Play Doc: Anak Araw, Makamana e Stop The Pounding Heart

Dominio Público Praza Pública

O diluvio universal que caía na cidade convidaba a refuxiarse na gran pantalla do Teatro Municipal de Tui. Coas botas enchoupadas, en realidade, todo eu enchoupado, ocupo a miña butaca nunha tarde na que se destacan as estreas de varias películas que forman parte da selección competitiva. Este venres o festival madruga, a primeira sesión é ás 16,30, anticipo claro de que as as xornadas deste día e do sábado son as máis cargadas do festival: seminarios, presentacións de libros, masterclass e películas conflúen nun fin de semana cargado de cousas no Play Doc. Comezo a tarde, pois, con Anak Araw, filme encargado de abrir esta tarde de venres e películas en Tui.

Os 70 minutos que seguiron son, aínda horas despois, inexplicables. O que para min é un conglomerado de imaxes irreais, estrañas e incomprensibles, probablemente agoche unha historia que non acabo de captar. Non consigo ser obxectivo cunha película que me aburríu.

'Manakarmana' é, sen dúbida, un filme fermoso que, aínda que ás veces se fai lento, consegue deixar un moi bo sabor de boca

O desastre de Anak Araw non me impide proseguir a miña tarde de cinema documental. Despois dun café para quentar o corpo, e os ánimos, esta húmida tarde continúa con Manakamana: unha viaxe de 118 minutos nun teleférico a través das montañas nepalís. Mediante un único plano e moitas personaxes que van subindo e baixando deste teleférico, Stephanie Spray e Pacho Vélez, directores do filme, fan un perfil etnográfico da sociedade nepalí. Conversas sobre a paisaxe, sobre os que faceres da vida cotiá ou largos silencios que duran toda a viaxe é a equipaxe que non acompañará nunha viaxe contemplativa e relaxante polos montes verdes do Nepal. Case dúas horas sen máis historia que a vida mesma, a rutina normal: a vida dos habitantes e visitantes do templo de Manakamana. Sen dúbida, un filme fermoso que, aínda que ás veces se fai lento, consegue deixar un moi bo sabor de boca.

Co horario moi axustado, abandono a sala sen apenas tempo para coller folgos antes de que comece a seguinte película. Stop The Pounding Heart é un dos filmes máis agardados, como así o confirma unha ateigadísima entrada ao Teatro de Tui. Pouco a pouco, insisto, a expectación que había para a película era incrible, a sala vaise enchendo de novo. O filme mergúllase nos Estados Unidos profundos, en Texas. Alí, nunha sociedade que venera as armas, o rodeo e a relixión, a película céntrase nunha familia ultrarelixiosa e, sobre todo na filla, Sara, que se converterá na protagonista da historia. Estamos ante un documental ficcionado no que os actores interprétanse a si mesmos. Rodada sen prexuízos, a familia autoretrátase deixando ao público que sexa o que tire as propias conclusións sobre ese sorprendente ‘American Way of Life’. Caídos os títulos de crédito, o director de fotografía do filme, e vigués, Diego Romero Suárez-Llanos compartiu un anaco co público antes de ser despedido cunha grande ovación.

Este sábado terán lugar os pratos fortes do festival. Xunto coa proxección do o último filme da sección oficial, o aclamado documental Costa da Morte de Lois Patiño, terá lugar a cerimonia de entrega de premios e o pase de When You’re Strange. A noite rematará cos concertos de Novedades Carminha, Malandrómeda e Sequin na sala Metropol ás 00:30.

>> Lea todas as crónicas no blog Cinema na praza

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.