"Para ser libre tes que ter ferramentas para conseguilo"

Un intre da montaxe © Contraproducións

Nacidas libres, a montaxe da Contraproducións que explora unha fórmula semellante á que tan ben funcionou con As do peixe, non é a súa predecesora. Non o tería doado ao ser, de xeito quizais inevitable, comparada coa auténtica marca de acertos -no texto, nas interpretacións, na posta en escena...- que alicerzou o éxito da primeira.

Mais está claro que segue un mesmo camiño, e non só porque as dúas compartan dramaturgo -Cándido Pazó- directora -Cristina Domínguez- e intérpretes -Mónica Camaño, Susana Dans, Casilda Alfaro e Rocío González-. Ambas conflúen nun mesmo vieiro de ollar, de fronte e desde a perspectiva das mulleres, a verdade do mundo do traballo. Do máis invisible. Coas súas feridas: a desigualdade, os abusos. Malia as preguntas sen resposta. Poñendo o foco, tamén, nos xeitos de resistencia. Nas distintas maneiras, máis e menos recoñecibles socialmente, de loitar pola liberdade e pola xustiza. Sen obviar as contradicións. Coma mulleres normais. Reais. Falamos coas actrices.

Como foi o proceso de investigación?

Mónica: Pois a verdade é que chegaba un punto no que xa non podías ir máis alá. Preguntas que é o que as fai acocharse do mundo e optar por vivir nunha sorte de prisión, e sempre acabas dando co punto da fe. Elas din que son felices e libres. Mais á pregunta de como é esa chamada, responden coa fe, e aí quedas. É algo moi difícil de entender para nós, claro.

Mónica: “Elas din que son felices e libres. Mais á pregunta de como é esa chamada, responden coa fe, e aí quedas”

Con que monxas puidestes falar? Eran de clausura?

Mónica: Falamos coas monxas de Armenteira, que teñen unha hospedería. En Santiago, coas Oblatas. En Armenteira estabamos alí co resto de persoas aloxadas na hospedaría. Podiamos acompañalas nos rezos, por exemplo. E fomos, menos ao de primeira hora da mañá...

Rocío: A verdade é que foi unha experiencia. Foi interesante estar alí con elas, ver como se relacionan, tentar achegarnos ao seu modo de vida sen entender a súa escolla, e sen prexuizar. As de Santiago, as Oblatas, traballan ademáis con Vagalume, unha asociación que con mulleres prostituidas. Para min foi moi interesante porque eu, ademais, non tiña nin idea de como era ese mundo: nunca fun a un colexio de monxas...

Rocío: “A verdade é que foi unha experiencia. Foi interesante estar alí con elas, ver como se relacionan, tentar achegarnos ao seu modo de vida sen entender a súa escolla”

Casilda: E estando alí observabas. Por exemplo, mentres o Capelán esperaba, sentado, elas preparaban todo para a Eucaristía. Unha estampa moi familiar: mentres el espera lendo a prensa, ela afánase en preparar a cea.

Mónica: Si, o Capelán vivía moi ben na hospedería.

Susana: É o que se ve na función. Elas lavan e pranchan a roupa para eles. Mais, á marxe da cuestión de xénero, que tamén o é, hai que ter en conta que a Igrexa é unha institución moi xerarquizada. Se es Capelán, estás situado nun estrato superior á monxa e tamén ao monxe. Se fose un mosteiro de homes os monxes tamén servirían aos superiores.

En realidade, é unha obra sobre a liberdade. Sobre atá que punto somos libres. Todas, non só as monxas.

Susana: Si, sobre se realmente somos libres, se realmente podemos escoller. Está moi ben explicado no que di o personaxe de Alicia: que moitas veces na vida non hai que facer o correcto, que o que importa é ter dereitos.

Mónica: Pero non é só ter dereitos, é ter coñecemento, estarmos ben amoblados, saber que temos dereitos.

Mónica: "Pero non é só ter dereitos, é ter coñecemento, estarmos ben amoblados, saber que temos dereitos"

Rocío: Eu penso que é un pouco o que dicía Mónica, e que nós o que tentamos é atopar esa resposta. Había unha monxa que falaba todo o tempo de liberdade...

Mónica: Si, o que destacaba no seu discurso é que era libre e feliz.

Susana: Dicían que elas escolleran non ter nada, e que ao non estar suxeitas ás cousas do mundo material, eran libres. Mesmo para algunhas podía ser unha maneira de fuxir do seu destino: casar, ter fillos… Unha maneira de escoller non ter que casar.

Susana: “Dicían que elas escolleran non ter nada, e que ao non estar suxeitas ás cousas do mundo material, eran libres”

Casilda: Si, iso pásalle á personaxe da monxa interpretada por Rocío, coa que fala nun avión unha das miñas personaxes, Alicia. Pero a monxa, en realidade, que era da India, non sabía moi ben onde ía, nin se tiña vocación, nin nada, cando viñera para Santiago.

Rocío: Si sabía que tiña vocación de coidar a xente.

Casilda: Si, pero o que quería era ser enfermeira…Iso pasa:  mulleres sometidas primeiro polos seus pais, despois pola súa parella no matrimonio…

Mónica: Debe ser bastante común, si.

Susana: Mesmo hai estudos psicolóxicos que din que hai mulleres que, sen querelo, van como buscando tutela, pasando dunha tutela á outra…

Rocío: Eu non estou de acordo. É como dicir que a muller é a culpable porque ten algún tipo de problema psicolóxico… Como dicir que, no fondo, gústalle que a tutelen.

Mónica: É que son séculos de tutela! É como se quedase gravado no ADN. Para ser libre, tes que ter ferramentas para selo. Pensa en mulleres que levan metidas nun convento desde os 15 ou 18 anos. Se saen con 70, non saben desenvolverse fóra. Están institucionalizadas. E cargan con séculos de estigma: a tutela, o sexo débil…

“Mónica: É que son séculos de tutela! É como se quedase gravado no ADN. Para ser libre, tes que ter ferramentas para selo”

Susana: Eu só dicía que hai unha teoría que di iso. Non suxiro, nin remotamente, que haxa mulleres que lles guste que as maltraten. Habería que falar dunha serie de condicionantes sociais e históricos. Pero entendo que aí hai un problema. Algo debe estar indo mal para que as adolescentes sigan pensando que os ciumes son unha proba de amor, por exemplo.

Rocío: Claro, pero é un problema de educación, non un problema psicolóxico.

Susana: Hai mulleres que recaen no maltrato. Eu xamais diría que a unha muller lle gusta que lle peguen. Non estou defendendo iso. Pero penso que é un problema que moitas mulleres sigan a sentirse atraídas por un determinado tipo de personalidade masculina.

Casilda: Os chulos…

Susana: O “macho”...

Rocío: Eu tampouco estou de acordo…

Susana: De todas maneiras, a idea de falar de liberdade é parte do texto que escribiu Cándido Pazó. A noticia sobre as monxas do convento das Mercedarias de Santiago escolleuna el. A partir de aí fálase de liberdade, do que é a liberdade, desde un punto de vista de xénero. De atá que punto podería haber, tamén, trata de persoas, cun compoñente de xénero, no feito de traer desde un país moi afastado monxas moi novas que non saben moi ben onde van e que despois van ter moi difícil marchar.

“Susana: A partir do caso das Mercedarias fálase de liberdade, do que é a liberdade, desde un punto de vista de xénero”

Mónica: O que di o protocolo de Palermo, por exemplo, é que se son menores de idade, nese tipo de circunstancias, é sempre trata. Mais, a ver, a Igrexa non é parva. Supoño que andarán aí no límite. É trata? É secuestro, se queres marchar e fan o posible para que non o fagas? Que termo se lle pode aplicar? Falando cun membro do Foro Galego de Inmigración, reflexionabamos sobre isto. Ata que punto é unha cousa ou outra?

Rocío: Para min unha das cousas interesantes que ten este espectáculo é que fala de algo que pasou hai nada, aquí en Santiago. E unha das funcións do teatro é reflexionar e falar sobre o que pasa no noso entorno e tempo máis inmediato.

Rocío: "Unha das funcións do teatro é reflexionar e falar sobre o que pasa no noso entorno e tempo máis inmediato"

Susana: En realidade, sabemos moi pouco do tema. O xuíz dixo que non había delito, pero non sabemos nada porque o tema tapouse. Elas marcharon e a Igrexa conseguiu que o tema non tivese máis repercusión.

Mónica: Hai unha monxa coa que falou Casilda que non formaba parte deste caso, pero que nos achegou unha testemuña interesante…

Casilda: Éra unha muller resentida. Ela saíra e casara e estaba contenta coa súa vida. Pero do que falaba era do difícil que era saír. Porque, ademais, non a axudaron, senón todo o contrario. Era mestra e non puido dar clases en ningún colexio relixioso, por exemplo. Porque non é fácil, como se di tanto en Nacidas Libres. Primeiro é tomar a decisión e despois é poder saír. Ter onde ir.

En calquera caso, penso que a obra non trata de xulgar as monxas que, libres ou non, deciden vivir pechadas un convento.

Mónica: Eu penso que non hai máis xulgamento que o que pode facer o público a partir do que ve. Quen xulga, se quere, é o público. Tamén porque é teatro dentro do teatro, con personaxes como o da monxa que sae despois de lle poñan todos os obstáculos posibles, e aínda as segue defendendo. Como con certo síndrome de Estocolmo…

Casilda: Eu tamén entendo que ten que ser moi difícil recoñecer que te equivocaches durante 20 anos. Penso que por iso se intenta xustificar co discurso da fe…

Mónica: E despois está o tema dos coidados, asignado socialmente desde sempre ás mulleres.

Hai outro tema, unido á liberdade, que é a desigualdade. De clases, e mesmo a división internacional do traballo. Non é igual “decidir” nacendo nunha clase social e nun país que noutro.

Susana: Claro, non é igual ser muller con cartos que sen cartos. Non é igual nacer nun lugar que noutro.

Mónica: A partir do tema da liberdade, había moitos fíos, moitas cancelas abertas moi interesantes, pero tivemos que ir  acoutando. O tema da desigualdade está, pero xa estivera máis.

Susana: Pero si, é algo que subxace a toda a historia e que é moi importante.

Citaba Mónica antes o do teatro dentro do teatro. Non é ningunha novidade, pero imaxino que pode supoñer algunhas dificultades: entrar e saír constantemente.

Rocío: A min a verdade é que me daba medo ao principio. Porque non sabía se iso ía funcionar co público. Ese xogo de entrar e sair da ficción, pero finalmente é unha das cousas que máis ritmo lle dan ao espectáculo, e funciona.

En Nacidas libres as actrices debaten -e discuten- constantemente sobre como debe ser a obra. Ensaian e van probando cousas: parece que improvisan… Foi tamén así no proceso de creación? Di o dossier que o espectáculo é froito do diálogo entre os distintos axentes: autor do texto, actrices, responsables da escenografía, das luces… Coma unha sorte de creación colectiva. 

Susana: a ver, o texto non é colectivo. O texto é de Cándido. O proceso non foi como en As do Peixe, no que nós facemos a investigación e despois encargámoslle o texto a Cándido. Aquí pártese dunha proposta de Cándido.

Mónica: Nós traballamos un texto feito por el.

Susana: Nós ensaiamos nun local que ten Cándido na casa na que vive. El está escribindo e nós ensaiamos. E el anda subindo e baixando. Foi igual en As do Peixe.

Casilda: Si, el é como un autor a pé de obra. Entón diálogo claro que temos.

Susana: El desde o primeiro momento tiña claro por onde quería levar a historia. Mais si, claro, colleu de nós detalles para as escenas, achegas para o diálogo…

Rocío: Tamén é moi importante aí o traballo de Cristina Domínguez como directora.

Susana: Pero si, nos ensaios falabamos do tema, coma agora nesta entrevista, e dos nosos encontros e desencontros saíron cousas.

Algo que está bastante presente é a contradición. Nas personaxes, quero dicir. A monxa que interpreta Mónica, por exemplo. Ela é quen decide marchar. Non o consegue ata que chega a denuncia. Pero despois defende as monxas, di que sempre a trataron ben…

Susana: É imposible non ter contradicións, e máis nesta sociedade.

Susana: "É imposible non ter contradicións, e máis nesta sociedade"

Casilda: Todos estamos cheos de contradicións e a Cándido creo que lle gusta moito mostralas nos seus personaxes.

Mónica: É que “non é tan fácil”, como dicimos tantas veces en Nacidas libres.

Rocío: Niso é moi interesante, si, o personaxe da monxa que fai Mónica. Se tomas esa decisión de marchar despois de tantos anos é porque o tes moi pensado. Ela é quen toma a iniciativa, segura do que quere facer, e fala por todas. É un personaxe moi rico.

Mónica: É como a representante sindical. Non especifica os seus motivos. Di que non é perda de fe, pero que tomou a decisión de marchar. Está cansa, tamén polas diferenzas de trato dentro do convento, á marxe de que unha sexa a Nai Superiora e outras, digamos, as obreiras.

Susana: Si, é o personaxe central do asunto.

Mónica: E tamén está como nos leva ao tema da empatía, da solidariedade entre mulleres.

Rocío: Debía haber un sentimento común entre elas, que supoño que só falaban entre elas. Unha necesidade común de marchar…

Susana: Pero ninguén sabe, en realidade, que pasou alí dentro. E por iso nace a historia que nós contamos.

Susana: "Pero ninguén sabe, en realidade, que pasou alí dentro. E por iso nace a historia que nós contamos"

Mónica: Tampouco falaron elas, as que decidiron marchar.

Susana: Seguramente non tiveron oportunidade de facelo.

Rocío: Do que non hai dúbida, ademais, é de que a Igrexa segue a ter un peso social. Iso dificulta máis que poidamos saber o que pasou.

Mónica: Era curioso, pero lías a prensa de aquí e todos dicían o mesmo. Os únicos que achegaban algo novo eran os de La Vanguardia. Daí están tirados algúns detalles da obra, como que lles daban roupa e íalles folgada…

Mónica: “Lías a prensa de aquí e todos dicían o mesmo. Os únicos que achegaban algo novo eran os de La Vanguardia”

Interésame saber como vedes cada unha as súas personaxes. Casilda é Alicia, a muller de negocios coa que se atopa a monxa que fai Rocío, e ademais é unhas das actrices, que ao primeiro parece que non entende e prefire limitarse a actuar, pero que acaba sendo un pouco a máis racional.

Casilda: Alicia é unha muller independente que ten unha tenda e viaxa á India para poder ofrecerlles aos seus clientes “exclusividade”. Ela vive coas e acepta as súas contradicións. Establece unha relación sincera coa monxa que viaxa ao seu lado.. Para min o máis relevante é iso, que é sincera. Non se corta. Di o que pensa.

Susana: Eu vexo máis cousas nese personaxe…

Casilda: Pero iso é o máis importante. En canto á outra, á actriz, ao principio parece que é a parva, pero despois é a máis lóxica, a máis clara. Ao principio representa o oficio da actriz: eu veño actuar, non me compliquedes máis a vida. Pero logo é ela quen ten máis claro que fan alí, que é o que dixera a actriz que representa Rocío ao principio: tentar saber como viven, pensan e senten as monxas, antes como mulleres que como monxas.

Hai outro tema moi importante, que é como comeza todo. Catro actrices que teñen unha idade na que corren o risco de desaparecer dos escenarios. Cheas de non recibir ofertas de traballo, deciden autoempregarse.

Mónica: É o que nos pasou cando fixemos As do Peixe.

Susana: Si, isto lévanos a As do Peixe porque era a realidade. Catro actrices que coinciden nun momento de incerta perspectiva laboral deciden montar algo pola súa conta.

Mónica: É que cando chega á mediana idade a tendencia é que desaparezas. É así.

Susana: Sendo muller, e aínda por enriba muller madura… Pode parecer que o  audiovisual está mellor que o teatro, porque si,hai más producións, pero quen máis pode notalo son os homes. E nos dous campos,teatro e audiovisual,a meirande parte das personaxes femininas  son novas.

Susana: “Pode parecer que o  audiovisual está mellor que o teatro, porque si,hai más producións,pero quen máis pode notalo son os homes”

Mónica: E despois tamén pasa que parece que non hai memoria. Non hai coñecemento do que facemos e fixemos. Preséntanse como novidade cousas que xa se fixeron moito antes...

Susana: O que hai é unha negación do que se fixo. Se non fose polo que fixemos os que viñemos atrás, non habería estruturas nas que agora poden apoiarse as persoas que comezan con 20 anos. Se agora hai unha ESAD, por exemplo, é porque nós pelexamos para que a houbese. Se non existise, terían que ir estudar a Madrid ou a Barcelona. E si hai un desleixo, unha falta de interese nas xeracións máis novas polo que se fixo antes de que eles chegasen.

Susana: “Se agora hai unha ESAD é porque nós pelexamos para que a houbese. Se non existise, terían que ir estudar a Madrid ou a Barcelona”

Mónica: Tamén pasa que a imaxe que se deu do teatro galego é que era unha cousa de dinosaurios…

Rocío: Eu penso que é un problema de descoñecemento. Hai unha xeración intermedia que quedou como desconectada. Hai xente que ten unha traxectoria laboral e que foi quedando invisibilizada. Pero todo isto tamén ten moito que ver co desleixo por parte da administración cara á cultura.

Susana: Si, pero iso é de sempre.

Mónica: Eu penso que vai a peor. Nós traballamos sendo conscientes de ser parte dun sistema, aínda que teña os pés de lama. Eu tiven sempre claro que quería traballar na miña lingua. E se me sae algunha cousa fóra, fantástico, pero teño claro que pertenzo a un sistema cultural, que é o galego. Un sistema no que a lingua é o piar…

Mónica: "Nós traballamos sendo conscientes de ser parte dun sistema, aínda que teña os pés de lama"

Rocío: Son novos e non teñen relación cos directores, coas compañías… das xeracións anteriores. Penso que a ESAD tamén podía facer algo aí.

Mónica: E despois, o que pasa aquí, o tema dos baremos para traballar nunha obra do Centro Dramático Galego, non pasa en ningún lugar do mundo.

Mónica: “O que pasa aquí, o tema dos baremos para traballar nunha obra do Centro Dramático Galego, non pasa en ningún lugar do mundo”

Susana: Non hai outro teatro nacional que lles esixa facer un casting aos actores. É unha ferramenta que poden usar, pero que non é obrigatoria. Só pasa aquí, porque a institución é considerada como un organismo máis da administración pública.

Susana ten o personaxe da Nai Superiora e dunha das actrices. As dúas son mulleres coas cousas claras.

Susana: A miña Olga eu penso que é unha muller moi práctica, que se vai adaptando ás situacións. A Nai Superiora é unha muller que chegou á conclusión de que ten que convencerse a si mesma de que está no lugar onde tiña que estar. E desde esa posición enfróntase á vida. A súa é a cultura de facer o que hai que facer. Ten claro que, se te metes nunha cousa, tes que tirar para adiante sen cuestionarte as cousas, sen escusas.

Rocío ten a monxa que vai no avión con Alicia, e é quen nos conta toda a historia. E tamén unha das actrices, a que o cuestiona todo, porque non a convence como se está a facer a obra. E a policía.

Rocío: a miña monxa é, si, quen vai dando información sobre como acontece a historia, ao contarlle todo a Alicia. Hai unha evolución nela a partir do feedback con Alicia, que fai que tome unha decisión. A policía foi, para min, o personaxe máis complexo de interpretar. Ela está para custodiar a monxa -a de Mónica- pero comeza a sentir empatía… O que acontece entre elas é como un contrapunto cómico no medio do drama…

Susana: A Cándido gústalle poñer despois da tensión dramática un alivio en forma de comedia.

Rocío: Si, pero era difícil non caer no clixé, no tópico. En canto á actriz, ela é quen ten conexión coa autora do texto, que está emigrada. E defende que o que se represente é ese texto.

"Mónica: Unha escolle a liberdade e outra é derrotada, porque xa non vai facer o que quere facer"

Mónica: Despois tamén está esa conexión entre a historia da monxa que decide marchar e a da actriz que toma tamén, cara ao final, unha decisión. Está claro que Cándido quería establecer aí un paralelismo. Só que, tal como eu o vexo, unha sobe cando a outra baixa. Unha escolle a liberdade e outra é derrotada, porque xa non vai facer o que quere facer.

Cartaz da obra Dominio Público Contraproducións

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.