Seis ideas ao redor do patrimonio cultural e o turismo

Unha imaxe do 'Camiño dos Faros' © Asociación O Camiño dos Faros

Trátase dunha construción que fala de numerosas cuestións que non son necesariamente turísticas, como a identidade, a memoria ou a percepción do contorno

Todo profesional da xestión cultural de Galicia deberá afrontar, con relativa frecuencia, proxectos que vinculan patrimonio cultural e desenvolvemento turístico. A proximidade dos dous elementos, que podería parecer “natural”, non o é: trátase dunha construción que fala de numerosas cuestións que non son necesariamente turísticas, como a identidade, a memoria ou a percepción do contorno. Da tensión entre todos estes elementos xorden os elementos clave na planificación de destinos que contan con compoñentes de patrimonio cultural. Quería compartir algunhas ideas ao redor desta ecuación de elementos.

1. A sombra do Camiño non é tan alongada. Sen dúbida ningunha, o Camiño de Santiago é un dos modelos máis exitosos das últimas décadas en Europa nunha estratexia de combinación de recursos, do cal se poden aprender importantes leccións positivas e negativas. A clave do Camiño, ao meu ver, estivo na combinación entre o patrimonio cultural material, inmaterial, e unha certa oportunidade europea. O destino de Santiago medrou e prosperou ao abeiro dunha autonomía con competencias crecentes e importantes recursos, unha Europa que precisaba símbolos comúns e o descubrimento de que a clave do recurso estaba en facer ao usuario partícipe da experiencia (ser un peregrino). Aínda que o magnífico patrimonio cultural inmoble estaba aí (Pórtico da Gloria), non se activou efectivamente ata que existiu un relato contemporáneo que puidera ser compartido. As redes sociais, nos últimos anos, retroalimentan a experiencia coma se fora fan fiction con respecto a lenda da Traslatio e a inventio da tumba do Apóstolo. 

A sombra do Camiño, en Galicia, non é alongada. Non está a vertebrar unha oferta máis ampla

O problema do relato é que se esgota en si mesmo. Nun estudo que fixen sobre a incidencia de Galicia na prensa anglosaxona, puiden observar como nos últimos anos o propio país galego desaparecía porque a marca Camiño de Santiago abondaba en si mesma: un roteiro, un final, adeus. Isto é un problema coa cada vez máis acusada mobilidade dos turistas experienciais. A sombra do Camiño, en Galicia, non é alongada. Non está a vertebrar unha oferta máis ampla. No contexto turístico actual, estes relatos autónomos, case como hashtags, son efectivos, intensos, e xeneran amplas cifras, pero difíciles de encaixar con políticas públicas orientadas ao desenvolvemento do territorio.

Camiño do Norte a Santiago ao seu paso por Abadín CC-BY-SA Praza Pública

2. Os destinos exprés. Relacionado co anterior, nos últimos anos puidemos ver como estas formas de distribución da información sobre destinos a través de redes teñen unha incidencia directa, espectacular e aínda pouco comprendida sobre puntos concretos. Se cadra un dos aspectos máis chamativos é o que acontece coa Mariña luguesa. Zona tradicionalmente periférica do turismo de Galicia, a afortunada combinación de fotografías e eslóganes revolucionou a procedencia de turistas na área: a Praia das Catedrais, o banco de Loiba ou o Fuciño do Porco son exemplos de microdestinos que pasaron dunha taxa de visitantes moi baixa ou inexistente a cifras propias da Toscana. Visitas curtas, tamén baseadas no testemuño gráfico e dixital, das que non sabemos como se relacionan co resto do territorio ou da comarca. 

Abren a posibilidade para un xestor cultural de que é posible, nestes momentos, activar zonas e áreas con niveis orzamentarios mínimos

Este fenómeno é habitual en países cun abundante territorio do rural, como Irlanda, na que os visitantes conducen ducias de kilómetros para visitar microdestinos, como illas no medio dun verde e deserto mar de herba, apenas polo sentido de lugar. As cifras de visitas a estes microdestinos adoitan crear confusións (moitas veces interesadas) entre visitas ao microdestino e ao territorio. Pero, sen dúbidas, abren a posibilidade para un xestor cultural de que é posible, nestes momentos, activar zonas e áreas con niveis orzamentarios mínimos. Outra cousa é a súa estrutura e vertebración.

Praia das Catedrais CC-BY-SA Leo Soriao

3. As marcas sociais. Sen embargo, un aspecto moi relevante que cómpre destacar é que boa parte destes destinos de éxito nos últimos anos en Galicia non foron creados a partir de programas de planificación turística promovidos desde o ámbito institucional. Un dos exemplos máis relevantes é o Camiño dos Faros, programado e popularizado inicialmente por unha entidade civil, e dun enorme éxito para comprender algunhas das dinámicas do turismo actual. O notable éxito do roteiro espertou posteriormente un importante apoio institucional, así como notables dúbidas -especialmente en asuntos medio ambientais ou de seguridade- entre os técnicos locais. 

Boa parte destes destinos de éxito nos últimos anos en Galicia non foron creados a partir de programas de planificación turística promovidos desde o ámbito institucional

Con todo, o éxito destas “marcas sociais” teñen que ver case sempre coa capacidade de crear unha conexión entre ese relato e outros máis amplos. E seriamos inocentes se atribuiramos isto de xeito lixeiro ás “redes sociais”. Unha boa parte destes microdestinos foron, en realidade, propagados desde medios de comunicación. En concreto, La Voz de Galicia e a actividade das súas delegacións comarcais, produtoras dese gran tractor de tráfico web que son as galerías de paisaxes locais. É dicir, hai profesionais da comunicación que verbalizan estes sitios como parte dunha actividade editorial: ese é un elemento clave para entender o auxe dos microdestinos. Non xorde un xeito informal, da “serendipia” dunha rede social. É un proceso explicable en termos da industria dos contidos contemporáneos. E esta é outra importante ensinanza. A propagación da mensaxe nos medios sociais precisa dun punto de partida con capacidade de chegar a moita xente.

Aqueles con máis éxito son sempre aqueles que encaixan nestas grandes estruturas narrativas que os usuarios teñen internalizadas

4. A secuencia e os relatos universais. A característica que teñen todos estes destinos, cando van alén dunha mera fotografía, é a capacidade de encaixar con relatos universais, historias consumidas polo visitante en múltiples ocasións e maneiras. Escribo sobre pequenos destinos do país desde 2003 no meu blog Capítulo Cero. Sen dúbida, aqueles con máis éxito son sempre aqueles que encaixan nestas grandes estruturas narrativas que os usuarios teñen internalizadas. Castro Candaz, o castelo que emerxe das secas do encoro de Belesar representa a Cidade Mergullada; o illote arousán de Guidoiro Areoso, a Máxica Illa á que se retirou o rei Artur; a igrexa de Ventosa, en Agolada, o Secreto agochado no rural galego máis fondo. 

A tensión entre o que conta a historia e o seu encaixe nun relato universal é o aspecto máis complexo, sen dúbida crítico na construción de destinos. Ata que punto é posible? É de verdade sempre posible ou correcto? Non, non o é. Non todo pode ser encaixado nun meme universal, nin debe, pero o turismo cultural non vai tanto do Outro en realidade, senón da nosa relación co Outro. En que medida nos poñemos na posición do Outro para comprender o noso. En que medida lle servimos ao Outro.

Igrexa da Ventosa, en Agolada © Manuel Gago

A consecuencia foi o desastre total: o esquecemento do recurso o día despois, a súa falta de xestión e a creación dun novo problema, ao non ser xestionado nin mantido

5. Resistir ao asedio dos argumentos morais. Na praxe da xestión cultural local en Galicia, gastamos boa parte dos fondos públicos recibidos en desenvolvemento turístico nunha enorme confusión: a de que “os turistas” están interesados nas mesmas cousas ca os locais. A relación dos galegos co seu patrimonio cultural pode chegar a ser moi intensa porque esa materialidade é un elemento crítico para a forma na que definimos a nosa identidade contemporánea. Neses plans acometeuse obra pública de restauración de bens por criterios moitas veces máis “morais” que técnicos. A consecuencia foi o desastre total: o esquecemento do recurso o día despois, a súa falta de xestión e a creación dun novo problema, ao non ser xestionado nin mantido. A manía de restaurar muíños dos 90 ten que ver con esta sensación de ‘débeda’ e herdanza, porque os muíños aínda estaban na memoria dos votantes.

Hai demasiado peso destes factores de herdanza e de memoria local na construción ou articulación de destinos turísticos, en parte debido a certa relación culpable co pasado que describimos Xurxo Ayán e máis eu no ensaio Herdeiros pola forza (2.0 Editora, 2013) e a ausencia dunha política pública de recuperación do patrimonio cultural. Dito doutro xeito: non sabemos para que vale o patrimonio cultural máis alá do seu uso turístico.

Os planos turísticos adoitan estar feitos sen criterios técnicos realistas: en parte porque non están feitos por especialistas

Os concellos aproveitaron a liquidez económica dos fondos turísticos para satisfacer demandas locais sobre a recuperación de patrimonio. Moitas veces, os actores locais son moi sinceros cando consideran que o seu recurso patrimonial vai xerar de seu inxentes fluxos de visitantes ao municipio; o que acontece é que non adoita haber técnicos -ou capacidade de decisión dos técnicos- para calibrar esa relevancia desde o punto de vista do turismo. Habitualmente son moi entusiastas, non profesionais, e parten da base do descoñecemento doutras ofertas turísticas.

Os planos turísticos adoitan estar feitos sen criterios técnicos realistas: en parte porque non están feitos por especialistas. Resistir a esa presión política e social, que ademais é da peor porque se tenta asociar a valores morais e a retóricas de traizón, é un dos maiores desafíos diplomáticos dos técnicos locais. A situación tamén cambiou, con todo, nos últimos anos. Cada vez percibo máis fastío nos alcaldes ante os argumentarios locais dos usos turísticos dun castro ou dun conxunto de mámoas. Saben a verdade pero non se atreven a dicila aos seus veciños.

Castro Candaz, no encoro de Belesar CC-BY-SA Fran Eirin

6. Porén. E sen embargo, desde a miña perspectiva, non podemos negar o gran peso que ten xa o patrimonio cultural material e inmaterial na imaxe de marca do país e na configuración da imaxe deste destino; coido que se pode afirmar que é apenas un punto de partida para un desenvolvemento máis amplo e ambicioso, que ademais contribúa á dinamización de zonas de país cunha paradoxa de seu: grandes potencialidades de desenvolvemento turístico e forte decadencia do sistema económico agrario tradicional.

O país é aínda un diamante por explotar, de algún xeito unha tabula case rasa para a construción de produtos turísticos innovadores

O país é aínda un diamante por explotar, de algún xeito unha tabula case rasa para a construción de produtos turísticos innovadores. Desde a miña experiencia no sector gastronómico, sabémolo ben, por exemplo. A existencia dunha vibrante realidade cultural ao redor da gastronomía en Galicia, os valores diferenciais e cautivadores de toda a experiencia gastronómica no país en comparación coa outras ofertas europeas, é un exemplo destes potenciais aínda pouco explotados.

E non debemos buscar os motivos só nas eivas da oferta (que as hai e moitas). O gran cambio do turismo galego -o cambio cualitativo- conseguirase cando consigamos desenvolver un relato integral, que non remate nunha app e nunha esquecida conta de Twitter. Desde a investigación científica en humanidades, ata a ficción e as artes. Competir nun mercado cada vez máis sofisticado de produtos turísticos só é posible cando este produto de turismo cultural é parte dun esquema máis amplo, dun relato que dialogue, no seu principio, directamente co usuario, sen intermediarios. Eis o reto.

O Fuciño do Porco, en Viveiro CC-BY-NC-SA Vagalume

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.