalización ou correccións dos xa publicados.

Praia das Tres Cruces, en Rianxo © Celso Suárez

"Concienciación para preservar este patrimonio"

A iniciativa busca "valorizar e divulgar o patrimonio cultural e natural" dos concellos que forman parte do territorio do Baixo Ulla. Quérese ademais "involucrar á poboación na concienciación para preservar este patrimonio", subliñan dende a asociación.

Quérese "involucrar á poboación na concienciación para preservar este patrimonio"

"Algunha xente púxose en contacto con nós dende distintos puntos de Galicia, sobre todo a nivel individual, felicitándonos e preguntando como o faciamos", comenta o representante dos Penoucos. "Sorpréndense sobre todo de que isto o fagamos gratis, sen ningún tipo de subvención", di. "Cos concellos da comarca non temos relación ningunha. Tampouco pretendemos que ninguén nos axude. Este é un proxecto que sae de nós e que facemos nós, sen apoio ningún e sen subvencións, que facemos con gusto no noso tempo libre", explica.

Miguel Lois anticipa que nuns meses o proxecto contará cunha nova web, máis desenvolvida e con máis funcionalidades: "O que temos agora, aínda que é moi visual e gustou moito, non deixa de ser un mapa no que colocamos os elementos e dende aí podes ir á información estática de cada un deles ou á súa fotografía. Está en marcha a creación dunha nova páxina máis dinámica e actual, que presentaremos dentro duns seis meses. Será unha páxina máis interactiva, que facilitará a colaboración da xente". 

Como a actual páxina está feita con software libre (Leaflet) e usa tamén mapas libres (OpenStreetMap), a Asociación Comunidade O Zulo e a Asociación Melisa, ofrecéronse a desenvolver unha nova web de xeito totalmente gratuito, mantendo a filosofía de catálogo dixital aberto de datos, software libre e publicada baixo licenzas tamén libres.

Fonte e lavadoiro de Rañó © Alberto Vázquez Agrelo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.