Os camiños Portugués e Inglés, as vías a Compostela que máis incrementan a súa popularidade

Un treito do Camiño Primitivo CC-BY-NC de picos pardos

O Camiño de Santiago leva anos incrementando o número de persoas que o percorren. O pasado ano a cifra rexistrada na Oficina do Peregrino (que contabiliza unicamente as persoas que percorren cando menos 100 quilómetros a pé ou 200 en bicicleta) superou por vez primeira as 300.000 persoas (301.046), por riba por exemplo dos números do último Ano Xacobeo (2010, con 271.135). O Camiño Francés segue concentrando a maior parte de peregrinos, sumando seis de cada dez (180.737 no 2017), moi por diante do Camiño Portugués, o Camiño do Norte e o Camiño Inglés, os seguintes en popularidade.

Os datos de xaneiro a xullo neste 2018 son un 9% superiores aos do mesmo período do 2017, o que fai prever que este ano se establecerá un novo máximo histórico, que de seguro será superado polos rexistros que se acaden no 2021, vindeiro Ano Santo. 

Con todo, os datos rexistrados na Oficina do Peregrino permiten constatar que uns camiños crecen máis rapidamente que outros. Así, o Camiño Francés medra un 3% no que levamos de ano, moi por debaixo dese crecemento total do 9%. En cambio, o Camiño Portugués da Costa practicamente duplica o seu rexistro de 2017 nesta altura do ano (+93%) e tamén o Camiño Inglés (+28%) e o Camiño Portugués (+17%) están a experimentar crecementos notables. O Camiño Primitivo (+52%) e o que leva a Muxía e Fisterra dende Compostela (+77%) están a crecer moito, igualmente, aínda que con cifras totais moi inferiores, inferiores ao milleiro de camiñantes nos sete primeiros meses do ano. 

O Camiño do Norte (+6%) e o Camiño Primitivo (+7%) medran tamén máis rapidamente que o Francés, pero sitúanse por debaixo dese 9% de crecemento xeral. Tan só a Vía da Prata experimenta neste 2018 un leve descenso (pasa de 5.430 a 5.420 usuarios e usuarias). 

Os datos provisionais deste ano 2018 parecen confirmar as tendencias que xa se veñen insinuando nos últimos anos. Dende o 2011 (que seguiu ao último Ano Xacobeo de 2010) ata o 2017 a cifra total de peregrinos e peregrinas a Compostela elevouse nun 64%. Aínda que o Camiño Francés (o máis popular e consolidado) creceu de forma máis contida (un 36%), os seus usuarios e usuarias no pasado ano case igualaron os datos do último Ano Santo celebrado. 

O resto dos camiños experiementan crecementos moi superiores, o que fala dunha positiva diversificación. O Camiño Inglés, por exemplo, multiplica por catro as súas cifras nestes seis anos, pasando de 2.720 peregrinos e peregrinas en 2011 a 11.321 en 2017, un número que superará amplamente neste 2018. O mesmo sucede co Portugués, que creceu un 168% neste tempo e no 2017 achegouse á cifra de 60 mil peregrinos. O Portugués da Costa, do que só hai datos a partir do 2016, achégase xa aos rexistros do Camiño Primitivo e do Camiño Inglés e supera con claridade á Vía da Prata. 

O Camiño Primitivo tamén crece amplamente (+147%), o mesmo que o Camiño do Norte (+52%). A Vía da Prata é o único camiño que medra a menor ritmo (+13%), experimentando mesmo un estancamento nos últimos cinco anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.