"Se es crítica, suponse que as túas opinións son froito da túa sensibilidade, da túa lectura non profesional, das túas arroutadas femininas”

Montse Pena Presas © Distrito Xermar/Arquivo AELG

Ver en que medida os textos literarios infantoxuvenís foron influenciados polos feminismos, visibilizar o papel de mestras e grupos feministas na educación igualitaria a través de contos e manuais e analizar a vinculación entre feminismo e estudos de LIX no contexto galego. Estes son os obxectivos fundamentais do ensaio Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia, (Laiovento), nos que a investigadora, profesora e crítica Montse Pena Presas recolle unha parte da súa tese de doutoramento, achegando interesantes reflexións como que a non consideración da LIX ao mesmo nivel que a literatura para o lectorado adulto supón ocultar ou achegar unha imaxe distorsionada da historia da incorporación das mulleres á narrativa en galego, como proba a tendencia a situar a “eclosión” das narradoras a finais do século XX e comezos do XXI. A autora respondeu as nosas preguntas por correo electrónico.  

O libro é unha adaptación da túa tese. Salientas no limiar que os primeiros materiais críticos que cinguiron LIX e feminismo publicáronse en voceiros do movemento feminista, revistas ou fancines. Que consecuencias tivo isto? Como xurdiu, en xeral, a idea de facer a tese sobre feminismos e LIX?

O libro, máis que unha adaptación da miña tese, é unha parte dela, porque nesa investigación o que intentei facer foi cinguir os vencellos dos feminismos e da literatura infantil e xuvenil en tres ámbitos lingüísticos: o anglófono, o hispánico e o galego. Non obstante, por motivos evidentes, profundicei máis no ámbito hispánico ca no anglófono e no galego máis que no hispánico.

A primeira consecuencia que tivo que os materiais se publicasen de maneira espallada e en medios “alternativos”, ás veces de escasa difusión, foi que moitas veces non transcenderon o seu público cautivo, nin no momento de saír do prelo, nin por suposto tempo despois.

“A reconstrución e a recuperación do que fixeron as feministas dos anos 70 e 80 é complexa e laboriosa”

Isto provocou que a reconstrución e a recuperación do que fixeron as feministas dos anos 70 e 80 sexa complexa e laboriosa, pero sobre todo, dende o ámbito da academia, que moitas veces se pense que se está inventando algo cando, en realidade, hai xa moito tempo que esa iniciativa, esa investigación, esa acción na aula xa fora realizada por mestras implicadas coa coeducación. Neste sentido, paréceme fundamental a recuperación da memoria do movemento feminista, non só no ámbito no que se centra o meu estudo, senón en todos. Coñecer para avanzar, tamén no feminismo, é fundamental.

Nun primeiro momento producíronse, segundo explicas, algunhas tensións entre ensinantes feministas e movementos de renovación pedagóxica. Por que e con que consecuencias para o feminismo?

Eran unhas tensións bastante lóxicas, moitas veces froito da colaboración e de que moitas mestras estaban á vez implicadas no movemento feminista e nos movementos de renovación pedagóxica. Compartindo ideais en certas ocasións, noutras as feministas previlexiaban a consecución da igualdade dende todas as perspectivas no sistema educativo, mentres os movementos de renovación pedagóxica apostaban por atender outras cuestións -poño como exemplo a renovación metodolóxica- que consideraban máis urxentes.

Entre os grupos e colectivos que traballaron a prol do ensino igualitario estaban -ademais dos derivados de grupos feministas, dos partidos políticos e de sindicatos e asociacións de base educativa, ou da administración- os grupos independentes de mestras. Que achegaron, entre todos, e que papel tiveron estas últimas en particular?

O traballo que fixeron os grupos de mestras (nos que ás veces había tamén algún mestre) foi absolutamente fundamental e sería imposible, afortunadamente, de debullar. Mais si que podemos dicir que sobre todo se centraron en debater e cuestionar o marco educativo existente dende todas as súas perspectivas, estudaron a marxinación das mulleres en diferentes materias e manuais, realizaron bibliografías críticas de todo tipo de obras (educativas e literarias), experimentaron coa linguaxe, procurando que esta nos incluíse ás mulleres, e o máis importante segundo a miña perspectiva: deseñaron e puxeron en práctica estratexias coeducativas na aula, que se debatían en grupo e que logo se refacían se non funcionaban.

“O traballo que fixeron os grupos de mestras (nos que ás veces había tamén algún mestre) foi absolutamente fundamental”

Por outra banda, na miña investigación non diferencio entre as labouras que realizaron uns e outros grupos de mestras, fosen independentes ou derivados dalgún partido político ou sindicato. É, ademais, moi posible, que existisen moitos máis grupos de mestras independentes que os que menciono no libro, por razóns fundamentais das que xa falamos: o espallamento dos materiais, a mutabilidade dos grupos, a dificultade para ter acceso a todas as súas achegas e a aínda en reconstrución historia do movemento feminista máis recente fanme pensar que son bastantes máis dos que se documentan.

Ao analizar as primeiras tentativas, experiencias e estratexias coeducadoras salientas, entre outras cousas, o papel de textos publicados nas revistas Festa da Palabra Silenciada e Andaina. Por que? Que relevancia tiveron, en xeral, publicacións feministas coma estas en canto a propostas coeducadoras?

Andaina e Festa da Palabra Silenciada son dous referentes fundamentais se queremos falar de feminismos en Galicia. Escollín ambas as publicacións como puntos de partida polo seu diferente perfil (máis heterexéneo o de Andaina, e especificamente literario o da Festa) e pola súa longa traxectoria de publicación. Á hora de atopar propostas coeducadoras, Andaina foi importante, como tamén resultou estremadamente relevante a Revista Galega de Educación, xustamente polos vencellos entre movemento feminista e movemento de renovación pedagóxica dos que antes falabamos. Sen dúbida, a fundamental para analizar a pegada dos feminismos na LIX foi Festa da Palabra Silenciada, como se demostra no icónico número 5, de 1988, dedicado especificamente ás nenas.

Andaina e Festa da Palabra Silenciada son dous referentes fundamentais se queremos falar de feminismos en Galicia”

Canto á ligazón entre crítica de LIX e feminismos, subliñas as primeiras iniciativas, que viñeron da man de mulleres coma Carme Blanco e Sabela Álvarez, e do colectivo FIGA. A crítica académica viría despois, sobre todo a finais dos 90, coa revista Fadamorgana ou grupo de investigación de Blanca Ana Roig. Preto dos 2000, atopas achegas académicas que analizan a autoría feminina, mais non desde a perspectiva feminista, ou o proxecto liderado a partir de 2006 por Celia Vázquez na Universidade de Vigo, que si aposta por este enfoque. Por que e como veu, entón, antes da man dos feminismos a análise das desigualdades na LIX? Por que hai que procurar esa tradición, nun principio, fóra da academia? 

Para os feminismos, a análise dos contos de fadas, que foi unha das primeiras cousas que fixeron e que se formularon en relación á LIX, era parte das súas reivindicacións sociais no fondo, porque estaban incidindo na educación das nenas e dos nenos. É evidente que a literatura infantil non era un dos seus puntos programáticos e importantes, pero si o era educar as rapazas na liberdade, na igualdade, na necesaria reivindicación de ser quen son.

Para o ámbito académico, especialmente na Península, onde a literatura infantil tardou máis que noutros lugares de Europa en ser materia e campo de investigación universitario, a cuestión do machismo nos textos era unha póla máis na que pescudar. Ademais, tendeuse a esquecer ou mesmo a ignorar as propostas e as pescudas que viñan do movemento feminista. Recuperar estas últimas, saber que os vimbios os puxeron outras e recoñecelos, converteuse nunha das miñas teimas mentres levaba a cabo o estudo, xustamente porque sabía que non estaba inventando nada, senón inseríndome nunha tradición necesaria que cumpría reivindicar e, por momentos, reconstruír.

Que ten de particular, ao respecto, o caso galego? De que maneira se impón o discurso nacional sobre e feminista, nos textos pioneiros, dificultando que se xulgue con obxectividade o campo propio, tal como explicas no libro?

Moitas veces, no caso galego, o discurso nacional impúxose ao feminista tamén na valoración dos materiais educativos. Isto non é algo tampouco que invente eu, senón que xa se pode ver nos estudos da profesora Helena González aplicados aos textos literarios. Quere dicir, que en non poucas ocasións se deixaron de cuestionar criticamente materiais propios -como libros de texto e libros infantís-, ignorando mesmo a invisibilidade das mulleres neles, porque estaban escritos en galego e había que afortalar un ermo, porque estaban lexitimando unha cultura e unha lingua. O que se fixo, entón, foi optar polo silencio.

“En non poucas ocasións deixáronse de cuestionar criticamente materiais propios, ignorando mesmo a invisibilidade das mulleres neles, porque estaban escritos en galego e había que afortalar un ermo”

A non consideración da LIX ao mesmo nivel que a literatura para o lectorado adulto supón ocultar ou achegar unha imaxe distorsionada da historia da incorporación das mulleres á narrativa en galego, como proba a tendecia a situar a “eclosión” das narradoras a finais do século XX e comezos do XXI, sen ter en conta as autoras da LIX que escribían desde os 70. Por que dis iso? Cal é a túa análise sobre as razóns desas omisións?

Coido que pasa fundamentalmente por dúas razóns: en primeiro lugar, a LIX segue sendo considerada unha literatura de segunda por certos sectores, tamén dende o ámbito académico (non hai máis que ver a reacción que se producen ás veces co gallo da resolución de premios de literatura infantil ou comentarios despectivos que se poden ver na rede ao redor deste campo literario), e en segundo lugar, non existe apenas tradición en estudar conxuntamente a literatura infantil coa de adultos, nin sequera cando se trata de autores e autoras que teñen participado das dúas.

“Non existe apenas tradición en estudar conxuntamente a literatura infantil coa de adultos, nin sequera cando se trata de autores e autoras que teñen participado das dúas”

Propós unha periodización que comeza cunha etapa inicial, que abranguería de 1927 a 1980. Caracterizaríase por obras illadas “cunha concepción androcéntrica do mundo”, como a da Margarida a do sorriso d’aurora de Evaristo Correa. Nese contexto, por que dis que Memorias dun neno labrego de Neira Vilas é unha obra “profundamente tradicional” desde o punto de vista do xénero? 

Persoalmente, son moi partidaria de buscarlles as voltas e os puntos de fuga ás obras consideradas “clásicas”. Memorias dun neno labrego éo entre nós, pero que papel xogan os seus personaxes de mulleres? Profundamente tradicionais: a nai e a madriña, as coidadoras, a mestra, que tamén podía selo, pero que neste caso é o amor platónico. Que dende outras ópticas, Memorias sexa unha obra importante para entender a cultura galega dese tempo, non quere dicir que non poidamos cuestionala dende unha perspectiva de xénero feminista, porque perdimos as experiencias das Balbinas e tería sido moi interesante coñecelas (e recoñecelas) tamén a elas.

“Que Memorias sexa unha obra importante para entender a cultura galega dese tempo, non quere dicir que non poidamos cuestionala dende unha perspectiva de xénero feminista”

A segunda etapa, a “etapa militante”, abranguería de 1981 a 1989 e viría marcada pola segunda vaga feminista e a súa influencia na LIX. Desta época subliñas obras como Pericles e a balea de Xohana Torres, O segredo da pedra figueira de María Xosé Queizán e Anagnórise de María Victoria Moreno. Cal é a relación -explicada moi brevemente- de cada unha delas co pensamento feminista? Por que a segunda puido ser, segundo explicas, relegada pola crítica, ao ser considerada “ideolóxica”? (En comparación, por exemplo, con Arnoia, Arnoia, de Ferrín, coa súa ideoloxía “unidireccional e homoxénea”, coincidente coa dominante no nacionalismo). 

En Pericles e a balea (1983), Torres emprega a subversión xa do mito da Penélope naveganta que tanta fortuna lle trouxo na súa poesía, pero antes ensáiao na LIX grazas á figura da balea. En O segredo da pedra figueira (1985), Queizán presenta unha moza, Lazo, que ten que buscar un lugar para que o seu pobo, a tribo dos Amala, asente, xa que sufriron a invasión doutras tribos. Isto combínase coa procura da propia identidade da protagonista, que acaba elixindo ser libre, coñecer quen ela é.

O segredo da pedra figueira foi entendida como ideolóxica, porque se adoita marcar con esta etiqueta os textos que saen, que subverten, a ideoloxía dominante”

Esta novela foi entendida como ideolóxica, porque se adoita marcar con esta etiqueta os textos que saen, que subverten, a ideoloxía dominante. (Mais non nos esquezamos que todos os textos, absolutamente todos, son ideolóxicos). Evidentemente, O segredo da pedra figueira é un texto feminista, mais tamén é un texto nacionalista, precisamente por esa procura colectiva que aparece na novela, pero o que sorprendía era a súa aposta feminista, dado que nos comezos dos oitenta foron bastantes as novelas que se interrogaron polo lugar que, coa autonomía, pasa a ocupar a colectividade galega.

Por último, Anagnórise (1988) é o que teño chamado unha novela feminista iconoclasta por estar protagonizado por un mozo, Nicolau, cuxa vida cambia cando fai unha viaxe longa en coche con unha misteriosa condutora que transforma o seu xeito de pensar, especialmente no que se refire aos prexuízos contra as mulleres. Son tres magníficos exemplos, moi diferentes entre si, do que se pode considerar obras feministas.

A etapa de xeneralización das protagonistas mulleres e nenas virá de 1990 a 2005, segundo a túa proposta de periodización. Ao tempo que van desaparecendo as imaxes máis estereotipadas, as ficcións nas que se apreza o feminismo máis militante tamén se van tornando escasas. Sinalas a Marilar Aleixandre e Agustín Fernández Paz como figuras autoriais de transición entre o feminismo militante -o feminismo explícito de A expedición do Pacífico non parece ter sido penalizado, segundo comentas- e un modelo autorial que aposta pola presenza de mulleres nas creacións, sen explicitar o pensamento feminista pero apuntando a unha sociedade igualitaria. Por que dis que Marilar e Agustín ocupan ese espazo transicional? 

Basicamente por dúas cuestións. Agustín Fernández Paz e Marilar Aleixandre son un autor e unha autora referenciais da LIX galega, ambos os dous cunha ampla traxectoria. Aínda que hai elementos da súa produción que anteriormente poden apuntar cara ao feminismo, hai dúas obras que constitúen un fito fundamental en ambas: Rapazas e A expedición do Pacífico, que eu leo como dous xeitos diferentes á par que complementarios de entender e enfrontar a discriminación das nenas nas obras literarias.

“Hai dúas obras que constitúen un fito fundamental en ambas: Rapazas e A expedición do Pacífico, que eu leo como dous xeitos diferentes á par que complementarios de entender e enfrontar a discriminación das nenas nas obras literarias”

A primeira é case un manual de coeducación, sen renunciar á calidade literaria, de moitísima actualidade para empregar nas aulas, a segunda é unha aposta por deixar facer ás mozas aquilo que soñen con facer, tamén de xeito retroactivo. Despois destas obras, Fernández Paz e Aleixandre continuaron apostando polo feminismo nos seus textos pero, dalgunha maneira, estes libros marcaron o seu camiño cara unha liña violeta cada vez máis clara, pero tamén máis complexa, menos na tona da narración. E é precisamente isto, baixo a miña óptica, o que fixo das súas obras especialmente interesantes neste sentido. Dalgunha maneira, as autoras e autores que viñeron detrás tiñan xa un camiño andado, tiñan referentes dende os que comezar a innovar neste sentido.

Malia todo, seguen a ofrecerse poucos modelos alternativos de “masculinidade” e de “feminidade” na LIX, aínda que as personaxes femininas comezan a xeralizarse nos 90. Por que isto comeza a cambiar con obras de An Alfaya e Neira Cruz? Cal é o papel de Kalandraka na difusión de personaxes non estereotipados, neste sentido?

An Alfaya e Neira Cruz son tan só un exemplo de figuras autoriais que apostan por normalizar a presenza das nenas nas ficcións, de entre outras moitas que se poderían citar, pero a súa obra interesábame en canto Alfaya gusta de colocar en lugares centrais a personaxes que escoran o canon daquilo considerado como “normal” dende diferentes perspectivas, e en canto Neira Cruz ten apostado por recrear a diferentes personaxes de mozas en tempos históricos e lugares diversos.

“An Alfaya e Neira Cruz son tan só un exemplo de figuras autoriais que apostan por normalizar a presenza das nenas nas ficcións”

Tamén houbo bastantes creadores e creadoras nesta época que apostaron polas nenas como se fose unha moda, unha especie de corrente necesaria para escribir LIX. Isto percíbese perfectamente na construción destes caracteres, pouco reais e atractivos para o lectorado. Kalandraka, igual que OQO, acabou difundindo personaxes non estereotipados, como ti sinalas, porque realizou moitas reescrituras a partir de contos tradicionais de diferentes procedencias, nas que o lobo non era tan malo como o pintaban, ou nas que as hipopótamas elixían o propio camiño. Esa transformación era tamén necesaria para que o prelectorado tivese acceso, dende ben cedo, a outros modelos de ser e de sentir.

"Kalandraka, igual que OQO, acabou difundindo personaxes non estereotipados porque realizou moitas reescrituras a partir de contos tradicionais de diferentes procedencias"

"Tamén houbo bastantes creadores e creadoras nesta época que apostaron polas nenas como se fose unha moda, unha especie de corrente necesaria para escribir LIX"

A etapa actual comezaría no 2006 e suporía a confluencia entre feminismos e outras subxectividades nas marxes. Desta etapa sinalas: a presenza de identidades sexuais non normativas nalgunhas historias, coma Titiritesa de Xerardo Quintiá e Maurizio A. Quarello ou O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas ou 22 segundos de Eva Mejuto; a fusión dos feminismos co multiculturalismo -como en Usha de María Reimóndez-, ou a a formulación de masculinidades alternativas á prototípica -coma en O segredo de Marco Polo de Francisco Castro ou Makinaria de Carlos Negro. Tamén “reaparecen” as obras militantes, como Xela volveuse vampira de Fina Casalderrey ou a serie Mulleres bravas da nosa historia de Urco. De que xeito pode explicarse a evolución do tratamento das sexualidades non heteronormativas e, en relación con el, a revisión das vellas masculinidades?

Non nos enganemos, é complexo falar da evolución dos personaxes que manifestan unha sexualidade non heteronormativa, cando hai pouquísimas obras aínda nas que están presentes (de memoria conto sete escritas orixinalmente en galego de entre toda a produción). Iso non quita que na investigación algunhas non sirvan para explicar fenómenos concretos dende a perspectiva literaria. Mais seguen a facer falta máis para seguir soñándonos diversas e diferentes.

“Os mozos e os nenos tamén se ven atrapados nos estereotipos e como o feminismo é un movemento liberador, que pula pola igualdade, coido que tamén facilitou que esas outras masculinidades se visibilizasen”

En relación á revisión da masculinidade tradicional, creo que o camiño é ese, porque os mozos e os nenos tamén se ven atrapados nos estereotipos e como o feminismo é un movemento liberador, que pula pola igualdade, coido que tamén facilitou que esas outras masculinidades se visibilizasen (penso, por exemplo, nalgunhas obras de Antonio Fraga, de Francisco Castro ou de Carlos Negro que apostaron por isto, por liberar aos rapaces dos seus propios corsés).

Citas o traballo da plataforma de crítica literaria feminista A Sega. Se nos fixamos na rede, hai outros proxectos como a revista Criaturas e, supoño, os blogs persoais que fan crítica de LIX. Ollando, en concreto, para a rede, que dirías que achega á crítica feminista de LIX?

Para min a crítica e o comentario de libros é algo que debese enriquecer un sistema literario. Mais non nos enganemos, no noso ámbito, segue sen ser o mesmo ser unha crítica que un crítico. Se es crítica, as túas opinións son froito da túa sensibilidade, da túa lectura non profesional, das túas arroutadas “femininas”. Tamén o es, posiblemente, porque soñabas con ser escritora e non o conseguiches.

“Non nos enganemos, no noso ámbito, segue sen ser o mesmo ser unha crítica que un crítico”

Négome a entender a crítica como algo non rigoroso, como algo mal escrito, como un conxunto de eloxios ou como unha reprodución frustrada e do traballo de creación literaria. Para min, as propias críticas son pequenas pezas de ensaio divulgativo. Por todo isto que che digo, agradezo moito que na rede existan plataformas como “A Sega” (non falo de “Criaturas” porque me considero parte dela) porque dan visibilidade ao que supón facer crítica, e ademais crítica dende unha perspectiva feminista, e conseguen que caian moitos dos estereotipos sobre o que supón ser muller e escritora de crítica literaria. Oxalá máis espazos así. Quizais, o que me gustaría como lectora/espectadora é unha maior atención a textos galegos, por unha cuestión puramente egoísta: segue custando máis valorar o propio. Isto é algo que apenas cambiou dende os anos 70 e 80.

"Quizais, o que me gustaría como lectora/espectadora é unha maior atención a textos galegos, por unha cuestión puramente egoísta: segue custando máis valorar o propio"

En xeral, que se conseguiu e que non, a partir desa ligazón entre LIX e crítica feminista? (Citas, por exemplo, nas conclusións do libro, a volta de estereotipos, pero dados a volta: a supermoza hipervalente...) 

Conseguíronse moitas cousas: atrévome a dicir que especialmente a facer lectoras conscientes, a que as nenas e mozas (tamén os nenos, como vimos) poidan buscar espellos máis reais en que mirarse, a mostrar unha sociedade máis real que cada vez inclúe modelos máis diferentes e diversos, a visibilizar, recuperar e reinterpretar a obra de autoras esquecidas, a ter unha xenealoxía de autoras (con algúns autores) que permitan recoñecerse nelas, a seguir reescribindo as historias literarias, e como me gusta dicir poñéndome algo máis utópica, a seguir intentando facer un mundo máis xusto. Estamos, iso si, no medio do camiño, un camiño que cómpre seguir facendo e desfacendo entra todas e todos.

"Conseguíronse moitas cousas: atrévome a dicir que especialmente a facer lectoras conscientes"

Tamén citas autoras e autores que, en realidade, pertencen a todas esas etapas que distingues. Estou pensando en Fina Casalderrey, Helena Villar Janeiro e máis. Pódese dicir que hai tamén unha evolución na súa obra a partir desa pegada do feminismo? (Sen ir a nomes concretos, refírome). 

Pois a verdade é que non podería xeneralizar nesta pregunta, hai demasiada variabilidade para arriscar unha resposta...

'Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia', Montse Pena (Laiovento, 2018) Dominio Público Laiovento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.