Santa Maria da Feira, Capital da Cultura 2018 do Eixo Atlántico a hora e media de Tui

Castelo de Santa Maria da Feira Dominio Público Câmara Municipal de Santa Maria da Feira

Santa Maria da Feira, ao sur do Porto e a menos de hora e media de Tui, é a cidade elixida este 2018 como Capital da Cultura do Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal. Este venres acolleu a presentación do seu programa para todo o ano, que seguirá a ampliarse e ao que están invitadas a incorporarse o resto de cidades asociadas.

O evento bianual inclúe actuacións musicais, teatro, exposicións ou seminarios

Entre outras moitas actividades, concertos e representacións teatrais, Santa Maria da Feira acollerá un festival de cinema luso-brasileiro, un ciclo de Teatro de Marionetas de Portugal e Galiza, un festival de cultura urbana, exposicións como a bienal de pintura do Eixo Atlántico, unha mostra sobre os camiños de Santiago, un seminario de protohistoria e romanización no noroeste peninsular ou recreacións históricas ligadas aos seus monumentos como o castelo ou o castro de Romariz.

Segundo salienta o Eixo Atlántico, a Capital da Cultura celébrase desde hai 10 anos con carácter bianual na cidade que presenta o mellor programa en opinión das cidades que votan, a través das súas concellerías de Cultura”. En anos anteriores a distinción recaeu en Vilanova de Gaia, Viana do Castelo, Ourense, Matosinhos e Vila Real. Segundo o Eixo, “a Capital da Cultura do Eixo Atlántico promove a creación cultural autóctona, reservando parte da súa programación á cultura urbana realizada por creadores novos; ao mesmo tempo queremos que se configure non só como unha mostra da creación cultural da Eurorrexión senón como unha feira que posibilite a promoción e contratación dos nosos creadores”.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.