Pequena escolma de 'Sobre Ruínas'

Capa do libro © Alvarellos Editora

Cada certo tempo publícase un libro de poesía que pola súa calidade acada un gran consenso ao seu redor e, dentro das modestas cifras de vendas deste xénero, un certo éxito nas librarías. Está a suceder con Sobre Ruínas, o máis recente poemario de Xesús Rábade Paredes, que hai unhas semanas foi elixido o mellor libro de poesía en galego do 2013 polos lectores de Fervenzas Literarias. Ofrecémosvos a seguir unha breve escolma do libro, publicado por Alvarellos Editora.

 

NADA QUE CELEBRAR

Nada que celebrar, quitando a festa
permanente dos amos.
Peor aínda celebrar a amnesia,
a deserción e a roña,
a vergoña da patria que non houbo,
a inepta medianía.
Quixeras moitas veces fuxir, non teres nado
na terra que te prende e que te mata
e retoñar moi lonxe, lonxe, lonxe,
da cinza dos naufraxios,
da dor dos teus, perpetuos exiliados
sucando o mar da endémica desgraza.

¡Canto doe a memoria! Dá coraxe
enumerar a tropa de tanto malnacido.
Hoxe quero rezar (eu, que non creo)
polos martirizados:

Abenzoados sexan os pobres de pedir,
os pobres de non ter e de gardar,
os pobres de xemer e de carpir,
eternos alugados,
pobres meus de acorar e de chorar,
pobres de ater o gando, meus benditos,
na feira dos tratantes,
os de furar coa rella nas entrañas da terra
desesperando o froito,
tamén os engulidos no bravo mar de afora.

Abenzoados sexan os parias que maldicen
dos deuses resignados
mentres comban as costas nos campos da miseria.
Benditos sexan todos os canteiros sen nome,
os ferreiros do ferro temperado
que terma e non se torce,
os de sucar o tempo suxeitos á rabela
e os mortos a traición, nunca vencidos,
gloriosos mártires dun país sen gloria.
Benditos moitas veces os poetas,
luciñas encendidas no medio da cegueira.

Benditos sexan.
Están a tope os cárceres
de ladróns da chatarra do sistema
mentres que campan libres os banqueiros,
os finísimos capos,
chourizos das finanzas, urdidores
da estafa criminal,
da calculada perversión da vida.
Abenzoados sexan os morosos,
os desafiuzados da man do capital,
comedores das raspas dos mafiosos rampantes.
Sexan abenzoados os ladróns de galiñas,
cativa plusvalía das granxas da fartura.

Arrenegados sexan os tolleitos de espírito,
os tatexos e mudos porque si,
os áfonos na fala de noso que falamos.
Sexan eternamente amén malditos
os ruíns de abxurar,
falsos de traizoar e perxurar.
Maldita sexa a casta ruín dos malnacidos.

 

CONTRA PENÉLOPE

Fala a terra por ti. Na tarde larga
demórase o silencio. Vagarosa,
dóbrase nos vilares de por Parga
a bidueira en ondas. Amorosa,

a man do tempo lentamente alarga
esa eterna preguiza, pexa nosa
que non desinza, roña, tiña amarga
que permanece, praga poderosa.

Soña a terra, abofé, xugada vella
sen ir nin vir, poupada, esa porfía
de non facer e desfacer, boi lento

de desarar sen dó, fendida rella
de desucar na patria penedía.
Fala a terra por ti na voz do vento.


LUZ DOS VENCIDOS

Viñestes visitarme moitas veces
en raiolas de luz
a estes témeros ermos dos cabalos de Atila.
E vides, camaradas de soños e de estrelas.

Dóese o vento aínda polas chairas
baixo o renxer das botas,
do tiro seco e impune -covardes- das pistolas
no silencio das gabias,
e esa sombra -malditos- de sotanas
axexando, sinistra, sobre la pell de brau.

Maldito sexa sempre o contubernio
da tropa uniformada do tirano,
do báculo
e dos amos.
Ínzase o aire aínda
cos seus brados de guerra púrpura polas prazas
contra os mansos -benditos-, contra todos,
masacrando os mandados do seu cristo.

Non pasarán -repite o eco- nunca.
Eu asegundo: non pasarán nunca.
Que así se cumpra eternamente. Amén.


ESTIRPE

Declaro a estirpe: veño dos de abaixo,
domadores de ventos, remontadores de augas,
seres a peito aberto contra lobos,
contra a fera dentame do seixo e do salitre.
Quilla, rizón, plomada... Ferro indómito
de heroicas singraduras:
sublimes labradores do solar milenario.

Rella e temón, sustentadora cepa
do que tal vez un día foi un pobo
e hoxe é só desmemoria: mortal praga.
Ante o presente destrutor, proclámovos
xenios maiores nosos, meus eternos negados.
Quizais única patria.

Xesús Rábade Paredes, Sobre ruínas, Alvarellos, 2013

Capa do libro © Alvarellos Editora
Xesús Rábade Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.