Paz-Andrade ensaísta: os soños dun ilustrado

O xornal Galicia © Biblioteca Fundacion Barrie

"Tampouco debemos deixar intocado o transfundo do problema. A forma de encapsulamento social en que Galicia viviu relegada, polo menos ata a segunda metade do século XIX, vén de moi atrás. A pescuda podería retrotraerse aos comezos do réxime feudal. Ou, cando menos, aos abruptos anais do século XV. É aquí onde se insiren os principais eslavóns da fractura interna, que ía aniquilar á vez a estrutura produtiva e a organización social do Reino. Nada parece máis contrario á expansión que o clima de opresión. Máxime cando dúas clases minoritarias como a nobreza e o clero son as que apertan as torcas sobre as ansias de emancipación da inmensa maioría". Foi Valentín Paz-Andrade quen escribiu estas palabras, no seu ensaio La marginación de Galicia, editado en 1970.

Paz-Andrade denunciou sempre o “xugo”, -tal como o define en La marginación de Galicia-, que oprimira o país, impedindo o desenvolvemento do seu potencial

Este libro complementa outro anterior, Galicia como tarea, do 1959. Paz-Andrade denunciou sempre o “xugo”, -tal como o define en La marginación de Galicia-, que oprimira o país, impedindo o desenvolvemento do seu potencial. E a súa análise, desenvolvida na súa obra ensaística e xornalística, continúa, en boa medida, vixente. “Nunca, desde os tempos dos ilustrados, se fixera no pensamento social galego unha tentativa tan sistemática de propoñer non de forma retórica senón concisa e argumentada, unha vía de industrialización para Galicia”, escribe o historiador Ramón Villares no limiar da edición facsimilar de Galicia como tarea que Xerais tirou do prelo este ano con motivo do Día das Letras Galegas.

O xermolo deste volume, -“o grande manifesto político e económico do nacionalismo progresista”, tal como definiu o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín-, naceu da participación de Paz-Andrade no 1957 nunhas conferencias en Bos Aires sobre economía e cultura galega, convidado polo Centro Galego con motivo das Xornadas Patrióticas. Dous anos despois foi publicado na capital arxentina por Ediciones Galicia, coa coordinación de Luis Seaone.

“O grande manifesto político e económico do nacionalismo progresista”, tal como definiu o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín

“Foi un libro moi valorado entre os seus destinatarios do exilio porteño e doutros exilios, pero padeceu no interior as dificultades da súa edición afastada e da escasa distribución na Terra, así como unha recepción non moi calorosa no campo do galeguismo cultural. Quixo Paz-Andrade asegurar a súa argumentación no 1970, na casa editora transcontinental, de La marginación de Galicia, pero tampouco se chegou a converter en obra de referencia á hora de construír unha interpretación moderna de Galicia, a que podería servir de base para o ‘novo nacionalismo’ dos sesenta e setenta do pasado século. Ese mérito corresponderíalle ao libro de Xosé Manuel Beiras, O atraso económico de Galicia, (1973), que ten algunha parentela coa obra económica de Paz-Andrade pero que se diferenza claramente del no seu enfoque analítico e nas consecuencias políticas que se derivan de cadansúa visión de Galicia”, comenta Villares no limiar.

O propio Beiras, nunhas declaracións que cita Xan Carballa na súa Biografía de Valentín Paz-Andrade (Galaxia), asegurou que “o cadro diagnóstico deseñado por Valentín hai dez lustros segue a describir aínda hoxe a patoloxía endémica deste país”. A proposta de Paz-Andrade para a industrialización de Galicia aséntase en dous piares, segundo resume Villares: a abundante man de obra e a riqueza nun recurso básico como é a auga: doce, para a produción hidroeléctrica, e salgada, para a industria pesqueira, que el mesmo tentou impulsar implicándose na creación de Pescanova. E, “dada a debilidade da banca e do aforro rexional, apela o autor, apoiado nas teorías de M. Keynes, á necesidade dunha creciente intervención del Estado no investimento industrial, para o que é preciso que o Instituto Nacional de Industria (INI) supere a súa baixa proporción de investimentos ata daquela realizados en Galicia”, explica Villares.

O propio Beiras asegurou que “o cadro diagnóstico deseñado por Valentín hai dez lustros segue a describir aínda hoxe a patoloxía endémica deste país”

Os argumentos de Galicia como tarea amplíanse en La marginación de Galicia. O problema comeza, segundo o autor, coa “marxinación do home”. O “desequilibrio demográfico” ten que ver, na súa opinión, non coa “falacia” do “exceso de poboación” como causa do subdesenvolvemento, senón cunha elevada densidade concentrada nunhas determinadas zonas que, unida ao dominio da economía, naquela altura, polo sector agropecuario, atopa o seu escape na emigración. “A súa achega á causalidade da emigración galega arguméntase mediante o recurso a obras de ilustres científicos sociais, (Hicks, Fromont, Landry), que xa postulaban entón a necesidade de entender as migracións como un resultado das diferenzas de renda entre lugar de orixe e lugar de destino, o que hoxe se chamaría ‘privación relativa’, e non mediante alusións á miseria, ao desexo de aventura e por aí adiante”, xulga Villares.

A “marxinación do capital” é, segundo Paz-Andrade, outro dos eixos da cuestión. Non abonda, entende, co tópico da Galicia como terra rica que vive pobremente

A “marxinación do capital” é, segundo Paz-Andrade, outro dos eixos da cuestión. Non abonda, entende, co tópico da Galicia como terra rica que vive pobremente. O marco administrativo provincial, “pezas dunha cuadriculación artificial”, constitúe, ao seu ver, un dos primeiros obstáculos. Como o dualismo interior, no que conviven “núcleos industrializados” con retagardas “de atraso e autoconsumo”. Ou o feito de que o país quedou á marxe ou participou “escasamente” nos “grandes despregues financeiros que comandan os núcleos favorecidos pola polarización do poder económico, o oligopolio da enerxía e a transmigración do aforro”. A descapitalización lastra, así, o avance industrial. En canto ao agro, a modernización técnica, a diversificación de cultivos ou a mellora das infraestruturas, xunto coa creación dunha rede de Caixas Rurais ben organizada, son algunhas das súas propostas.

"Só o galego pode utilizarse como vehículo para a relación con Brasil, onde tal vez se acumula a maior dispoñibilidade de recursos naturais do mundo, e, tanto o nivel demográfico como o desenvolvemento económico, adquiren aceleradamente dimensións espectaculares"

Mais unha das dimensións da orixinalidade destes ensaios, para o seu tempo, reside na súa consideración da cultura como un dos factores nos que debe asentarse ese desenvolvemento posible. E a marxinación do idioma, é, por isto, unha das principais pexas a superar. A súa estratexia, ao respecto, é a do “galaico-portugués”. O castelán, -di en Galicia como tarea-, “fálase en vinte nacións do novo Continente. Pero a máis extensa e poboada da área ibero-americana fala portugués. Só o galego pode utilizarse como vehículo para a relación con Brasil, onde tal vez se acumula a maior dispoñibilidade de recursos naturais do mundo, e, tanto o nivel demográfico como o desenvolvemento económico, adquiren aceleradamente dimensións espectaculares. Ninguén pon en dúbida que, algún día, seguramente non moi afastado, a hexemonía económica mundial será exercida, ou cando menos compartida, por aquel favorecido anaco do mundo cuxa conquista iniciou Pedro Álvarez Cabral”.

Coa súa dona Pilar e o seu fillo Alfonso fronte ao sepulcro de Castelao, Panteón galego A Chacarita, Buenos Aires. 1957 © Arquivo Paz Andrade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.